Sanidade dáse mes e medio para responder reclamacións ou suxestións pero sen sancións se non o fai
A Lei de Saúde de Galicia, aprobada en 2008, estableceu no seu artigo 11 o dereito da cidadanía a formular "suxestións e reclamacións" ao Sergas con "procedementos áxiles e efectivos" e con resposta "nos prazos establecidos regulametariamente". Esas queixas xa se viñan podendo presentar do mesmo xeito que ante calquera outra administración, pero é aínda agora, case dúas décadas despois, cando a Xunta comeza a regular o procedemento específico de queixas e suxestións ante o Sergas. Un regulación que chega despois de que así lo pedise expresamente á Xunta cando menos o Defensor del Pueblo en 2024.
A regulamentación sobre as queixas ao Sergas que agora está a tramitar a Xunta admite que o seu obxectivo é "facer efectivos os dereitos recollidos no artigo 11" da Lei de Saúde de Galicia regulando "por primeira vez" ese procedemento. Ata agora a cidadanía podía presentar escritos como ante calquera outra administración, "non obstante, dadas as particularidades existentes das relacións xurídico-administrativas no ámbito sanitario, resulta necesario o establecemento dunha regulación propia", admite a Xunta, que acomete esa tarefa dúas décadas despois.
O procedemento establece que o prazo para que o Sergas conteste "as suxestións, queixas ou agradecementos non será superior a trinta días hábiles desde a súa recepción". Isto é, aproximadamente un mes e medio de días naturais. Porén, a normativa que está a tramitar a Xunta, pendente aínda de aprobación definitiva, non establece ningunha penalización no caso de que se incumpra ese prazo. Se o Sergas non contesta, non pasa nada máis alá de que a persoa afectada poida volver presentar unha nova queixa.
A sanidade vén sendo desde hai anos o principal motivo de queixa ante a Valedora do Pobo
A Xunta lanza esta regulamentación despois de que o Defensor del Pueblo así llo pedise expresamente en xullo de 2024, cando emitiu unha recomendación ao Sergas para "que se establezan as medidas para a publicación dunha norma, de rango adecuado, que regule a tramitación das reclamacións e suxestións no ámbito do Servizo Galego de Saúde". Unha recomendación que o Defensor del Pueblo segue sen dar por cumprida.
Pola súa banda, a Valedora do Pobo vén reflectindo ano tras ano como a sanidade é a principal área de queixa da cidadanía que recorre a ela ante a falta de resposta das administracións.