O empeoramento da COVID tras o Nadal xa bate nos hospitais galegos co maior incremento de pacientes dende abril

Cribado da COVID na Illa de Arousa o 8 de xaneiro e mapa de incidencia a 14 días con datos do 10 de xaneiro CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

É habitual que, os luns, os datos da Consellería de Sanidade sobre a evolución da pandemia do coronavirus reflictan un incremento no número de persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19. Tamén sucede esta semana, pero a suba que trae consigo a actualización deste 11 de xaneiro, con datos pechados ás seis da tarde do domingo día 10, é especialmente significativa. Tanto que é a máis pronunciada dende abril, en plena primeira vaga da pandemia.

O Sergas rexistra 468 hospitalizacións de persoas coa COVID-19, 47 máis que un día antes; delas, 71 están na UCI

Os principais indicadores veñen reflectindo nos últimos días un empeoramento xeneralizado da situación tras as semanas do Nadal, Aninovo e Reis. A terceira vaga pandémica semella disparada e, como adoito, uns días despois de que os datos de novos contaxios detectados e incidencia reflictan incrementos significativos, a suba chega aos hospitais. Os datos oficiais recollen este luns 47 persoas hospitalizadas máis que vinte e catro horas antes, ata un total de 468. Para atopar un incremento tan pronunciado en termos absolutos hai que retrotraerse ao 6 de abril, cando o Sergas sumara 45 persoas hospitalizadas. 

Ata 71 destas 468 persoas ingresadas están en unidades de coidados intensivos (17 máis que hai unha semana e 10 máis que o día previo). As restantes 397 son atendidas en unidades ordinarias de hospitalización, o que supón 37 máis que a xornada anterior e 63 máis que os rexistrados nos datos do luns da semana anterior. [Así se disparou en Galicia a terceira onda da pandemia de COVID dende as festas de Nadal]

A media diaria de novos diagnósticos a sete días pasa en apenas dúas semanas de menos de 300 a máis de 570

Por áreas sanitarias, a da Coruña-Cee (que vén rexistrando unha das peores evolucións na incidencia da COVID nas últimas semanas) é a que rexistra un maior número de persoas hospitalizadas (114, 21 delas na UCI) seguida da de Santiago, con 109 (8 na UCI). A continuación sitúanse Vigo e Ferrol, con 61 e 60, das que 19 e 6 se corresponden con coidados intensivos, respectivamente. As cifras máis baixas de hospitalización ligada á COVID-19 continúan polo momento na área de Lugo, que abrangue toda a provincia, con 24 persoas ingresadas das que 3 están na UCI, as mesmas que na área de Ourense, onde a hospitalización total é máis elevada, con 45 ingresos totais.

701 novos positivos

Os malos datos de hospitalización rexístranse nun contexto no que os indicadores de novos casos e incidencia tamén apuntan a empeoramento. Sanidade suma este 11 de xaneiro 701 novos positivos (627 deles, diagnósticos mediante PCR) rexistrados entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo, día 10. Son 18 menos que a xornada previa, unha diminución menor nun contexto no que a media diaria a sete días de diagnósticos mediante PCR segue subindo, pasando de menos de 300 casos a finais de decembro a máis de 570 na actualidade.

Estes rexistros inclúen, ademais, 5 novos falecementos, ningún deles das últimas vinte e catro horas, pero confirmados polo Sergas na xornada do domingo. O total de mortes oficialmente ligadas á pandemia en Galicia chega así xa ás 1.450.

Apenas medio cento de concellos sen casos a 14 días

A incidencia acumulada a 14 días para o conxunto de Galicia segue a subir e xa se aproxima aos 300

O reflexo do incremento dos contaxios durante as semanas das festas é tamén claro nos datos de incidencia (casos novos por cada 100.000 habitantes) a 14 días, indicador que para o conxunto de Galicia segue a subir, cunha evolución practicamente vertical, camiño dos 300. Boa mostra é que, fronte aos máis de 80 concellos que, a finais de decembro, non rexistraban novos positivos nos 14 días previos, agora son xa apenas medio cento os municipios que poden ser considerados como libres da COVID-10 por non ter positivos en dúas semanas ou máis.

Concellos da Mariña e do Ortegal, municipios suroccidentais da provincia de Ourense, a contorna de Compostela ou puntos da Costa da Morte seguen rexistrando as incidencias máis elevadas a 14 días. É neste contexto no que, segundo avanzou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a Xunta valora a posibilidade de endurecer as restricións mesmo máis alá do marco vixente dende principios de decembro. O comité clínico aborda a decisión este martes, día 12.

A incidencia máis elevada segue en Santiago e a máis estable e baixa continúa sendo a de Lugo, a única cidade sobre a que agora non pesa un peche perimetral

Por cidades, os datos de incidencia -que Praza.gal calcula de agora en diante cos datos poboacionais máis recentes, os de 2020, xa incorporados polo IGE á súa base de datos- acumulada da COVID-19 a catorce días continúan claramente á alza en catro delas: Santiago, a que presenta un valor máis elevado; A Coruña, coa peor evolución das últimas semanas, e tamén Ferrol e Ourense. Todas elas superan folgadamente o limiar dos 250 casos por cada 100.000 habitantes nas últimas dúas semanas.

Mentres, nas outras tres a tendencia é polo momento máis estable, aínda que tamén á alza. É o que sucede en Vigo, Pontevedra e mais en Lugo. A cidade da Muralla segue sendo, polo momento, a que mantén unha incidencia a catorce días máis baixa e tamén a única sobre a que actualmente non pesa un peche perimetral. No entanto, tende xa a afastarse dos 100 casos por cada 100.000 mil habitantes, limiar do que logrou baixar a finais de decembro, tras dous meses de peche.

A positividade media a sete días xa rolda o 8% para o conxunto de Galicia despois de aproximarse ao 3% antes das festas

Estas malas tendencias en canto a hospitalizacións, número de casos e incidencia acumulada reprodúcense tamén nas taxas de positividade (porcentaxe de probas que dan positivo) das PCR realizadas en Galicia. O número de test retomou un maior ritmo nos últimos días (a media diaria a sete días xa supera as 6.000 PCR por xornada) e a positividade media diaria na última semana rolda, para o conxunto de Galicia, o 8%. Antes das festas, impulsada polos cribados e a melloría xeral, este valor chegou a aproximarse ao 3%, case dous puntos por baixo do sinalado pola OMS como referencia para dar por controlada a pandemia nun territorio.

Como amosa o gráfico baixo estas liñas, as taxas de positividade media máis preocupantes seguen sendo as da área da Coruña-Cee, superiores ao 13% na media diaria da última semana. A taxa de positividade media mías baixa e tamén a única cunha tendencia claramente descendente é a de Santiago-Barbanza, que se achega agora á contorna do 5%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.