Galicia supera o millón de doses administradas catro meses despois do inicio da vacinación contra a COVID

Nieves Cabo, a primeira persoa vacinada contra a Covid-19 en Galicia, tras recibir a primeira dose, o pasado 27 de decembro CC-BY-SA Xunta

O pasado 27 de decembro, cando a terceira vaga da pandemia (a que resultou ser máis mortífera) só se albiscaba no horizonte, Galicia iniciaba o seu proceso de vacinación contra a COVID: en Compostela Nieves Cabo recibía a primeira dose. Este martes, xusto cando fan catro meses dese momento, coñecemos que se vén de superar a cifra dun millón de doses administradas. Exactamente 1.002.060.

O 27 de decembro Nieves Cabo convertíase na primeira persoa vacinada

O ritmo de vacinación nestes catro meses foi moi distinto nuns momentos e noutros, por mor da lentitude na distribución por parte dos fabricantes, con atrasos con respecto ao acordado inicialmente no caso de AstraZeneca. De feito, durante o mes de xaneiro aplicáronse ao redor de 85.000 doses e o 1 de marzo o total era aínda de 218.000. Porén, dende aquel momento o ritmo foi incrementándose notablemente e aínda que no proceso houbo novos atrancos, coas suspensións temporais das vacinas de AstraZeneca e Janssen, neste momento máis do 31% da poboación maior de 16 anos ten xa cando menos unha dose e o 11% recibiu a pauta completa e atópase xa inmunizado.

Esta semana ao redor de 180.000 persoas serán citadas para a súa vacinación e, ademais, superouse o récord no número de doses chegadas a Galicia, ao redor de 171.000. O actual ritmo de vacinación, de algo menos de 20.000 doses ao día, pode permitir que a mediados do mes de xullo máis do 70% da poboación maior de 16 anos teña cando menos unha dose da vacina.

Este luns foron administradas 16.271 doses, o que deixa a media diaria na última semana nas 17.771. De cumprirse o obxectivo das 180.000 doses administradas nesta semana, máis de 25.000 por día, a media diaria elevaríase considerablemente. 

Esta semana ao redor de 180.000 persoas serán citadas para a súa vacinación e, ademais, superouse o récord no número de doses chegadas a Galicia, ao redor de 171.000

Neste momento os esforzos están centrados na administración das segundas doses ás persoas de máis de 80 anos, un proceso xa case completado e na aplicación das primeiras doses ás persoas de 70 a 79 anos e de 60 a 69. Ademais, estes días comezará tamén a administración das segundas doses ao grupo de idade de 70 a 79 anos.

Este grupo de idade de 70 a 79 está a recibir maioritariamente a vacina de Pfizer, pero tamén ten indicada a de Janssen. A vacina de Janssen tamén vai comezar a ser aplicada no grupo de 65 a 69 anos. O grupo de idade de 60 a 65 está a recibir a de AstraZeneca.

Neste momento 742.792 persoas recibiron en Galicia cando menos unha dose da vacina, o que representa o 31,4% da poboación, algo por riba da media española (27,4%). De igual xeito, 262.512 teñen xa a pauta completa, o 11,1% do total, tamén por riba da media española (10%).

Neste momento 742.792 persoas recibiron en Galicia cando menos unha dose da vacina, o que representa o 31,4% da poboación, algo por riba da media española (27,4%)

O 99,2% da poboación maior de 80 anos recibiu cando menos unha dose e o 74,6% ten a pauta completa. No resto dos grupos as persoas que recibiron a pauta completa son aínda escasas, pero o 75,3% das persoas entre 70 e 79 teñen cando menos unha dose, o mesmo que o 35,4% das persoas entre 60 e 69 anos.

O avance do proceso permitiu que a porcentaxe de persoas de máis de 80 anos hospitalizadas por COVID sexa tan só do 10% do total de ingresos. De igual xeito, as persoas por riba de 80 anos son as que rexistran menos positivos detectados, mesmo por debaixo das crianzas menores de 10 anos.

E moito o que se avanzou, pero ao proceso quédalle aínda un longo camiño por diante. Na gráfica anterior detállase o número de persoas que en cada grupo de idade está xa protexido e a cantidade que está aínda pendente da súa inmunización. Por debaixo dos 60 anos o proceso non fixo máis que comezar e, por exemplo, 340.000 persoas entre 50 e 59 anos non recibiron dose ninguna, o mesmo que case 800.000 persoas entre 25 e 49 anos.

Esta semana superouse tamén o récord de doses recibidas por Galicia, ao redor de 171.000. Pfizer segue a ser a base do proceso e mesmo incrementou os seus envíos, pois  durante todas as semanas de maio distribuirá no Estado Español ao redor de 1,7 millóns de doses, das que Galicia recibirá máis de 140.000. Esta semana, ademais, aos envíos de Moderna (irregulares) e AstraZeneca (cativos) únese de novo Janssen, que a partir de agora distribuirá a súa vacina de forma regular. Con todo, o envío previsto de 14.000 doses quedará finalmente reducido á metade.

De manter o actual ritmo, Galicia debería superar na última semana de xuño os dous millóns de doses administradas

Finalmente, o gráfico anterior ofrece unha proxección da evolución do proceso de vacinación nos vindeiros meses. Evidentemente, este tipo de cálculos son só unha estimación, suxeita a moitos factores. Con todo, de manter o actual ritmo diario de administración de doses (algo por debaixo das 20.000), Galicia debería superar na última semana de xuño os dous millóns de doses administradas e os tres millóns a mediados de agosto.

Máis complexo é realizar unha estimación do número de persoas que en cada momento terán recibido cando menos unha dose da vacina e, polo tanto, estarán protexidas dalgún xeito contra o virus. Este cálculo depende de se nun momento dado se administran máis primeiras doses ou segundas doses, ademais doutros factores como o propio ritmo de distribución das vacinas por parte dos fabricantes. 

En calquera caso, de manter o actual ritmo (nos últimos 15 días o número de persoas que recibiron cando menos unha dose pasou de 546.630 a 742.792), ao redor do 10 de xullo se podería estar superando o 70% da poboación cunha dose cando menos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.