Este pasado luns, as distintas folgas e reivindicacións médicas que enfronta o Sergas provocaron que se deixasen de realizar máis de 5.800 consultas hospitalarias, 4.421 consultas en atención primaria, 541 probas diagnósticas e 196 cirurxías.
O Sergas cifra en case 190.000 os actos médicos suspendidos desde o inicio das folgas médicas en decembro
En total, e desde que empezara no primeiro luns de marzo a folga indefinida en atención primaria convocada polo sindicato O'Mega, son máis de 50.000 as consultas médicas suspendidas en centros de saúde e PAC. A entidade convocante pide melloras para o persoal médico e vén de enviar á Consellería de Sanidade unha listaxe detallada das súas reivindicacións, que neste caso atinxen a Xunta como posuidora das competencias.
A Xunta chama á "responsabilidade" do persoal sanitario, pero tamén da ministra, para "abrir vías de diálogo e frear as folgas médicas"
No entanto, nun comunicado, a Xunta fixo un "chamamento á responsabilidade" do persoal sanitario pero tamén "da ministra de Sanidade" para "abrir vías de diálogo e frear as folgas médicas". Uns paros que, segundo di a Consellería, desde o seu inicio en decembro co primeiro contra a reforma do Estatuto Marco, supuxeron xa a suspensión de arredor de 190.000 actos médicos (188.645).
Porque o Sergas afronta esta semana, ao mesmo tempo, a folga de O'Mega na atención primaria —que suma máis de quince días— e interpela unicamente á Xunta, ademais da que o luns comezou nos hospitais, a nivel estatal e convocada e apoiada en Galicia por O'Mega ou Simega.
Tamén desde o luns, ducias de médicos activaron a protesta anunciada pola cal se negan a facer peonadas —actividade extraordinaria fóra do horario habitual, normalmente en cirurxía para reducir as listas de espera— ata que a Consellería non se reúna co sindicato O'Mega para pór fin aos paros na atención primaria e atender ás súas reivindicacións. Con todo, Sanidade aínda non facilitou datos sobre o impacto desta medida, que dificulta moito a recuperación da actividade asistencial que prepara a Consellería.
Precisamente, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, pediu a este sindicato que desaloxe o centro médico Olimpia Valencia, en Vigo, onde desde este luns permanecen pechados un grupo de médicos e médicas, como "mostra de boa vontade2 da súa intención de negociar.
O persoal médico encerrado en Vigo manterá o peche ata que Sanidade acceda a negociar con O'Mega
Tras unha reunión telemática coas xerentes das áreas sanitarias para abordar o impacto das folgas, o conselleiro confirmou que recibira o documento de O'Mega coas súas reivindicacións e asegurou que "moitas das cuestións" que solicitan están "xa resoltas ou en vías de resolución", aínda que prometeu estudalo máis a fondo.
O sindicato anunciou este luns do rexistro dese documento logo de que Gómez Caamaño preguntase que é o que "querían negociar exactamente". O conselleiro confirma que volverá convocar a O'Mega e pediu dos seus representantes "espírito realmente construtivo", ademais de "discreción e respecto".
Ante a demanda de que se abandone o peche, O'Mega aclara que non foi convocado por eles e nel participan "médicos sen afiliación e afiliados doutros sindicatos". O encerro, segundo os seus protagonistas, é indefinido ata que a Consellería acceda a negociar co sindicato.