O Concello da Coruña foi condenado a pagar 14,5 millóns de euros en indemnizacións á veciñanza expropiada na cotorna do Castro de Elviña. O Tribunal Supremo rexeita o recurso municipal interposto por discrepancias coa valoración das 134 parcelas expropiadas forzosamente e co ditame, que é firme, dá un golpe económico ao Consistorio derivado doutra dubidosa e polémica actuación urbanística na época de goberno socialista liderado por Francisco Vázquez.
A sentenza do Supremo dá a razón a afectados por expropiacións de hai case vinte anos; daquela o Concello pagara 12 euros por metro cadrado e o alto tribunal elévaos a 50 euros o metro máis xuros
A sentenza, coñecida polo Concello pero aínda non notificada de maneira firme e oficial á administración local, foi feita pública polo PP, que chegou a acusar a Marea Atlántica de querer ocultar o ditame até despois das eleccións locais para que as súas consecuencias non afectase un suposto pacto cos socialistas.
O ditame, segundo puido saber este diario, dá a razón aos afectados recorrentes polas expropiacións levadas a cabo nas fases I e II hai case vinte anos, nunha zona que abrangue uns 240.000 metros cadrados. Daquela, e logo dunha xunta de valoración, o Concello pagoulles 12 euros por metro cadrado. O Supremo considera agora que o valor marcado foi escaso e elévao a 50 euros por metro cadrado, o que unido aos xuros dos últimos anos eleva a factura para o Consistorio a máis de 14 millóns.
Esta sentenza e a polémica derivada, únense á que provocou tamén un importante custo económico ao Concello noutra zona achegada ao Castro de Elviña, en Someso, cando mesmo un informe municipal apuntara a Francisco Vázquez como responsable directo dun pelotazo urbanístico, o caso Relámpago, que acabou por supoñer para a administración local un custo duns 50 millóns de euros, entre perdas patrimoniais e indemnizacións.
Esta sentenza e a controversia política que dela deriva únense a outros ditames sobre decisións urbanísticas dos gobernos de Vázquez en Someso ou no edificio Conde de Fenosa
Ademais, o pasado mes de febreiro, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) validou o acordo alcanzado entre as partes na mediación intraxudicial impulsada polo Concello para dar solución ao preito pola licenza e construción ilegal do edificio Conde de Fenosa na Coruña. A ameaza dunha derruba e, sobre todo do seu custo, que comprometería longo tempo o futuro económico da administración local, pairou sempre sobre o Concello, que terá que asumir uns pagamentos duns 3 millóns de euros, pero non dos 60 millóns que tería suposto demoler todas as obras ilegais realizadas naquel inmoble desde 1997, aínda que a maioría do gasto sería para compensar os donos dos locais comerciais e vivendas afectadas.
O Concello, nunha primeira valoración, insiste en que estaba á espera da notificación oficial e firme da sentenza para facer unha avaliación oficial e aclara que este é outro caso máis da herdanza urbanística que ten que afrontar cada pouco por actuacións levadas a cabo durante o mandato de Francisco Vázquez. "Levamos catro anos arranxando desfeitas de gobernos con persoas que nunca pediron desculpas", dicía hai un mes a Praza.gal o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela.