A principios de abril desenvolveuse o proceso de axudicación das prazas de formación sanitaria especializada da convocatoria 2023-24, as prazas MIR, principal vía de acceso do persoal médico aos centros sanitarios públicos. No caso da Medicina Familiar e Comunitaria en Galicia estaban ofertadas 207 das que quedaron sen cubrir 63, isto é, o 30%, dez puntos máis que o ano anterior.
A quenda extraordinaria do MIR logra adxudicar só 21 das 63 prazas MIR de familia que quedaran baleiras en Galicia e as vacantes quedan no 20%, coma o pasado ano
Por segundo ano consecutivo, o Ministerio de Sanidade ofertou unha quenda extraordinaria para que o persoal que non obtivo praza MIR na primeira volta, así como persoal médico sen permiso para residir en España, puidesen acceder ás vacantes. Esa quenda culminou este 24 de abril e a maioría das prazas pendentes para a Atención Primaria galega ségueno estando: continuaron vacantes 42, a maioría nas áreas sanitarias de Lugo e Ourense. É dicir, como o pasado ano, unha de cada cinco.
Segundo consta no informe de adxudicación de prazas elaborado polo Ministerio este mesmo mércores, a área lucense e ourensá saen da convocatoria extraordinaria mantendo máis da metade das prazas MIR de medicina de familia sen cubrir. Das 30 ofertadas en Lugo, 12 foron adxudicadas na primeira quenda e unicamente dúas na segunda, polo que fican finalmente baleiras un total de 16. Ourense, que ofrecía 21, logrou adxudicar 8 na primeira volta e só unha na segunda e as vacantes son finalmente 12.
As áreas sanitarias lucense e ourensá non chegaron a cubrir nin a metade das prazas que ofrecían
Relativamente mellor parada saíu a área sanitaria de Ferrol. Tras a primeira elección tiña sen cubrir 9 dos seus 15 postos MIR de familia, pero cinco deles foron elixidos na segunda, polo que só lle restan 4 vacantes. Son as mesmas que en Santiago, que ofrecía 40 prazas, cubriu 30 na primeira quenda e outras 6 na segunda.
Tampouco conseguiu completar todas as prazas vacantes a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que tiña dispoñibles 23. Só conseguiu incrementar en 4 as 13 adxudicadas no primeiro intento, polo que lle quedan baleiras ata seis.
Despois deste segundo proceso no hospital privado-concertado Povisa cubríronse tamén as tres vacantes que lle quedaban para os MIR de Familia, polo que completa os seus 12 postos. A área de Vigo é así, xunto á da Coruña, a única con todas as prazas MIR de familia completas.
A porcentaxe galega de vacantes nas prazas MIR de familia duplica a media estatal
Atendendo aos datos do Ministerio, noutras oito autonomías ademais de Galicia tampouco lograron cubrir no segundo intento todas as prazas MIR de Medicina Familiar e Comunitaria. Trátase de Andalucía, Aragón, Asturias, Castilla y León, Catalunya. Extremadura, Balears, La Rioja e Navarra.
No conxunto do Estado, indica o Ministerio, tras as dúas convocatorias quedaron sen adxudicar 246 destas prazas MIR de familia das 2.492 dispoñibles. Foron adxudicadas, daquela, o 90%, polo que a porcentaxe galega de vacantes duplica a media estatal.