Feijóo acorda con Casado celebrar en xullo o congreso que o reelixirá como presidente do PP de Galicia

Feijóo, con Miguel Tellado no Congreso en que o elixiu como substituto de Alfonso Rueda na secretaría xeral do PP de Galicia CC-BY-SA PPdeG

Un ano e dous meses despois de que se cumprisen os catro anos que marcan as normas internas do partido, oficialmente por mor da pandemia. Tamén invertendo a orde estatutaria habitual, que sinala que os conclaves estatais se celebran antes que os autonómicos -agás acordo noutro sentido, como neste caso-, o PP de Galicia celebrará o seu décimo sétimo congreso os vindeiros días 16 e 17 de xullo.

O presidente da Xunta volverá ser aclamado como líder do PP en Galicia media década despois da súa última reelección no cargo, cando elixira a Tellado como substituto de Rueda na secretaría xeral

O encargado de anunciar as datas foi este venres Miguel Tellado, quen entre unha aparente sorpresa fora elixido no anterior congreso (2016) por Alberto Núñez Feijóo como substituto de Alfonso Rueda á fronte da secretaría xeral. Rueda quedaba así destinado, no ámbito interno, para centrarse na presidencia provincial do partido en Pontevedra tendo entre os seus principais retos regresar ao goberno da Deputación en 2019, o cal non logrou.

Sinala Tellado que a elección das datas non foi "casualidade", senón que soi "resultado dunha conversa" de Feijóo "co presidente nacional, Pablo Casado". Segundo o número dous de Feijóo no partido, "elixiron o aniversario da última vitoria electoral", en referencia ás eleccións galegas de 2020, para "iniciar un calendario congresual" que tamén pon a correr o reloxo para elixir liderados provinciais e locais.

Feijóo e outros cargos do PPdeG, no acto onde anunciou a renuncia a optar á sucesión de Rajoy, en xuño de 2018 CC-BY-SA PPdeG

Neses posteriores congresos provinciais e locais haberá, a priori, máis posibles tensións entre familias que nun congreso galego que, como en 2009, 2012 e 2016 se celebrará sen incógnita ningunha en torno á presidencia. Feijóo volverá ser aclamado como líder no primeiro congreso que o PP de Galicia celebra dende que, tras a perda do Goberno de España, o tamén presidente da Xunta escenificou a súa renuncia a competir por ser o substituto de Mariano Rajoy.

O conclave celebrarase nun contexto interno agora marcado pola vitoria de Ayuso en Madrid, que virou as dinámicas internas que, tras o fracaso nas eleccións catalás, agudizaran o cuestionamento de Pablo Casado e semellaba resituar a Feijóo no panorama estatal

O conclave celebrarase tamén nun contexto interno agora marcado pola vitoria electoral do PP na Comunidad de Madrid, un triunfo de Isabel Díaz Ayuso que virou as dinámicas que se agudizaran apenas tres meses antes co sonoro fracaso do partido nas eleccións catalás. Daquela, o cuestionamento cara á dirección que encabeza Pablo Casado medrara de intensidade e mesmo o verbalizara un Feijóo cuxa contorna volvera explorar nos meses previos o panorama estatal. Tras o acontecido en Madrid, a dialéctica do conclave do PP de Galicia semella que apuntará máis á da campaña electoral do pasado 12X.

Segundo Tellado, a data elixida débese a que desbotaran celebrar o congreso a través de internet, porque "non pode ser un mero trámite interno", senón que o conciben como  "unha celebración" e "un espazo de diálogo interno" e "actualización de ideas". A militancia do PP de Galicia que queira inscribirse no proceso congresual terá que facelo antes do 16 de xuño, cando tamén finaliza o prazo de presentación de candidaturas á presidencia. 

No anterior proceso no que a militancia do PP de Galicia se tivo que anotar para participar nun proceso, as eleccións internas nas que acabou sendo gañador final Pablo Casado, realizaran a súa inscrición un total de 4.222 persoas. Supuxera un 4% do total de militantes que o partido aseguraba ter daquela en Galicia.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.