O Sergas comunica 16 novos falecementos, dos que sete sinala que se produciron en novembro na residencia Doral de Mos pero traslada agora logo de validar que faleceran por coronavirus
A última xornada de datos oficiais sobre a pandemia do coronavirus en Galicia deixa un notable aumento das altas tanto de doentes hospitalizados que saen dos centros sanitarios (40) como de persoas nos seus domicilios (unhas seiscentas) que agora o Sergas xa dá por curadas, o que fai que a cifra de casos activos, a de referencia para a Xunta, baixe dos 6.000 casos (5.996) por primeira vez desde o 24 de outubro. Pero tamén segue a moderarse o rexistro de novos casos, con só 262 engadidos ao cómputo total na última xornada, un día no que o Sergas comunicou tamén 16 novos falecementos pero sinalando que sete deles se produciron en novembro na residencia Doral de Mos e son trasladados agora logo de validar que morreran por coronavirus. [Radiografía da páxina máis negra da COVID: 1.257 mortes en Galicia, con máis falecementos na segunda onda da pandemia].
Na última xornada realizáronse 5.618 probas PCR, unha caída a respecto das xornadas anteriores que non é tan forte como o descenso que se produce na positividade das mesmas, con apenas un 3,6%, o que supón a primeira vez desde comezos de outubro que se baixa notablemente, aínda que sexa puntualmente nunha xornada, do 5% recomendado pola Organización Mundial da Saúde para considerar controlados os contaxios.
A hospitalización cae tanto en UCI como en planta nun total de 40 casos, ata as 372 persoas, por baixo das 400 por primeira vez desde o 24 de outubro
Nos hospitais, tras case unha semana coa situación estancada lixeiramente por riba dos 400 casos ingresados, a última xornada rexistra un descenso tanto da ocupación das unidades de coidados intensivos (pasan de 60 a 50 casos nun día) como da hospitalización ordinaria (cae de 352 a 322 casos), o que permite que a cifra global baixe a 372 persoas hospitalizadas. A cifra supón baixar dos 400 casos hospitalizados tamén por primeira vez desde o 24 de outubro.
Por outra banda, a saída do cómputo de persoas hospitalizadas de 40 casos na última xornada é catro veces máis que os falecementos rexistrados, polo que non foi a morte, como ocorre noutras ocasións, a principal explicación do descenso de hospitalizacións.
O aumento das altas e a correlativa caída dos casos activos é especialmente notable nas áreas de Vigo e Lugo
Por áreas sanitarias, o aumento das altas e a correlativa caída dos casos activos é especialmente notable en Vigo e Lugo. Na primeira área, que segue a ser a máis afectada pola pandemia en cifras totais e a moi pouca distancia da de Pontevedra en relación ao número de habitantes, pasouse nun día de 1.782 a 1.517 casos activos, mentres que na área de Lugo, con moita menos poboación, a baixada foi de 771 a 624 casos activos. Na Coruña tamén se produciu un descenso significativo dun cento de casos de activos.
Na Coruña tamén se produciu un descenso significativo dun cento de casos de activos, mentres que no resto de áreas as baixadas foron menores.
As residencias comunicaron 11 novos casos en persoas maiores, o que deixa o total en 330 persoas afectadas en 18 centros
Nas residencias de maiores, na última xornada sumáronse 11 novos casos entre persoas residentes, o que deixa nun total de 330 persoas afectadas en 18 centros de toda Galicia, ás que hai que engadir outras catro persoas co virus en centros de dependencia. A residencia máis afectada segue a ser a de Vila do Conde en Gondomar con 108 casos activos entre as persoas que viven nela.