A alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, do Partido Popular, recibiu a vacina contra o coronavirus na residencia de anciáns municipal deste pequeno concello do interior da provincia da Coruña, segundo adiantou eldiario.es e puido confirmar Praza.gal.
A Xunta di que "comprobará a listaxe que enviou á residencia" coas persoas que debían vacinarse
A alcaldesa foi vacinada nesta primeira fase do proceso, que inclúe persoal e usuarios dos centros de maiores, así como profesionais sanitarios na primeira liña contra a COVID. Queda por ver se a rexedora fora incluída na listaxe enviada pola Xunta, que asegura que comprobará ese documento. Mentres, o PP da Coruña xa propuxo a apertura dun expediente disciplinario que podería levar á súa expulsión, ademais de propoñer a suspensión cautelar da súa militancia.
A inoculación do fármaco á alcaldesa era un rumor que circulaba desde hai xa varios días en Boimorto, segundo aseguran fontes do consistorio a este diario, "mesmo entre cargos locais do Partido Popular". A confirmación chega agora, xusto cando a administración da vacina por parte dalgúns cargos públicos noutros lugares do Estado, saltando a orde de prioridade prevista, ergueu a polémica e o debate político.
Precisamente, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, preguntado a semana pasada sobre a vacinación de alcaldes nalgúns municipios, respondeu na rolda de prensa posterior ao Consello que o "responsable e proporcional" sería, nestes casos, "presentar a renuncia ao cargo".
"Como mebro dun goberno, ou alcalde, ou concelleiro ou un director xeral, se non está dentro do protocolo previamente pactado, non pode vacinarse", dixera Feijóo, que chegar a asegurar que os políticos deberían ser "os últimos" en recibir o fármaco. Consultada a Consellería de Sanidade sobre o caso de Boimorto, asegura que "a Xunta comprobará a listaxe que enviou á residencia".
Feijóo asegurou a semana pasada que o "responsable e proporcional" para os alcaldes que se vacinan antes de tempo sería "presentar a renuncia ao cargo"
A residencia de Boimorto é a única de Galicia de xestión directa municipal e ten algo máis de 30 usuarios. Segundo declaracións recollidas por eldiario.es, María Jesús Novo xustifica a súa vacinación por ser "xefa de persoal" dun centro que depende do Concello, aínda que non ten ningún tipo de relación sanitaria e a residencia conta con dirección propia, e porque de non ter recibido a dose "había que tirala".
"Teño unha relación laboral porque vou todos os días por alí", declarou a alcaldesa, que non ten formación sanitaria e conta con dedicación exclusiva no Concello. Segundo fontes de familiares de usuarios do centro --sen ningún caso de COVID--, os residentes recibiron xa a segunda dose da vacina a pasada semana, pola que a inoculación á rexedora vén xa de hai tempo. Concretamente, recibiu a primeira dose no primeiro día da campaña de vacinación, hai un mes.
Coñecida a notica, desde o BNG, Xosé Luís Rivas, Mini, deputado e concelleiro en Boimorto, onde foi alcalde, cre que "non é de recibo" que a alcaldesa aproveitase a primeira quenda de vacinación para recibir o fármaco. "É un escándalo que isto suceda cando hai profesionais de axuda a domicilio, por exemplo, que aínda non recibiron a vacina, algo que xa fora reclamado polo Bloque", di en conversa con Praza.gal.
"É un escándalo, algo moi grave e inxustificable; non é de recibo", di Xosé Luís Rivas, deputado do BNG e concelleiro en Boimorto
Así, Rivas rexistoru xa unha iniciativa no Parlamento pedindo explicacións á Xunta e a Feijóo sobre un feito que cualifica de “moi grave e inxustificable” e sobre que solicita que se "diriman responsabilidades". "Cómpre lembrar que o propio presidente asegurou na última sesión plenaria no Parlamento que non existía ningún alcalde do PP que se vacinase sen dereito", dixo.
“Temos unha poboación moi envellecida, persoal do Servizo de Axuda no Fogar e moitas persoas dependentes que aínda non recibiron a vacina”, asegurou a Sandra Sánchez, portavoz local do PSOE en Boimorto, municipio cuns 2.000 habitantes, onde máis dun terzo superan os 64 anos de idade.
Precisamente, no PSdeG, o seu vicesecretario xeral, Pablo Arangüena, urxiu a Feijóo a que dea "explicacións" e a que "resolva esta situación antes da súa xuntanza co presidente do Goberno", Pedro Sánchez, porque "non pode haber sombras de sospeita sobre como se está desenvolvendo o proceso de vacinación en Galicia.
Arangüena lembra que o propio Feijóo tratou de restar importancia aos episodios irregulares de vacinación contra a COVID en Pontevedra ou Burela "alegando que non eran alcaldes do PP”. “Que tome medidas xa. Por exemplaridade e por xustiza social”, esixiu.
Pola súa banda, o deputado galego de Unidas Podemos no Congreso, Antón Gómez-Reino, exixe a "dimisión inmediata" da alcaldesa, da que reclama "desculpas públicas por ter empregado o seu cargo público para pasar por diante da xente maior do noso país ou do noso persoal sanitario que leva meses en primeira fila loitando contra o virus".
Gómez-Reino pregúntalle, ademais, a Feijóo "se hai máis responsables políticos ou cargos públicos que teñan pasado por diante dos maiores ou do persoal sanitario".