- MAPA INTERACTIVO | Consulta aquí o nivel no que estará cada concello a partir do venres e as restricións aplicadas
Nos últimos 14 días con datos completos dispoñibles (ata o pasado 26 de abril), en Galicia rexistrouse unha media diaria de case 190 casos novos da COVID-19. En concreto, 187,36 como dato medio por día. En total, algo máis de 2.600.
Foi nesta segunda quincena na que se reflectiron os contaxios que se produciron durante a Semana Santa e está a ser nela na que, cando menos polo momento, está a ficar constatado que a cuarta vaga da pandemia está sendo moito menos virulenta que as anteriores. A Consellería de Sanidade atribúeo a unha combinación do efecto das restricións coa extensión da vacinación entre os grupos de poboación máis afectados por anteriores vagas.
Este 28 de abril, o Sergas engadiu ao seu rexistro un total de 196 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes. Ata 174 deles son diagnósticos mediante probas PCR. Nos últimos sete días con datos completos, a media diaria de diagnósticos a través destes test rolda esa cifra de 174.
Aínda que comarcas como a da Barbanza melloran a súa situación, un bo número de concellos coas incidencias máis elevadas seguen estando na contorna das Rías Baixas
Alén dos datos globais para o conxunto do país, ao ollarmos o mapa de incidencia acumulada é posible observar como algunhas das áreas cuxa situación epidemiolóxica empeorara tras a Semana Santa comezan a mellorar a súa situación. É o caso da comarca da Barbanza, que dende este venres verá aliviadas as súas restricións especialmente no caso da Pobra do Caramiñal, onde rexía o nivel máximo -que implica peche perimetral- dende hai máis de tres semanas. Á outra beira da ría, tamén O Grove sae dese nivel máximo de alerta dende o venres.
Así e todo, a contorna das Rías Baixas segue acumulando boa parte dos concellos con maiores incidencias acumuladas da COVID-19. O mesmo segue acontecendo en contornas como A Baixa Limia ou a comarca de Valdeorras. Nos últimos días rexístranse tamén incrementos significativos en áreas como a comarca de Ordes. Mentres, en 137 concellos non se rexistraron casos novos nos últimos 14 días (unha cifra lixeiramente superior á de hai unha semana) e en 175 non houbo novos positivos nos últimos sete días.
A incidencia acumulada a 7 días para o conxunto de Galicia está un chisco por riba da metade do indicador a 14 días, o que indica unha lixeira tendencia ascendente
O empeoramento dalgunhas comarcas cadra coa mellora doutras, o que favorece a situación relativamente estable -aínda que cunha lixeira tendencia ascendente, admite Sanidade- da maioría das áreas sanitarias. Así, a incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) da área de Pontevedra-O Salnés transita xa con claridade por unha chaira na contorna dos 140 casos tras o pronunciado incremento de semanas anteriores e a área de Vigo tamén semella acougar, aínda que en menor medida, igualmente tras un prolongado ascenso.
Con todas estas oscilacións sobre a mesa, a incidencia acumulada a 14 días para o conxunto de Galicia sitúase arredor dos 97 casos novos por cada cen mil habitantes e o indicador a 7 días rolda os 50. O feito de que a incidencia a unha semana sexa un chisco superior á metade da incidencia acumulada a dúas semanas indica esa lixeira tendencia ascendente.
Os ascensos nas cifras de casos novos tras a Semana Santa percíbense -como adoita acontecer, cun lixeiro retardo- tamén na situación dos hospitais, que agora é semellante á de principios do pasado outono. O total de pacientes coa COVID-19 ingresados nos centros hospitalarios galegos sitúase agora en 207, 5 máis que unha semana antes. Deles, 44 están na UCI, catro máis que o mesmo día da semana anterior.
O indicador que segue máis contido é o relativo á mortalidade de persoas que contraen a doenza. Na última semana, en Galicia produciuse unha media diaria dun falecemento de pacientes coa COVID-19. Dende o inicio da pandemia son xa 2.385.