Vázquez e dous ex-deputados da UCD convocaron a concentración na Coruña cadrando coa mobilización contra o independentismo desenvolvida en Barcelona por Societat Civil Catalana
Este domingo o colectivo Societat Civil Catalana convocou unha manifestación contra o proceso soberanista catalán que xuntou en Barcelona unhas 80.000 persoas, segundo a Garda Urbana da capital catalá -cifra que a organización eleva a 400.000-. Foi apenas vinte e catro horas despois de que os colectivos independentistas se mobilizasen convocados pola ANC e Òmnium para reclamaren a liberdade dos dirixentes condenados polo Supremo, reunindo no seu caso arredor de 350.000 persoas segundo a Garda Urbana -colectivos participantes falaron de 750.000-.
O que fora alcalde da Coruña polo PSOE, Francisco Vázquez, quixo facer cadrar a mobilización de Barcelona con outra na cidade que gobernou, convocada por el mesmo xunto con Nona Inés Vilariño e José Manuel Couceiro, que foran deputados pola UCD tras as primeiras eleccións democráticas despois do franquismo, en 1977, nas que Vázquez lograra escano daquela como socialista. Tratábase, anunciaran, de defender a unidade de España, a Constitución e aos "cataláns constitucionalistas".
Mentres, nun polideportivo situado a apenas media hora a pé, Pedro Sánchez enchía xunto á cúpula do PSdeG o aforo previsto para o seu mitin preelectoral na cidade, Vázquez congregaba arredor de medio milleiro de persoas na Praza de María Pita. Entre os que acudiron á súa chamada, múltiples cargos do PPdeG encabezados polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que acudiu acompañado pola líder local do partido, Beatriz Mato. Tamén asistiron, entre outros cargos do PP e da Xunta, a conselleira Ethel Vázquez, o ex-conselleiro e concelleiro en Ferrol José Manuel Rey Varela ou o deputado Gonzalo Trenor.
Vázquez alertou contra os que "queren romper España" e axitando unha bandeira española, pediu defender esta enseña como "a nai de todas as bandeiras", na que "está a nosa honra" e "a honra dos nosos antepasados"
A presenza de Feijóo "como un cidadán máis" foi explicitamente agradecida por Vázquez no seu acendido discurso. O que fora embaixador de España ante a Santa Sé cargou contra "os que queren dividir os españois" e apelou aos "partidos constitucionais" a actuaren porque "cada vez temos menos tempo" para afrontar "problemas" como "unha educación que se manipula e terxiversa". O problema son, ao cabo, "os que queren romper España", dixo.
Críticas implícitas á lei da memoria histórica -hai que "deixar a guerra civil nas bibliotecas", proclamou- combináronse no discurso de Vázquez cunha chamada a defender a Constitución, "o máis grande de todos os libros" e advertencias sobre que "aquí non hai presos políticos", senón "delincuentes" encarcerados "pola sedición e a rebeldía". No seu discurso pediu ademais agarimo para os axentes de Policía feridos en Barcelona durante os disturbios da pasada semana, un deles presente no acto.
Cómpre, proclamou entre aplausos, defender a bandeira de España, a "nai de todas as bandeiras" porque nela "está a de Cataluña, a de Galicia, a de Andalucía, a de Castela". Axitando unha enseña española, Vázquez clamou que "nesta bandeira está a nosa honra, a historia do noso país, a honra dos nosos antepasados". "Saibamos responder a ela!", pediu.