O Sergas admite que non é quen de asumir as listas de espera de Ourense e prevé subcontratar operacións por 10 millóns ao ano

Imaxe do CHUO e indicación do acordo marco que agora vai asinar o Sergas no que permite que varios tipos de asistencias médicas se realicen en Vigo CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

Sanidade asinará un acordo marco con clínicas privadas para desviarlles doentes que contempla a posibilidade de que cirurxías complexas e neurorehabilitación poidan ser realizadas en Vigo

Catro anos e medio despois da chegada da COVID-19 a Galicia e do seu impacto na sanidade o Sergas admite que na provincia de Ourense "provocou que as listas de espera xeradas non podan ser asumidas cos medios persoais e materiais do propio Servizo Galego de Saúde". Con ese argumento agora asinará un acordo marco con clínicas privadas para desviarlles doentes co que prevé subcontratar operacións e outras asistencias médicas por preto de 10 millóns de euros ao ano. Un acordo que contempla a posibilidade de que cirurxías complexas e neurorehabilitación poidan ser realizadas en Vigo. Pero non no Hospital Álvaro Cunqueiro do Sergas senón en centros privados.

A situación da sanidade pública en Ourense presenta unhas características particulares. Como noutros lugares o seu persoal está desbordado -"traballamos ao 200%"- e hai especialidades como a rehabilitación nas que o Sergas admite que non é quen de atopar profesionais, o que supón que haxa 3.000 persoas agardando máis dun ano en lista de espera. No global das consultas especializadas, o último balance de listas de espera do Sergas indica para o CHUO unha media de141 días, 24 máis que medio ano antes e o dobre que a media galega.

Uns días antes de coñecerse estas cifras, en maio, o novo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, relevaba ao anterior xerente da área sanitaria, Félix Rubial, poñendo á fronte a Santiago Camba, un perfil abertamente político que foi director xeral de Xuventude nos primeiros gobernos de Manuel Fraga, vicepresidente da Deputación de Ourense con Baltar pai e secretario xeral de Emigración no primeiro goberno de Feijóo.

Contas puxo o foco nas subcontratacións a dedo que se viñan facendo en Ourense, uns 8 millóns de euros en 2022, e sospeita de que dous hospitais privados non se presentaran a un concurso para regularizar a situación para así seguir sen contrato

Ao tempo, o Consello de Contas facía público un informe no que puña o foco en como o Sergas vén subcontratando a dedo en Ourense desde hai anos diversas atencións médicas cos privados Centro Médico El Carmen e Cosaga sen mediar ningún tipo de concerto sanitario senón cunha figura extraordinaria denominada "autorización temporal de uso". En 2020 Sanidade convocou un concurso público para tentar "regularizar" esa situación, pero ningún dos dous centros privados se presentou e o proceso foi declarado deserto, un resultado que Contas cualificou de "desconcertante", apuntando a posible "existencia de colusión tácita" entre as dúas empresas para poder seguir traballando sen contrato.

En 2022 con ese tipo de subcontratacións a centros privados o Sergas gastou en Ourense uns 8 millóns de euros, "fundamentalmente, pacientes cirúrxicos para aliviar a presión sobre as listas de agarda", segundo o Consello de Contas.

O Sergas admite que cos seus medios non é quen de atender as listas de espera de Ourense CC-BY-SA Praza Pública

Neste contexto agora Sanidade vén de convocar un concurso público para asinar un acordo marco de asistencia sanitaria en Ourense no que admite que cos seus medios persoais e materiais non pode asumir as listas de espera da provincia. Así que Sanidade elixirá agora unha ou varias empresas en función das ofertas que lle presenten e, unha vez fixadas as condicións marco, despois irá contratando coas elixidas os servizos que vaia necesitando. Ese acordo marco durará catro anos e estima un gasto de preto de dez millóns de euros ao ano.

O concurso está dividido en cinco lotes segundo os tipos de asistencias sanitarias a subcontratar: cirurxías de media e baixa complexidade, cirurxías de alta complexidade, logopedia, procedementos de especial diagnóstico e terapéuticos e neurorehabilitación de dano cerebral. 

Lotes do acordo marco que o Sergas vai asinar en Ourense con centros médicos privados CC-BY-SA Xunta de Galicia

No caso das cirurxías máis sinxelas, a logopedia e os procedementos de especial diagnóstico e terapéuticos o Sergas establece que "os centros sanitarios deberán localizarse dentro da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. Porén, para os lotes de cirurxías complexas e neurorehabilitación sinala que "ante a falta de oferta asistencial xunto cos tempos de desprazamentos, os centros sanitarios poderán estar localizados no ámbito territorial da Área Sanitaria de Vigo". 

Nesa área o principal centro concertado co Sergas é Povisa, co que o último acordo asinado por 10 anos debía rematar o vindeiro 31 de agosto. Porén, o Sergas foi incapaz de actualizar aínda a carteira de servizos a subcontratar nesa área sanitaria e prorrogou catro meses máis por 28 millóns de euros o concerto actual á espera de acordar un novo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.