Frea o descenso de casos activos de coronavirus en centros educativos tras cinco semanas á baixa

Material de desinfección fronte á COVID-19, nunha imaxe divulgada polo IES Francisco Aguiar de Betanzos © IES Francisco Aguiar (Betanzos)

A última semana deixa máis de 60 aulas pechadas en toda Galicia tras catro semanas por baixo de 50

Os casos activos de coronavirus vinculados con centros educativos (non os novos positivos, dato que non ofrece a Xunta) rexistraron un estancamento e mesmo un lixeiro empeoramento na última semana tras as cinco semanas previas de progresivo descenso, en liña co empeoramento xeral das cifras da pandemia en Galicia dúas semanas despois da desescalada nas restricións que se comezou a aplicar xusto antes da ponte de comezos de mes. Os algo menos de 900 casos activos que se rexistraron nos últimos cinco días lectivos contrastan cos 1.300 que había a comezos de decembro, pero a cifra deixou de baixar ao ritmo que o viña facendo. 

Canto ás aulas, este venres eran 66 as pechadas en toda Galicia, cifra que contrasta coas menos de 50 que se rexistraban nas catro semanas anteriores.

Hai tres escolas infantís pechadas en Vigo, Pontevedra e Lugo e o centro con máis casos é o CPR Plurilingüe La Grande Obra de Atocha da Coruña, con 24

Por centros educativos, só tres están pechados por completo, tres escolas infantís, de dimensións máis reducidas que outros centros, de Vigo, Pontevedra e Lugo. Por total de casos activos, o centro máis afectado é o CPR Plurilingüe La Grande Obra de Atocha da Coruña, con 24 casos, mentres que por aulas é o IES Plurilingüe Pedra da Aguia de Camariñas o que ten máis pechadas, cinco.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.