A terceira onda da pandemia, provocada polo relaxamento das restricións e das medidas de prevención durante o Nadal, é xa unha realidade en Galicia. Os contaxios que se produciron durante os encontros e reunións sociais que tiveron lugar nestas festas comezan a ser detectados polo sistema sanitario e o incremento no número de probas PCR, despois de varias xornadas de cifras reducidas por mor da sucesión de días festivos, leva a un grande incremento no número de novos positivos.
Nas últimas 24 horas diagnosticáronse 798 novos casos de Covid-19 en Galicia mediante unha proba PCR
Este sábado pola mañá a Consellaría de Sanidade informa de que nas últimas 24 horas se diagnosticaron 798 novos casos de Covid-19 en Galicia detectados mediante unha proba PCR. Esta cifra sitúase no nivel máximos dende o inicio da pandemia o pasado mes de marzo. Ademais, o número total de novos positivos incrementouse en 920 no último día, incluíndo neste valor casos diagnosticados mediante probas distintas da PCR ou detectados en días anteriores. É a cifra máis elevada dende marzo, superando o anterior récord (799 o pasado 31 de outubro).
Cómpre ter en conta que nesta suba se están a recoller os primeiros efectos dos encontros sociais e desprazamentos na Noiteboa e do día de Nadal, pero aínda non corresponden aos contaxios producidos na Noitevella
A media diaria de novos positivos diagnosticados elévase a 522 na última semana, un indicador que seguirá medrando nos vindeiros días cando afloren os casos que ata agora ficaban invisibilizados polo efecto dos festivos. Cómpre ter en conta que nesta suba se están a recoller os primeiros efectos dos encontros sociais e desprazamentos na Noiteboa e do día de Nadal, pero aínda non corresponden aos contaxios producidos na Noitevella. A Covid-19 ten un período medio de incubación de 5 ou 6 días (en ocasións é aínda maior) e, ademais, dende a aparición dos síntomas ata a súa detección polo sistema sanitario pasan aínda 2 ou 3 días, segundo os cálculos do Ministerio de Sanidade.
A incidencia acumulada a 14 días pasou na última semana de 174 a 235 casos por cada 100.000 habitantes en Galicia (251 se se suman os positivos detectados por probas distintas á PCR)
A incidencia acumulada (número de casos detectados nos últimos 14 días por cada 100.000 habitantes) pasou na última semana de 174 a 235 casos en Galicia (251 se se suman os positivos detectados por probas distintas á PCR). A IA a sete días, que recolle máis rapidamente os cambios de tendencia, chega xa aos 140 casos por cada 100.000 habitantes, fronte aos 96 de hai unha semana.
Santiago e A Coruña son as dúas áreas sanitarias con maiores incidencias acumuladas, por diante de Ferrol e Ourense. Con todo, toda Galicia está a incrementar as súas cifras de positivos por habitante, agás a área sanitaria de Pontevedra-Salnés, na que os datos se manteñen estables.
Nas residencias a situación continúa a empeorar, especialmente en centros de Vimianzo, Tui e A Pastoriza
O número de mortes ligadas a contaxios de Covid-19 segue a aumentar e chega xa a 1.441, cinco máis ca onte. A Coruña, Lugo e Vigo sumaron novas defuncións este venres.
Nas residencias a situación continúa a empeorar, especialmente nos gromos declarados na Residencia da Pastoriza (26 novos casos entre usuarios/as e persoal), Residencia Paz y Bien de Tui (15 novos positivos) e Domusvi Vimianzo (4 novos casos entre o persoal). Este centro de DomusVi en Vimianzo é a residencia con máis casos activos de Galicia, con 99 positivos neste momento.
A taxa de positividade, por riba do 8% na última semana, está no seu máximo dende o inicio da pandemia, con valores semellantes aos do peor momento da segunda onda, a comezos de novembro
A taxa de positividade (porcentaxe de probas PCR con detección do coronavirus) segue por riba do 8% e con tendencia de aumento. Nos datos do xoves este indicador chegou ao 8,4% (media dos sete días anteriores) e a aínda que hoxe diminúe un chisco (8,18%), cómpre agardar a mañá para comprobar se hai un cambio de tendencia, pois os datos de positividade consolídanse despois de 48 horas. A actual porcentaxe é a máis elevada dende o inicio da pandemia en Galicia, con valores moi semellantes aos rexistrados no peor momento da segunda onda, a comezos de novembro.
A área sanitaria da Coruña segue a ser a que rexistra unha maior porcentaxe de probas positivas, cunha taxa que rolda o 13%
A área sanitaria da Coruña segue a ser a que rexistra unha maior porcentaxe de probas positivas, cunha taxa de positividade que rolda o 13%. Ferrol e Pontevedra achéganse ao 10% e unicamente Santiago e Lugo baixan do 7%. O pasado 24 de novembro a taxa de positividade era do 3,58% e a OMS considera que a partir do 5% córrese o risco de que a infección se propague sen control.
Este venres dende a Consellaría de Sanidade destacouse a importancia de non superar o 10%, un valor aínda "admisible" en momentos de aumento do número de casos. Ademais, dende o Goberno galego anunciouse que se están a realizar cribaxes nalgúns dos concellos galegos con maior incidencia da enfermidade, como A Illa de Arousa ou Bueu.
No último día realizáronse 8.390 probas PCR, o valor máis elevado dende a Noiteboa
O incremento no número de casos diagnosticados é consecuencia en parte do aumento no número de probas de detección, que durante as dúas semanas das festas de Nadal se moveran en cifras diarias moi reducidas. Este sábado, a Consellaría de Sanidade informa da realización de 8.390 probas PCR no último día, o valor máis elevado dende o pasado 24 de decembro.
Porén, a media diaria na última semana (6.141) continúa moi por debaixo do nivel co que se chegou á Noiteboa (8.492).
12 concellos teñen incidencias acumuladas por riba dos 1.000 casos
Xove e Lobeira seguen a ser os concellos con peores datos, con cifras de incidencia acumulada (número de casos por habitante) semellantes ás de xornadas anteriores, ao redor de 3.000 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días. A incidencia supera os 1.000 casos noutros dez concellos (Calvos de Randín, A Pastoriza, San Xoán de Río, Muíños, A Illa de Arousa, Vilar de Santos, Vimianzo, Pontecesures, Vilamarín e Laxe), cun rápido empeoramento en Muíños, A Pastoriza, Vilar de Santos e Pontecesures.
Entre as localidades de máis de 10.000 habitantes, Tui, Tomiño e Viveiro manteñen incidencias elevadas (entre 600 e 700 casos) e nas últimas horas destaca o aumento de casos en Arteixo (a súa IA pasa de 328 a 443) e Ames (de 314 a 371).
A incidencia acumulada en Santiago de Compostela supera xa os 300 casos por cada 100.000 habitantes e na Coruña chega aos 280
Nas cidades galegas o aumento de casos é claro nos últimos días e nos datos notificados este sábado a tendencia continúa. A incidencia acumulada en Santiago de Compostela supera xa os 300 casos por cada 100.000 habitantes e na Coruña chega aos 280. Ourense (229) sitúase como a terceira cidade con máis contaxios por habitantes. A Xunta endureceu este venres as restricións nestas tres urbes.
Ourense ten datos semellantes aos de Ferrol, que tamén empeora, o mesmo que Vigo, que aumenta o seu número de casos despois de varios días de estabilidade. Pontevedra e Lugo, as dúas cidades con menos infeccións por habitante, son tamén as únicas nas que a incidencia non aumenta nos últimos días.
Nos hospitais a situación permanece estable, á espera de que o aumento no número de contaxios se traduza en máis ingresos
Nos hospitais a situación permanece estable, á espera de que o aumento no número de contaxios se traduza en máis ingresos por complicacións graves de saúde. O número de camas ocupadas por pacientes COVID nas UCI é de 63, o mesmo número ca onte, aínda que no seu nivel máximo no último mes. No resto de unidades hospitalarias o número de camas ocupadas descendeu este venres, ata situarse en 342.