En campaña por quinta vez en dous anos, pero por primeira en catro, como corresponde, para renovar o Parlamento de Galicia. As forzas políticas galegas piden dende esta media noite o voto cara a unhas eleccións do 25S cuxo inicio de campaña vén marcado, como adoito, polo inquérito do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS). Malia aos erros demoscópicos das últimas xerais e aínda que hai catro anos o propio CIS non atinase co número de escanos que tivo ningún dos grupos, o feito de que este estudo debuxe un PP coa maioría absoluta intacta mentres o resto de forzas se limitan a redistribuír os seus espazos condicionou as mensaxes dende ambas as bandas. Pola esquerda apélase a ilusión nun cambio posible. Pola dereita, a non caer nunha relaxación que poida derivar nun susto.
"No me creo nada", escribía pouco despois de coñecer a enquisa do CIS un relevante dirixente do PPdeG. Se algún temor existe nas filas conservadoras é que os 41 asentos que lles outorga a sondaxe leve a pensar no seu electorado que o obxectivo está feito. De aí que, pouco despois, dende o partido se axitase o temor a unha "alternativa liderada por Podemos" e non se perda de vista factores como que o 25S xa estará en marcha a vendima, de aí que o partido en Ourense estea a instar os profesionais do sector a votaren por correo. A mensaxe oficial foi verbalizada por Alberto Núñez Feijóo dende o atril do Consello da Xunta: "A terceira maioría absoluta consecutiva é un sono, pero os sonos, sonos son. Seguimos soñando pero as enquisas, enquisas son", dixo, antes de instar os seus a "traballar e non dar un balón por perdido".
"A decisión que saia das urnas afectará á próxima década en Galicia", advirte o aspirante á reelección polo PP mentres na súa contorna a maquinaria electoral dirixe boa parte das olladas cara ao candidato de En Marea, Luís Villares, a quen veñen acusando de "insultar" a Feijóo mentres reiteran que carece de proposta ningunha para o país. Villares, precisamente, retruca á paisaxe debuxada polos conservadores afirmando que, "lamentablemente para o PP, os problemas de Galicia non se amañan con enquisas". Durante a precampaña, afirma, En Marea está a percibir unha "gran pulsión de cambio social e político" e "esa é a nosa forza para termos o mellor goberno posible".
O PP teima na mobilización das súas bases afirmando en que a absoluta non está feita
Ao "cambio posible" apela tamén o candidato do PSdeG. Despois de que o CIS situase os socialistas nun empate técnico con En Marea Xoaquín Fernández Leiceaga coida que sería un erro dar por feito que a foto do 25S será a que reflicte a "construción" da sondaxe, realizada sobre un momento moi determinado. "Máis alá das estimacións de voto, a competición está aberta" e está, ao seu xuízo, claro que "é posible o cambio en Galicia, que hai unha demanda de cambio que se vai expresar o día 25", sobre todo se "somos quen de convencer a elevada porcentaxe de indecisos". Nese caso, augura, "imos ter a oportunidade de construír unha política co liderado do PSdeG".
PSdeG, En Marea e BNG aseguran percibir ansias de cambio e lembran os erros anteriores do CIS
Fronte ás enquisas que "se utilizan para incidir no voto" a cabeza de cartel do BNG, Ana Pontón, esgrime o "optimismo e ilusión" que, asegura, vén detectando na precampaña. "O máis devaluado" no actual panorama político "son as enquisas", que nas últimas convocatorias "non acertaron nin unha" e por iso "a única que vale" é a que saia das urnas. No Bloque, asegura a nacionalista, existe confianza en seren "fundamentais" para "que haxa un cambio político real en Galiza" e "abrir un tempo novo".
Mentres a esquerda procura unha autotransfusión de folgos e fía o futuro a unha campaña que remate en sorpresa -xa sucedeu, lembran, en 2009 con beneficio para o PP, ou en 2012 con AGE como forza á alza-, na dereita procúrase non deixar marxe ningunha por cubrir. "A única seguridade dun goberno estable son os 38 escanos", isto é, a absoluta, reitera Feijóo, máis alá de dar por feito que se Ciudadanos lograse entrar no Parlamento, o apoiaría tal e como ofreceu Albert Rivera.