Xa pasaron dúas semanas dende a Semana Santa. Ou, dito doutro xeito, xa transcorreu o ciclo epidemiolóxico polo que agardaban as autoridades sanitarias para observar o impacto dos encontros e desprazamentos daquelas xornadas festivas na incidencia do coronavirus. Isto é, para saber ata que punto a cuarta vaga da pandemia pode ficar en "ondiña", en verbas do responsable de emerxencias sanitarias do Ministerio de Sanidade, o doutor Fernando Simón, que empregara este símil para referirse ao que sería escenario menos desfavorable para este mes.
Malia oscilacións de xornadas concretas como os 220 casos novos das últimas vinte e catro horas, o incremento da incidencia en Galicia tras a Semana Santa segue a ser moito máis contido que en anteriores vagas
No caso concreto de Galicia, os datos fornecidos nos últimos días polo Sergas apuntan a que, cando menos, a posibilidade de que a cuarta vaga fique en ondiña segue existindo. Alén da foto fixa de cada xornada (este xoves, Sanidade engade ao seu cómputo 220 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores), o certo é que o impacto da Semana Santa se traduciu nun incremento da incidencia moito máis contido que en anteriores vagas. E os empeoramentos, ademais, están notablemente concentrados no territorio.
Deses 220 casos rexistrados nas últimas vinte e catro horas que computa o Sergas, 200 son diagnósticos mediante probas PCR. Nos últimos sete días naturais con datos completos (ata o martes), a media diaria de diagnósticos a través deses test rolda os 165. Ao comezo da vaga do outono, este indicador mantívose por riba dos 200 durante semanas e o mesmo sucedeu nas semanas previas ao Nadal. No peor da terceira vaga, superou os 1.300.
As comarcas do Salnés e da Barbanza e a área de Vigo concentran os focos de incidencia máis alta seguidos con maior atención dende o Sergas
En termos de incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes), o dato a 14 días para o conxunto de Galicia chega aos 90 casos novos e o indicador a 7 días sitúase en 48. Non obstante, como amosan o mapa e o gráfico baixo estas liñas, existen marcadas diferenzas territoriais: os principais focos coas incidencias acumuladas máis elevadas seguen na contorna das Rías Baixas e Sanidade olla con especial cautela a cidade de Vigo, onde aumenta o nivel de restricións dende o venres, día 23.
Alén das comarcas da Barbanza, do Salnés e de Vigo e a súa área de influencia, seguen sendo significativas as altas incidencias en concellos da Mariña Oriental e puntos de Valdeorras. Tamén en varios concellos do sur de Ourense onde, non obstante, a escasa poboación provoca que cifras baixas de novos casos provoquen un pronunciado incremento da incidencia acumulada.
Estas diferenzas territoriais e as incidencias máis elevadas nas Rías Baixas séguense reflectindo con claridade nos datos por áreas sanitarias. A 14 días, a incidencia acumulada máis elevada segue sendo a da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés que, non obstante, nos últimos días amosa sinais de certa estabilización arredor dos 140 casos novos por cada cen mil habitantes en dúas semanas. A tendencia deste indicador tamén segue sendo claramente á alza na área de Vigo mentres, xusto na banda contraria, Ferrol e Lugo (neste último caso, malia aos focos da Mariña e do sur) recobran a estabilidade un chisco por riba dos 50 e dos 60 casos novos por cada cen mil habitantes en dúas semanas, respectivamente.
Estancamento arredor das 200 hospitalizacións
Mentres isto sucede, o comportamento das cifras de hospitalización é moderadamente peor que en semanas anteriores. O total de pacientes coa COVID-19 nos hospitais galegos vólvese estancar arredor dos 200, como xa sucedera a principios de mes. Agora son 204, dous máis que un día antes e 22 máis que o mesmo día da semana anterior. Deles, 41 (+1) están na UCI, mentres que hai unha semana as persoas coa COVID-19 en coidados intensivos eran 25.
Este relativo empeoramento das cifras de hospitalización prodúcese mentres as taxas de positividade das probas PCR segue, non obstante, en niveis moi contidos. O indicador medio a sete días para o conxunto de Galicia continúa estabilizado arredor do 2,4%, algo menos da metade do 5% que a Organización Mundial da Saúde ten como referencia para dar a pandemia por controlada nun territorio.
Mentres, a mortalidade asociada ao virus segue acougando aos poucos. Para os últimos sete días con datos completos, a media diaria de falecementos coa COVID-19 segue sendo inferior a 1 e o total chega a 2.378 mortes oficialmente ligadas á pandemia en Galicia.