Hai agora 23 anos, o Concello da Coruña expropiou uns solares para a futura construción dun campo de fútbol en Someso para o equipo da popular zona de Elviña, o Relámpago. Finalmente, onde debería haber unha instalación deportiva acabouse por levantar un centro comercial xunto a vivendas, no que moitos viron un claro pelotazo urbanístico de entre as tantas sospeitas que levantou a política levada a cabo neste ámbito polo antigo goberno municipal liderado por Francisco Vázquez.
Un informe municipal apunta a Francisco Vázquez como responsable directo do 'pelotazo' urbanístico
Case un cuarto de século despois, un informe elaborado por dúas técnicas municipais apunta directamente o polémico ex alcalde da Coruña, ao situalo como un dos responsables directos do denominado caso Relámpago, o mesmo que suporá para o Concello un custo duns 50 millóns de euros, entre perdas patrimoniais e indemnizacións. Todo aquel proceso, presuntamente irregular, acabou por beneficiar empresas de construción ligadas ao presidente da patronal galega, Antonio Fontenla, que compartiu durante anos negocios con Francisco Vázquez.
No pleno celebrado este luns debateuse o devandito informe feito polas funcionarias e en cuxa elaboración se admitiu, tal e como adiantou La Opinión, que a venda de edificabilidade en Someso foi "política máis que técnica". No mesmo documento responsabilízase a Francisco Vázquez das presuntas irregularidades, que son xa investigadas pola Fiscalía, que xa ten no seu poder o informe. Anos despois, o actual goberno local do PP non dubidou en modificar o antigo plan para permitir un maior aproveitamento aos promotores.
PP e PSOE negáronse a apoiar a proposta do BNG para actuar pola vía penal contra Francisco Vázquez
Se cadra por iso, o PP decidiu este luns mirar para outro lado cando o BNG solicitou que o propio Concello tomase a iniciativa para levar a cabo accións pola vía penal contra Francisco Vázquez e logo das revelacións que se derivan do informe das funcionarias municipais. Os populares abstivéronse, malia as continuas acusacións que o voceiro, Julio Flores, verteu contra os concelleiros socialistas que formaban parte do antigo executivo municipal. Ao tempo, o Bloque solicitou tamén levar o tema ao Tribunal de Contas, unha moción que tan só foi apoiada por Esquerda Unida.
O PSOE tamén se abstivo. "O caso Relámpago non existe", asegurou a voceira socialista, Mar Barcón. O seu grupo quería que Francisco Vázquez quedase fóra das futuras medidas a tomar contra os responsables. "Non tiñamos nin temos nada que agochar", asegurou a portavoz e ex compañeira do ex alcalde durante o longo goberno municipal de Vázquez. "Non imos participar de ningún linchamento", engadiu.
Ademais, o BNG xa denunciou antes do pleno que o informe encargado polo Executivo sobre Someso está incompleto. "Non fai referencia ás actuacións previas ao caso nin ás posteriores, é dicir, á recualificación urbanística dos terreos aprobada no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de 1998 nin aos agasallos do PP aos promotores", advirten, logo de lembrar que o documento non menciona que a causa do pago das cuantiosas indemnizacións aos antigos propietarios de terreos da zona foi "a recualificación urbanística aprobada na PXOM de 1998 e desenvolvida no Plan Parcial de Someso, que contaron co voto en contra do BNG".
O grupo da oposición acusa o alcalde, Carlos Negreira, de favorecer os construtores, en concreto a Antonio Fontenla. "Como propina, o Goberno local aprobou en setembro de 2011 dúas modificacións do Plan Parcial de Someso para mellorar o aproveitamento lucrativo de solares e aumentar o número de vivendas", destaca o BNG.