Se a media de espera xeral en toda Galicia é de 73 días, dez máis que medio ano antes, no CHUO é do dobre, 141 días, 24 máis que no anterior balance
Mes e medio despois de que o Ministerio de Sanidade fixese públicas as últimas listas de espera sanitarias en toda España con datos que lle facilitan as comunidades autónomas e cinco meses despois de que rematase o último período analizado, o segundo semestre do pasado ano, a Consellería de Sanidade vén de facer públicos agora os seus datos máis detallados, con información por áreas sanitarias e hospitais.
Se os datos divulgados polo ministerio xa permitían comprobar que a espera por unha consulta especializada disparárase en xeral en Galicia ao rematar 2023 por riba do peor da pandemia, cunha espera media de 73 días, dez máis que no primeiro semestre do ano, os datos por áreas e hospitais permiten comprobar que o problema agrávase en Ourense cidade. Alí a espera media é de 141 días, o dobre que no global de Galicia, e é especialmente significativa nas consultas de rehabilitación, con preto de 6.700 persoas en lista de espera, case 3.000 delas agardando máis dun ano.
O problema do aumento da espera para unha consulta de calquera especialidade concéntrase na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras especialmente na propia cidade de Ourense. En Valdeorras a espera mesmo mellorou, pasando de case 105 días a finais de 2022 a 64 a mediados de 2023 e 62 ao remate do ano. En Verín empeorou, pasando de 31 días a finais de 2022 a 28 a mediados de 2023 e 50 a finais de ano.
Pero é no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) onde se dispara a espera media por unha consulta especializada, que estaba en 105,6 días a finais de 2022, pasou a 117,8 días a mediados de 2023 e rematou o ano con 141,2 días. Unha situación que non vén herdada da pandemia da COVID-19, xa que tras o empeoramento que esta supuxo nos primeiros meses a situación en Ourense mellorara, como no resto de Galicia.
No servizo de rehabilitación do CHUO hai 6.700 persoas en espera agardando unha media de 333 días
Canto ás especialidades, a rehabilitación xa viña arrastrando demoras significativas e segue empeorando. Se a finais de 2022 a espera media era de 230 días, a finais de 2023 acadaba xa os 333 días. Pero esa é unha media, xa que das 6.700 persoas que agardaban unha consulta a 31 de decembro pasado, 2.917 persoas levaban máis dun ano en espera.
Hai medio ano, cando o Sergas divulgou o seu anterior balance de espera sanitaria, cos datos a 30 de xuño de 2023, este diario preguntou á consellería polos problemas do servizo de rehabilitación en Ourense e a resposta foi que "conta cun cadro de persoal sen todas as prazas cubertas a pesar dos sucesivos chamamentos a listas de contratación e ofertas de prazas en propiedade, con ausencias en moitos casos de longa duración".
Tamén medra significativamente no CHUO a espera en oftalmoloxía, con 138 días de media e 8.700 persoa agardando unha consulta
Porén, rehabilitación non é a única especialidade na que medra significativamente a espera no CHUO. Tamén o fai en oftalmoloxía, onde a 31 de decembro había 8.700 persoas agardando por unha consulta unha media de 138 días, fronte aos 102 días de medio ano antes e os 83 días dun ano antes. Delas, preto de 3.000 persoas agardaban entre medio ano e un ano.