Tras a administración de 25.000 novas doses de vacinas contra a COVID-19, un terzo da 'poboación diana' (a maior de 16 anos) da campaña de vacinación en Galicia recibiu xa cando menos unha. Segundo os datos divulgados polo Ministerio de Sanidade este 29 de abril, as doses administradas en Galicia son xa 1,06 millóns, o 87% das recibidas, o que implica estar uns 3 puntos por baixo da media estatal.
As persoas que teñen xa a pauta completa (dúas doses no caso das vacinas de Pfizer, Moderna e AstraZeneca e unha soa no caso de Janssen) son, segundo esta última actualización, un total de 280.000. Isto implicaría a inmunización de arredor do 12% da poboación diana, unhas nove décimas por riba do dato estatal.
Por franxas de idade, entre a poboación maior de 80 anos son xa oito de cada dez as persoas que xa completaron a pauta de inmunización. O promedio estatal sitúase un chisco por riba do dato galego e achégase ao 85%. No seguinte grupo, o de 70 a 79 anos, achégase ao 90% a proporción de persoas con polo menos unha dose, pero apenas un 2% completou, polo momento, a pauta da vacina.
O seguinte grupo de idade para o que se prevén avances en vindeiras datas é o da poboación de entre 65 e 69 anos. Segundo avanzou a Xunta este xoves, a administración para este grupo de idade comezará a vindeira semana.
230 casos novos e estabilidade relativa na incidencia acumulada
A vacinación avanza mentres a incidencia da COVID-19 en Galicia transita por un período de relativa estabilidade, aínda que con lixeiros emperoamentos nos datos globais das últimas xornadas. Este xoves, o Sergas sumou ao seu cómputo 230 casos novos, dos que 211 son diagnósticos mediante probas PCR. A media diaria a sete días de diagnósticos a través destes test supera os 175, nunha senda lixeiramente ascendente que, non obstante, segue lonxe da virulencia de anteriores vagas da pandemia.
Os incrementos dos últimos días nas cifras de casos novos provocan tamén un moderado incremento no total de positivos activos, xa que os novos casos seguen superando as altas epidemiolóxicas de cada xornada. Agora son 3.122 e hai unha semana roldaban non chegaban aos 2.900.
Os incrementos nas cifras de casos novos nos últimos días percíbense nas incidencias acumuladas (casos novos por cada cen mil habitantes) a 14 e a 7 días, aínda que sen excesivas alteracións. O dato a 14 días para o conxunto de Galicia está a piques de chegar aos 100 e a 7 días marca uns 51 casos novos por cada cen mil habitantes. Como amosa o gráfico baixo estas liñas, as áreas sanitarias con maiores incidencias acumuladas a 14 días seguen sendo as de Pontevedra-O Salnés e Vigo, se ben a área pontevedresa comeza a dar uns sinais de estabilidade que aínda non se perciben con claridade na viguesa.
Na banda contraria séguense situando ás áreas sanitarias de Ferrol e Lugo. A área sanitaria ferrolá continúa por baixo dos 50 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e a lucense, malia aos focos detectados en puntos da Mariña ou da Ribeira Sacra, entre outros, supera por pouco os 60 casos novos por cada cen mil habitantes nas últimas dúas semanas.
Nun contexto no que as autoridades sanitarias dan xa por superado o reflexo epidemiolóxico dos encontros da Semana Santa, a situación da pandemia nos hospitais continúa sendo lixeiramente ascendente. O total de persoas ingresadas con test positivo do coronavirus eran ás 6 da tarde do mércores 211, isto é, 7 máis que o mesmo día da semana anterior. Ata 47 delas estaban na UCI, seis máis que unha semana antes.
Mentres, os indicadores de mortalidade asociada á pandemia continúan en niveis baixos, en comparación con meses anteriores. Na última semana, a media diaria de mortes de persoas infectadas coa COVID-19 é un chisco superior a unha. O total dende o comezo da pandemia chega xa ás 2.386.