Nos últimos sete días diagnosticáronse máis de 4.000 casos, unha media de máis de 580 cada día, unha cifra que non se acadaba dende o pasado 7 de novembro
Os efectos dos contaxios producidos durante as celebracións do Nadal comezan a facerse evidentes nos datos diarios sobre a pandemia de Covid-19. Este domingo a Consellaría de Sanidade informa de 661 novos positivos de coronavirus detectados mediante proba PCR, un número lixeiramente inferior ao de onte pero moi superior ao comunicado nos domingos das últimas semanas: 278, 248 (estes dous condicionados polos festivos de Nadal e Aninovo), 285 e 363.
A terceira vaga da pandemia continúa a súa escalada en Galicia. Nos últimos sete días diagnosticáronse máis de 4.000 casos, unha media de máis de 580 cada día, unha cifra que non se acadaba dende o pasado 7 de novembro. Isto leva a un aumento na incidencia acumulada, que continuará a subir nas vindeiras semanas, unha vez que se deixen atrás as xornadas festivas de Nadal que contribuíron a invisibilizar o seu crecemento.
A mobilidade que se produciu durante o Nadal contribuíu a levar a pandemia a zonas que ata entón estaban libres de infeccións
O empeoramento da situación é evidente en catro cidades: Santiago, A Coruña, Ourense e Ferrol, que levan días en ascenso. Porén, o mapa coa incidencia acumulada en todos os concellos amosa que os contaxios se están a estender por toda Galicia. Un dato: hai unha semana había 73 concellos que nos 14 días anteriores non tiveran ningún caso de Covid-19, mentres que hoxe son 56, e baixando. Outro efecto dos encontros sociais e da mobilidade que se produciu durante o Nadal, que contribuíu a levar a pandemia a zonas que ata entón estaban libres de infeccións.
Na Coruña o número de casos de coronavirus duplicouse dende o pasado 30 de decembro, en apenas dez días
Santiago, A Coruña, Ourense e Ferrol continúan este domingo empeorando os seus datos. A incidencia acumulada na capital de Galicia supera amplamente os 300 casos por cada 100.000 habitantes e na Coruña achégase a esa cifra. Na cidade herculina o número de casos de coronavirus suplicouse dende o pasado 30 de decembro, en apenas dez días.
En cambio, Vigo, Pontevedra e Lugo mantéñense estables, aínda que na cidade olívica a incidencia acumulada leva un mes sen baixar dos 200 casos por cada 100.000 habitantes.
Hai unha semana había 73 concellos que nos 14 días anteriores non tiveran ningún caso de Covid-19, mentres que hoxe son 56, e baixando
No conxunto de Galicia a situación empeora. Cada vez son menos os concellos libres de Covid-19 e naqueles nos que a situación epidemiolóxica é moi mala, as cifras de incidencia resístense a baixa. Ademais, varias comarcas están a rexistrar novos gromos. Xove e Lobeira seguen a roldar os tres mil casos por cada 100.000 habitantes, e San Xoán de Río, Calvos de Randín e A Pastoriza os dous mil. Trece concellos presentan incidencias superiores aos mil casos.
Viveiro, Tui, Verín, Arteixo ou Noia están a aumentar o seu número de casos
Preocupa a situación en Viveiro, que se achega a esa fronteira dos mil casos por cada 100.000 habitantes (957) e que na última semans duplicou a súa incidencia. O mesmo sucedeu en Tui (808) ou Verín (787) e chama a atención o rápido empeoramento que están a rexistrar Xinzo de Limia e a súa comarca, o mesmo que Arteixo ou Noia.
A incidencia acumulada a 14 días en Galicia pasou na última semana de 175 a 249 casos por cada 100.000 habitantes, 268 se se teñen en conta tamén os positivos diagnosticados por probas distintas ás PCR
A incidencia acumulada a 14 días en Galicia pasou na última semana de 175 a 249 casos por cada 100.000 habitantes, 268 se se teñen en conta tamén os positivos diagnosticados por probas distintas ás PCR. A incidencia acumulada a 7 días, que reflicte máis rapidamente os cambios de tendencia pasou na última semana de 96 a 152 casos por cada 100.000 habitantes, un empeoramento de máis 50%.
Por áreas sanitarias, as que presentan unha peor situación son Santiago-Barbanza e A Coruña-Cee (con incidencias por riba dos 270 casos por cada 100.000 habitantes. Son as únicas que superan a media galega, aínda que mesmo as que presentan menos casos por habitante (Lugo e Pontevedra) roldan unha incidencia acumulada de 200 casos.
A taxa de positividade na área sanitaria da Coruña supera o 13%, porcentaxe moi preocupante
A taxa de positividade (porcentaxe de probas PCR cun resultado positivo) mantense claramente por riba do 8% e con tendencia de ascenso. A media dos últimos sete días é do 8,3%, no seu nivel máis elevado dende o verán. A área sanitaria da Coruña supera o 13% e a de Ferrol o 10%, porcentaxes moi preocupantes.
O resto das áreas sanitarias mantense en niveis máis baixos, aínda que Ourense, Pontevedra e Vigo roldan o 9%. Cómpre ter en conta que na taxa de positividade teñen unha grande influencia os cribados masivos, como os que se están a facer na Illa de Arousa e Bueu, que adoitan contribuír a reducir a porcentaxe.
Nos últimos días, unha vez que deixamos atrás a sucesión de festivos, volveu incrementarse a realización de probas de detección. A Consellaría de Sanidade notificou 8.866 este domingo, a cifra máis elevada dende o 24 de decembro. A media diaria na última semana é de 6.934, aínda lonxe das máis de 8.500 probas diarias que se fixeron na semana previa á Noiteboa.
A situación nos hospitais galegos mantense estable, de momento, á espera de que o aumento de contaxios se traduza en ingresos
Finalmente, a situación nos hospitais galegos mantense estable, de momento, á espera de que o aumento de contaxios se traduza en ingresos. O número de camas ocupadas nas UCI por pacientes Covid-19 (61) é semellante á de días anteriores e tamén o é no resto de unidades hospitalarias (360). Con todo, a cifra total de camas ocupadas é a máis elevada dende o pasado 1 de decembro.
Nas residencias segue a medrar o número de casos activos, con gromos de importancia na Residencia Fogar Santa María (Verín), que onte sumou 31 novos positivos (25 usuarios e 6 traballadores) e na Residencia Paz y Bien de Tui, con 18 novos positivos (12 usuarios e 6 traballadores). A Residencia DomusVi Vimianzo (106 casos activos) é o centro que presenta un maior número de positivos.