O Sergas notificou este venres, 2 de xullo, 271 novos casos do coronavirus, os rexistrados entre as seis da tarde do mércores e a mesma hora do xoves. O último día natural con datos completos, o mércores 30 de xuño, sumou un total de 239, a cifra máis alta dende o 29 de abril, cando os datos epidemiolóxicos pasaban pola cúspide do que acabou sendo a ondiña pandémica posterior á Semana Santa, moito menos virulenta que as vagas anteriores.
Naquel final de abril, o único grupo de idade cunha porcentaxe significativa de persoas vacinadas coa pauta completa era o das persoas maiores de 80 anos. O seguinte grupo con máis cobertura completa da vacina era o das persoas de 59 a 59 anos e non chegaba ao 6%. Actualmente, o 62,2% da poboación galega maior de 40 anos ten a pauta da vacina completa.
Este contexto, o do avance da vacinación, é clave para entender a actual situación epidemiolóxica do país. Está condicionada polo surto importado dende Mallorca por mor das comentadísimas viaxes estudantís, que xa suma 184 positivos en Galicia. Pero, sobre todo, polo avance da vacinación e, máis concretamente, polos grupos de idade aínda non vacinados. En termos coloquiais, son cifras de casos novos moi semellantes aos daqueles días nos que se percibían os efectos dos contactos e viaxes da Semana Santa, pero repártense entre grupos de poboación máis pequenos.
Tras a Semana Santa, con cifras duns 200 casos diarios semellantes ás dos últimos días, o único grupo de idade cunha porcentaxe significativa de poboación coa pauta completa de vacinación eran as persoas maiores de 80
Este feito acredítano, un día máis, os datos de incidencia acumulada por idades que agora divulga diariamente o Ministerio de Sanidade e a súa combinación coa información sobre o avance da vacinación. Tras a administración doutras 32.973 doses durante a xornada do xoves, en Galicia hai xa 1,26 millóns de persoas coa pauta completa. Por idades, como amosa o gráfico baixo estas liñas, outro significativo incremento nas segundas doses do grupo de 40 a 49 sitúao a piques de ter un terzo da poboación inmunizada, mentres o grupo de 59 a 59 se achega ao 90% e o de 60-69 (máis lento, por mor do maior intervalo prescrito entre doses de AstraZeneca) está preto do 53%.
Estes datos rexístranse ás portas da primeira fin de semana con pubs e discotecas abertos, pero tamén no inicio da vacinación masiva do grupo de 30 a 39 anos
Todo isto sucede ás portas do inicio da vacinación masiva do grupo de idade de 30 a 39 anos, cuxas porcentaxes de poboación con cando menos unha dose comezarán a aumentar significativamente dende a vindeira semana. Polo momento, en Galicia hai xa 1,64 millóns de persoas con cando menos unha dose de vacina. E, como amosan os datos, os grupos no que as incidencias acumuladas se disparan por riba de todos os demais son os da mocidade non vacinada.
Este é o pano de fondo co que Galicia afronta a primeira fin de semana con pubs e discotecas abertos -agás nos concellos en nivel medio e alto de restricións, entre eles a cidade de Pontevedra-. A Xunta asegura que "as forzas de seguridade extremarán a vixilancia para evitar aglomeracións e incumprimentos das normas sanitarias" e os concellos, a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), reclama medios dabondo para poder facelo a través das policías locais, especialmente nas cidades e outras localidades turísticas.
Diferenzas xeográficas no empeoramento
Como vén sucedendo nos últimos días, o reparto do empeoramento tamén é xeograficamente desigual. A área na que máis rápida e claramente se incrementou o indicador máis inmediato, a incidencia acumulada a sete días, é a de Pontevedra-O Salnés. É tamén unha das dúas que, polo momento, superou con claridade os datos posteriores á Semana Santa, cuns 83 casos novos por cada cen mil habitantes. Tamén o fixo a de Lugo (por focos como os de Castroverde, Sarria ou Chantada), se ben a súa repunta naquelas semanas fora moito máis leve e na actualidade rolda os 43 casos neste indicador.
No resto de áreas, a tendencia á alza neste indicador tamén se xeneraliza, pero con menor intensidade. Así, o dato galego queda en 41 casos novos por cada cen mil habitantes a 7 días e rolda os 64 a 14 días, cos datos do último día completo dispoñible. O feito de que a incidencia acumulada a 7 días sexa máis da metade que o dato a 14 días apunta a que a tendencia seguirá sendo ascendente nos vindeiros días.
Unha presión asistencial diferente
O feito de que os novos casos se concentren, sobre todo, na mocidade non vacinada condiciona tamén a situación asistencial no Sergas. Os positivos activos son agora 1.994, 617 máis que unha semana antes, pero aínda menos que hai un mes (cando eran 2.206). Non obstante, os incrementos non se traducen ata agora nunha suba paralela das cifras de hospitalización, o cal non quere dicir que non aumente a presión no sistema sanitario, senón que o fai noutros puntos, como a Atención Primaria e os servizos de rastrexo.
Non obstante, as cifras de hospitalización si amosan ás claras que deixaron de baixar tras dous meses facéndoo de xeito leito pero constante. As 55 persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 ás seis da tarde do xoves eran 9 máis que unha semana antes. Nove delas estaban na UCI, o que supón que Galicia rexistre menos de dez pacientes co coronavirus en coidados intensivos por primeira vez dende o 22 de agosto de 2020.
O cambio no perfil maioritario dos novos casos como efecto da vacinación continúa reflectíndose tamén nas cifras de falecementos. Nos últimos sete días o Sergas notificou dúas mortes e o total mantense en 2.436.