A ventilación dos espazos pechados é unha das ferramentas máis importantes para reducir as posibilidades de contaxio da Covid-19, tanto nos fogares como sobre todo nos espazos públicos, como as aulas dos centros de ensino. Dende o inicio do pasado mes de novembro a Xunta recomenda ventilar as aulas uns minutos entre 3 e 6 veces cada hora para previr contaxios de COVID-19, seguindo as inidicacións lanzadas pola Universidade de Harvard ou polo Ministerio de Ciencia.
A ventilación dos espazos pechados é unha das ferramentas máis importantes para reducir as posibilidades de contaxio da Covid-19
Porén, o frío do inverno fai máis difícil compaxinar unha axeitada ventilación das aulas con manter unha temperatura de confort. Un equipo da Facultade de Física da USC, en colaboración coa Xunta de Galicia, vén de desenvolver unha aplicación informática, ventilacion.usc.es, que ofrece "pautas de ventilación adecuadas que optimizan o tempo necesario de renovación do aire", adecuando os tempos de ventilación "ás características propias dos centros escolares, tendo en conta a súa contorna e localización e as condicións climatolóxicas", que serán facilitadas por Meteogalicia.
O sistema estará dispoñible desde o inicio deste trimestre e ata finais de curso a través dunha web na que calquera centro de ensino poderá dar de alta os seus datos cando o precise (só é necesario facelo unha vez) e, ao día seguinte, poderá empezar a descargar recomendacións de ventilación personalizadas.
A aplicación ofrecerá recomendacións específicas para cada colexio ou instituto
Así, en función das informacións proporcionadas por cada centro de ensino (orientación, superficie e altura da aula, número de alumnos e alumnas, sistema de ventilación, distribución de portas e ventás...) e tamén dos datos achegados en tempo real por Meteogalicia, relativos á velocidade e dirección do vento, a aplicación ofrecerá recomendacións específicas para cada colexio ou instituto, que tamén variarán en función da hora do día ou da localización de cada centro de ensino
Partindo da obriga de abrir 15 minutos antes do inicio das clases, 5 minutos entre clases, durante a totalidade do recreo e 15 minutos ao final das clases, do modelo desenvolvido por este equipo da USC derívanse dúas estratexias posibles: unha ventilación a media clase (2 a 5 minutos cada 20 minutos aproximadamente) ou dúas ventilacións durante a clase (2 a 5 minutos cada 15 minutos aproximadamente).
Na presentación, que tivo lugar na mañá deste luns, participaron o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, o catedrático da USC Jorge Mira o vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Vicente Pérez; o profesor Alberto Pérez e a subdirectora xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, Mari Luz Macho.