A incidencia acumulada da COVID en 14 días nas persoas entre 20 e 29 anos en Galicia dispárase por riba dos 400 casos por cada 100.000 habitantes e rolda esa cifra nas persoas de 12 a 19 anos, máis de tres veces a media do conxunto da poboación.
Fálase
O Parlamento Europeo reclama á Comisión que restrinxa os fondos de recuperación a Hungría pola súa lexislación homófoba. Fíxoo con 459 votos a prol e 147 en contra e 58 abstencións, entre elas as do PP agás o eurodeputado Esteban González-Pons, que apoiou a medida. Na imaxe, o primeiro ministro húngaro, Viktor Orbán, en 2018 na Eurocámara.
Feijóo afirma que "hai algúns partidos que en función de quen sexa o autor ou a vítima condenan con maior ou menor intensidade os asasinatos" e reprocha que "algún grupo parlamentario en Galicia" está a "facer política" co asasinato de Samuel Luiz. Preguntado tras o Consello da Xunta a respecto das súas primeiras consideracións sobre o acontecido, o presidente da Xunta reitera que o Goberno galego condena "calquera acto de violencia" e "calquera tipo de homofobia" e engadiu que a Policía aínda non aclarou a "causa directa ou indirecta" deste asasinato.
O Resurrection Fest de Viveiro anuncia o seu cartel completo para 2022, no que será a edición máis prolongada do festival, con 5 días de duración tras dous anos de ausencia por mor da COVID. As confirmacións das bandas do ano vindeiro chegan apenas tres meses despois de que a organización do Resu confirmase o pasado abril a segunda cancelación do evento a causa da pandemia.
A Xunta decide outorgar a Medalla de Galicia 2021 ao persoal do dispositivo de vacinación fronte á COVID-19, non só ao sanitario senón tamén ao de informática, reparto, policial ou voluntarios. En 2020 a medalla foi para “os profesionais da sanidade galega implicados na atención aos pacientes COVID-19”. Na imaxe, a entrega das medallas do pasado ano.
Cuarto detido acusado de matar a Samuel Luiz. A Delegación do Goberno de España en Galicia confirma o prendemento dun veciño da Coruña "de idade similar" ás outras tres persoas xa detidas (de entre 20 e 25 anos) e acusado de homicidio e apropiación indebida.
As accións da conselleira delegada das residencias de maiores DomusVi soben un 316% en apenas tres anos. É unha información de Infolibre
O PP de Galicia traslada de Pontevedra a Santiago pola COVID o congreso no que reelixirá a Feijóo os vindeiros días 16 e 17. "As necesidades loxísticas nun momento de incerteza sanitaria motivan o cambio", di o partido, xa que no Pavillón de Deportes pontevedrés só poden acceder 750 persoas e ao conclave concorren 1.115 compromisarios. A nova sede pasa a ser o Multiusos Fontes do Sar, na capital galega.
A conta de Instagram de ReiZentolo (con 13.000 seguidores e seguidoras) foi secuestrada nas últimas horas, un incidente que vén sendo cada vez máis frecuente nos últimos tempos. Ante a demanda dos secuestradores de realizar un pagamento de 200 euros en bitcoins para devolver o control da conta, a marca galega ofreceu facelo "en pesetas", ao tempo que reclama que Facebook (propietaria da rede social) lle dea unha solución.
A Xunta manterá abertos pubs e discotecas nos concellos con nivel medio de restricións pola COVID e fixa a obriga de achegar unha proba de infección negativa do coronavirus (PCR ou antíxenos) ou un certificado de vacinación completa para acceder a eles. O Goberno galego decide tamén "precintar parques, prazas e praias" dende a medianoite por ser, defende, "habitualmente utilizados para botellóns". Segundo o conselleiro de Sanidade, trátase dunha aposta polo "ocio seguro". A proba será de balde e haberá que facela 48 horas antes de acudir ao local. Máis información, hoxe en Praza.gal