As hospitalizacións por COVID dan unha tregua na última xornada cun 7% menos de persoas ingresadas que o día anterior

Persoal sanitario no hospital de Verín, nunha imaxe difundida polo Sergas CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

O Sergas suma 389 novos casos e catro falecementos máis, dous deles de persoas que vivían en residencias de maiores, en liña coas cifras dos últimos días

A última xornada de datos oficiais sobre a pandemia divulgados este sábado polo Sergas deixa 389 novos casos (339 deles confirmados por PCR nas últimas 24 horas), cifra en liña coas da última semana, na que houbo varios días mesmo por riba dos 400 casos, e peores que as que se rexistraron na semana anterior, cando se lograra baixar dos 300 novos casos diarios durante varias xornadas. Pola contra, esta última xornada deixa unha lixeira tregua nas hospitalizacións, cun total de 337, un 7,5% menos que na xornada anterior e a cifra máis baixa desde finais de outubro.

Por outra banda, na última xornada o Sergas sumou outros catro falecementos (dous deles de persoas que vivían en residencias de maiores) a un cómputo oficial que se eleva xa a 1.336. Unhas cifras que se acadan tras rexistrarse na última xornada 7.772 probas PCR, en liña cos últimos días, e unha positividade do 4,5%, debido en parte á realización de cribados masivos.

No total de Galicia aumenta un caso en UCI pero baixan 28 en planta, ata un total de 337 persoas ingresadas, unha melloría que se percibe especialmente en Pontevedra, que pola contra é a cidade con peor cifra de incidencia acumulada

Os datos de ocupación hospitalaria din que en toda Galicia hai un total de 337 persoas ingresadas, 27 menos que o día anterior, o que supón unha caída do 7,5%. A redución da última xornada é máis significativa que as habituais altas e baixas que se adoitan producir a diario. Canto ao tipo de atención, aumenta un caso en coidados intensivos, ata un total de 56, pero caen notablemente as hospitalizacións en planta, pasando de 309 a 281.

Por áreas sanitarias, a redución da hospitalización a respecto da xornada anterior é especialmente significativa na de Pontevedra, con nove casos menos en planta e un menos en UCI. Pola contra, en Santiago aumentan en tres os casos en planta e a área sanitaria sitúase cun total de 72 persoas hospitalizadas, as mesmas que a área da Coruña, onde os doentes en UCI acadan a cifra máis alta, 14.

A melloría da situación hospitalaria na área de Pontevedra contrasta cos malos datos de incidencia acumulada que presenta a cidade, con 215 casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días, a peor cifra das sete cidades. Tamén aumenta a incidencia na cidade de Santiago, con 170 casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días tras rexistrar o 4 de decembro, xusto no inicio da segunda desescalada, unha incidencia de apenas 75. Pola contra, Lugo segue baixando e rexistra a incidencia acumulada máis baixa, con algo menos de 110 casos, fronte aos máis de 300 que tiña a finais de novembro.

No total de casos activos en cada área, a cifra de referencia para a Xunta que mellora cando aumentan as altas e que non ten en conta a incidencia segundo o total da poboación, o empeoramento continuo da área de Santiago fai que se estea a achegar en cifras totais á área de Vigo, fronte ás situacións dispares pero máis estables do resto das áreas.

A Xunta divulgou un vídeo no que o presidente pide extremar as precaucións de cara ás festas e pide "sentidiño"

Por outra banda, este sábado a Xunta divulgou tamén un vídeo do presidente Feijóo no que pide extremar as precaucións de cara ás próximas festas. "Despois de tanto nadar non podemos afogar na orilla", di o presidente, que pide actuar "con sentidiño" e desexa un "bo Nadal a todos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.