Mareos, dor de cabeza, tos: sen cuantificar a exposición a tóxicos en anatomía patolóxica do CHUS

Laboratorio de anatomía patolóxica do hospital clínico de Santiago CC-BY-SA cedida/Praza.gal

A Inspección de Traballo instou de maneira firme a xerencia da área sanitaria de Santiago e O Barbanza a realizar unha medición homologada que permita cuantificar os gases no ambiente dentro do laboratorio de anatomía patolóxica, no que traballan con formol

Entre un 80% e un 90% dos diagnósticos dun hospital dependen nalgunha medida do que suceda no laboratorio de anatomía patolóxica. Un servizo case invisible dentro dos centros hospitalarios no que é frecuente ter que traballar a pleno rendemento por unha demanda cada vez maior a causa do aumento de doentes e as mellores posibilidades da Medicina na actualidade. En Santiago, as profesionais deste laboratorio levan desde 2016 solicitando que se mida o nivel de tóxicos que están a respirar durante a súa xornada laboral.

Mareos, dor de cabeza, tos, irritación dos ollos e da gorxa, malestar xeral... Estes síntomas son os que as persoas que traballan no laboratorio de anatomía patolóxica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) aseguran que veñen notando no seu posto, unhas temporadas de maneira máis acusada e outras menos, pero sempre sen ter certezas sobre o correcto funcionamento do seu espazo de traballo, no que traballan con substancias tóxicas cualificadas como potencialmente canceríxenas pola Organización Mundial da Saúde como o formaldehido.

Protesta do persoal do laboratorio no mes de marzo deste ano CC-BY-SA CIG-Saúde

Tras sucesivas denuncias da CIG-Saúde a respecto das condicións de traballo neste laboratorio, onde se analizan todas as biopsias, pezas cirúrxicas ou citoloxías, a Inspección de Traballo acabou por instar de maneira firme a xerencia da área sanitaria de Santiago e O Barbanza a realizar unha medición homologada que permita cuantificar os gases no ambiente. Isto foi en abril de 2023, máis dun ano despois non hai data para realizar esta medición, que é moi exhaustiva porque se basea en diferentes tomas de mostras nun período que pode chegar aos dous meses.

Desde a CIG-Saúde vimos solicitando que se faga unha vixilancia da saúde automatizada destes traballadores xa, que se actúe con medidas de prevención e non que sexan as propias traballadoras as que se presenten no servizo de Medicina Preventiva con síntomas”, defende o delegado de prevención da central sindical Xabier Alvedro.

"Realizaranse novas medicións unha vez instalado o novo sistema de extracción da área de tallado, son medicións laboriosas e complexas conforme ás indicacións pautadas pola UNE", manifesta a xerencia de Santiago

O persoal deste laboratorio do CHUS asegura que “todo funciona a base de apaños” desde hai anos. Praza.gal puido falar con tres traballadoras que relatan o seu “estupor” ante a “inacción” da xerencia da área sanitaria e mais do Sergas. Identifican o problema de base en que “os condutos de ventilación do hospital non son axeitados” para soportar as máquinas que teñen no laboratorio coa súa propia aspiración de gases e mais o aire acondicionado central do hospital.

“Cando chega unha mostra ao laboratorio primeiro pasa pola mesa de tallado, que é onde se ‘corta’. As mesas que había antes non funcionaban ben, puideron comprobar que o sistema de aspiración que tiñan, nin funcionando a tope, cumpría a súa función. A aspiración é moi importante porque o formol pesa máis que o aire, polo que se mantén en suspensión, por iso o inhalamos e entra en contacto co cos ollos. Cambiaron as mesas por unhas moi boas e moi modernas, pero o problema é que a extracción do hospital non está preparada para a potencia destas mesas, polo que temos que poñelas ao mínimo, e volvemos a estar coma antes. É certo que teñen unha mampara que non tiñan as outras mesas, polo que non se nota tanto o cheiro do formol, pero está aí”, debulla unha das traballadoras do laboratorio.

Por lei, o laboratorio ten que preservar as mostras de tecido sobrantes en formol. Gárdanse nun armario que ten a súa propia extracción de gases incorporada, pero que as traballadoras aseguran que non está conectado porque “o sistema non o soporta” e que desde a dirección do hospital lles transmitiron “que non o conectaron de momento porque hai unhas obras pendentes e xa se fará aí”. Mentres tanto, cada vez que alguén abre as portas dese armario recibe un golpe de aire con esta substancia concentrada en suspensión.

O laboratorio sitúase na planta -3 do clínico CC-BY-SA cedida/Praza.gal

"Non se nos toma en serio. Antes o formol considerábase nocivo, agora sabemos que é canceríxeno pero nós seguimos sen revisións de saúde específicas", di unha traballadora

Desde a xerencia da área de Santiago, dirixida por Eloína Núñez, manifestan que se “instalaron xa tres novas mesas de tallado que teñen un propio e potente sistema de extracción. A maiores, nestes momentos está a traballarse nun novo sistema de extracción desde a área de tallado ata o exterior que reforzará a extracción do laboratorio cun segundo conduto o que garantirá tamén as necesidades futuras”.

Neste sentido, a xerencia confirma a Praza.gal que as medicións que segundo o requirimento da Inspección de Traballo tiñan que estar feitas con data de decembro de 2023 aínda non foron realizadas. “Realizaranse novas medicións unha vez instalado o novo sistema de extracción da área de tallado, son medicións laboriosas e complexas conforme ás indicacións pautadas pola UNE. De tódolos xeitos subliñar que as primeiras medicións, realizadas con tubos colorimétricos, amosaron valores correctos”, sinalan desde a dirección do hospital.

Sobre as medicións levadas a cabo ata o de agora, as traballadoras consultadas relatan que se fixeron “cando non había actividade no laboratorio” e “despois de cambiar os filtros” do lugar onde se ía medir. “Non se nos toma en serio. Antes o formol considerábase nocivo, agora sabemos que é canceríxeno pero nós seguimos sen revisións de saúde específicas. Noutros hospitais faise un seguimento da capacidade pulmonar e incluso revisións xinecolóxicas”, lamenta unha das traballadoras do laboratorio.

Un gran problema do formol é que chegas a adquirir certa tolerancia pola exposición repetida, así que acabas por non ulilo. De todas maneiras, cando baixan de Preventiva e din que non o olen, e pretenden que con iso xa temos que quedar tranquilas... é unha falta de respecto”, engade. “Isto non lles importa moito porque as consecuencias non son a curto prazo e o que pasa no laboratorio non se ve”, asevera outra traballadora.

Corredor do hospital clínico de Santiago CC-BY-SA cedida/Praza.gal

Noutro espazo do laboratorio trabállase sobre unhas campás de extracción. “Temos campás sen cambiar o filtro desde 2018 e outras que non funcionan, e debaixo teñen bidóns de residuos que, queiras que non, están vertendo gases tamén ao ambiente”, advirte unha traballadora. Outra, veterana, asegura que varias das campás extractoras son as mesmas que instalaron cando se inaugurou o edificio do hospital clínico e nin sequera están homologadas, “son campás de cociña”.

"Queremos traballar en condicións de seguridade e que se nos respecte", inciden as profesionais

“O último que queremos é ir traballar e ter lío todos os días, pero xa está todo o mundo farto”, explica unha traballadora, que relata tos nocturna e sangrado do nariz os días que pasa moita parte da xornada na zona de tallado do laboratorio. “Queremos traballar en condicións de seguridade e que se nos respecte”, inciden as profesionais.

O laboratorio de anatomía patolóxica é un servizo central do hospital. A CIG-Saúde ten solicitado ao Sergas que se tomen medidas, detallan que para a toda a área de Santiago hai cinco técnicos de prevención de riscos, polo que o servizo de Preventiva está “claramente infradotado”. A maiores, indican que non existe, ou polo menos non se aplica, ningún protocolo no Sergas para o seguimento da saúde do persoal que traballa nos laboratorios de anatomía. “Non hai medios, nin de recursos humanos nin materiais”, critica Xabier Alvedro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.