Sanidade prescinde de Eloína Núñez e Félix Rubial nas xerencias de Santiago e Ourense

O Conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto a Eloína Núñez, xerente da área sanitaria de Santiago ata este sábado. CC-BY-SA Xunta

Ángel Facio substitúe a Eloína Núñez en Santiago e Barbanza; Santiago Camba asume o cargo que ata agora tiña Félix Rubial en Ourense, Verín e O Barco;  e Fernanda López Crecente farase cargo da área de Ferrol, que era responsabilidade de Facio

Tal e como xa anunciara o novo conselleiro de Sanidade da Xunta de Rueda, Antonio Gómez Caamaño, chegan cambios a algunhas xerencias, que foron anunciados este sábado por medio de tres comunicados de prensa, un por cada área afectada. Ángel Facio substitúe a Eloína Núñez en Santiago e Barbanza; Santiago Camba asume o cargo que ata agora tiña Félix Rubial en Ourense, Verín e O Barco;  e Fernanda López Crecente farase cargo da área de Ferrol, que era responsabilidade de Facio.

Nado en Santiago de Compostela en 1965, Ángel Facio Villanueva é doutor e licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Posúe un mestrado en Alta Dirección Sanitaria pola Universidade da Coruña, ademais de ser especialista en Medicina Familiar e Comunitaria. Desde 1999 é profesor asociado do Departamento de Fisioterapia, Medicina e Ciencias Biomédicas da Universidade da Coruña. 

O novo xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza é Ángel Facio Villanueva. CC-BY-SA Xunta

Ata o de agora era o xerente da área sanitaria de Ferrol, posto que viña ocupando desde o ano 2012. Entre o ano 2009 e 2012 foi subdirector xeral de Planificación e Ordenación Asistencial na Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde. Con anterioridade, Ángel Facio desempeñou o posto de director de Procesos Médicos da área sanitaria de Ferrol (2005-2009).

Desde o ano 1999 e ata o ano 2005 ocupou diversos cargos no Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide-Profesor Novoa Santos de Ferrol, sendo subdirector Médico entre os anos 2004-2005; coordinador das Unidades de Calidade e de Investigación entre os anos 1999 e 2004; e xefe do servizo de Urxencias entre os anos 1996 e 1999. 

Ángel Facio Villanueva iniciou a súa carreira profesional como médico interno residente de Medicina Familiar e Comunitaria na área sanitaria de Ferrol no período 1993-1995, ingresando en 1996 como médico de familia no Centro de Saúde de Narón.

Facio herda unha área sanitaria ao límite pola falta de persoal, onde Eloísa Núñez Masid –curmá de Alberto Núñez - levaba xa máis de sete anos como xerente.

Santiago Camba, novo xerente para a área de Ourense, Verín e O Barco. CC-BY-SA Xunta

Sanidade tamén anunciou este sábado o nomeamento de José Santiago Camba Bouzas como novo xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras en substitución de Félix Rubial Bernárdez.

Nado en 1960, Camba Bouzas é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela e está especializado en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía. Conta con praza como médico de Urxencias e tamén do Servizo de Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica e cun diploma en Alta Xestión Hospitalaria da Escola Galega de Administración Sanitaria.

Foi director xeral de Xuventude da Xunta de Galicia entre os anos 1990 e 1995 e vicepresidente da Deputación provincial de Ourense entre 1995 e 2001, cargo que compatibilizou coa Vicepresidencia da Federación Galega de Municipios e Provincias. Entre 2000 e 2001 foi director provincial do Servizo Galego de Saúde en Ourense e, entre 2009 e 2012 foi secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia.

Ocupou postos de responsabilidade nas Embaixadas de España en Brasil,Venezuela, Argentina, Colombia e República Dominicana. Na actualidade viña exercendo como coordinador cirúrxico e trumatólogo no Hospital do Barco de Valdeorras.

O seu antecesor no cargo, Félix Rubial levaba desde 2019 como xerente na área de Ourense, Verín e o Barco. Antes xa o fora na de Vigo. Hai poucas semanas falaba con Praza.gal da situación crítica que atravesa a sanidade ourensá e que vinculaba coa falta de profesionais médicos dispoñibles para contratar. 

O ex conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o xa ex xerente da área sanitaria de Ourense, Félix Rubial. CC-BY-SA Sergas

Finalmente, a Consellería de Sanidade tamén informou do nomeamento de María Fernanda López Crecente como nova xerente da área sanitaria de Ferrol.  Natural de Lugo, conta cunha ampla experiencia como directora de Procesos de Soporte na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, posto que viña ocupando na actualidade. Previamente, desempeñou as mesmas funcións na área sanitaria de Ferrol.

Ademais, foi subdirectora xeral de Xestión Socio-sanitaria e Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde entre os anos 2009 e 2012.

María Fernanda López Crecente é médico con praza en propiedade como Facultativo Especialista – Médico Coordinador 061 con categoría de xefe de sala  da Fundación Pública 061 Urxencias Sanitarias desde o ano 1995. Ademais de traballar como médico coordinador-xefe de sala en diferentes períodos, tamén foi directora de Coordinación Asistencial na Fundación Pública 061 Urxencias Sanitarias de Galicia.

López Crecente substitúe á fronte da área sanitaria de Ferrol a Ángel Facio Villanueva, que pasa a ocupar a Xerencia da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.

Fernanda López Crecente, nova xerente da área sanitaria de Ferrol. CC-BY-SA Xunta

Pola súa banda, o secretario de Sanidade do PSdeG,  José Miñones, indicou logo de coñecer os cambios, que isto demostra que “a sanidade galega é un caos. Cando algo se cambia é porque non funciona. Estes anos do goberno popular están a arrasar a nosa sanidade pública”, dixo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.