Conde de Fenosa: A Coruña líbrase da derruba millonaria doutra "desfeita" urbanística da época de Vázquez

Edificio Conde de Fenosa, na Coruña © Concello da Coruña

Foi a fin dun litixio que duraba 21 anos. O pasado xoves, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) validou o acordo alcanzado entre as partes na mediación intraxudicial impulsada polo Concello para dar solución ao preito pola licenza e construción ilegal do edificio Conde de Fenosa na Coruña. A ameaza dunha derruba e, sobre todo do seu custo, que comprometería longo tempo o futuro económico da administración local, pairou sempre sobre un final que non daba chegado. O pacto, moito menos daniño para calquera das partes, remata de vez cun caso que deita luz sobre as desfeitas e os delirios urbanísticos dun recente pasado. E sobre o facer (ou non facer) duns políticos que deixaron no caixón conflitos de incalculables consecuencias.

O acordo intraxudicial aprobado polo TSXG e impulsado polo Concello evita un gasto duns 60 millóns de euros en indemnizacións para as arcas municipais

Uns 60 millóns de euros. Ese é o cálculo que fai o Concello sobre o que lle tería suposto demoler todas as obras ilegais realizadas no edificio desde 1997, aínda que a maioría do gasto sería para compensar os donos dos locais comerciais e vivendas afectadas dun inmoble situado no centro da Coruña, a poucos metros da praza de Pontevedra.

A cambio, e tras o acordo, o Concello recoñece publicamente a responsabilidade da corporación municipal nas ilegalidades cometidas durante o mandato de Francisco Vázquez, con Salvador Fernández Moreda como concelleiro de Urbanismo, ademais de adoptar un protocolo de boas prácticas e intentar legalizar a construción ilegal como “inmoble singular”. Comprométese tamén á construción de 50 vivendas de protección oficial a proposta do demandante, que renuncia así a esixir íntegra a súa compensación. O denunciante será indemnizado con case 3 millóns de euros polos danos persoais morais durante máis de dúas décadas.

“Acabamos de liberar o Concello dunha situación moi complicada”, di Xulio Ferreiro

Ademais, os propietarios dos pisos e locais do edificio (case 90) acordaron co Concello que a administración local poida compensalos por danos e prexuízos no caso de que non opten pola vía xudicial para reclamarlle responsabilidades patrimoniais. Suporía arredor de 1 millón de euros máis para María Pita. 

“Acabamos de liberar o Concello dunha situación moi complicada”, recoñeceu o alcalde Xulio Ferreiro, que advirte de que a cantidade que tería que pagar a administración local, “xunto ás limitacións para financiala pola lei de facendas locais”, situaría A Coruña e os seus servizos públicos municipais nun futuro incerto.

Edificio Conde de Fenosa, no centro da Coruña © Google

Foron 21 anos de litixio sobre un edificio construído en 1961 como sede das oficinas de Fenosa. Tras a fusión con Unión Eléctrica e o traslado da súa sede a Madrid, a empresa sacou a concurso en 1997 a reforma para tornar o inmoble nun edificio de vivendas e locais e convidou doce arquitectos. Un deles era Valentín Souto, posterior denunciante.

Fenosa acabou vendendo por sorpresa a sede por 14 millóns de euros á construtora Fadesa, daquela baixo mandato do coruñés Manuel Jove, que presentou un proxecto de reforma e obviou o concurso. Concedéuselle licenza municipal e Souto denunciou ao entender que fora concedida ilegalmente por non terse realizado un estudo de detalle, o que supoñía incumprir o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) vixente, de 1985.

Fenosa vendeu por sorpresa a súa antiga sede a Fadesa, que recibiu licenza municipal do goberno de Francisco Vázquez para unhas obras en pleno 'boom' inmobiliario que incumprían o PXOM

Porque aquela operación era arriscada para o negocio inmobiliario dos promotores no caso de ter que cumprir coa normativa que impedía aumentar o volume e a superficie construída ou tramitar un proxecto específico para legalizar a conversión dun inmoble compacto e unido en varios bloques arredor dun patio interior. Pero así se fixo igualmente.

O Concello intentou legalizar o edificio cun novo PXOM, o de 1998, no que modificaba as condicións de ordenación do edificio. No de 1985 prohibíase outorgar licenzas nos inmobles fóra de ordenación e só se admitían obras mínimas de conservación e mantemento, pero permitiu esa reforma integral e o cambio de uso. E fíxoo, ademais, con dúas licenzas e non unha, en abril e novembro de 1999. Moitos meses antes, os técnicos do Concello emitiran varios informes, todos favorables á operación e sen referencia aos atrancos legais que xa se supoñían. 

Mesmo deran o visto e prace ao considerable aumento de superficie e, xa que logo, dos pisos e das suculentas vendas  no centro coruñés e en pleno boom inmobiliario. Era a época dun Plan Xeral que foi a base doutros escándalos urbanísticos como o de Someso, o caso Relámpago, cun custo millonario para as arcas municipais. E só anos antes dos controvertidos acordos para o futuro dos peiraos

Francisco Vázquez e Fernández Moreda, alcalde e concelleiro de Urbanismo en 1997, cando o edificio de Fenosa recibiu licenza para tornar nun inmoble de vivendas e locais comerciais © PSOE

En 2001, o TSXG dálle a razón ao denunciante e ordena demoler as obras realizadas nunha sentenza que ratifica o Supremo cinco anos despois. O edificio tiña que volver ao seu estado inicial porque aquilo non fora reforma ningunha, senón un cambio total dun inmoble que nada tiña que ver co anterior. Fadesa defendeuse alegando que o PXOM ía ser modificado polo que non precisaba estudo previo ningún. Xa que logo, admitiu que fixo a nova construción baseándose nunha normativa que nin fora aprobada nin estaba en exposición pública. De feito, no contrato de compravenda asinado con Fenosa advertía de que a licenza sería “razoablemente concedida con anterioridade á data de desaloxo do inmoble”. E era irregular. 

O Concello gobernado polo PSOE minimizou as posibles consecuencias e recorreu varias veces sentenzas que nunca executou malia o mandato dos tribunais

Malia as sentenzas, o Concello en mans do PSOE minimizou as posibles consecuencias e puxo recurso tras recurso, todos fracasados. Coa chegada do PP, o goberno local intentou tamén evitar a derruba, argumentando ante os tribunais cun informe dun arquitecto ex de Fadesa que dicía que era imposible eliminar os elementos engadidos. A xustiza tampouco o admitiu, aínda que en 2013 un auto do TSXG parecía salvar o inmoble ao declarar a imposibilidade material de executar a sentenza ratificada polo Supremo, que volveu tumbar o ditame do Superior e insistiu na demolición.

Outro informe posterior do mesmo técnico, no que agora si consideraba posible unha reforma que restituíse o inmoble, foi presentado polo goberno da Marea Atlántica para unha actuación parcial no outono de 2015. Un proxecto cun custo de 1,5 millóns que en dous anos pretendía volver o inmoble á legalidade.

O tribunal tampouco aceptou esta proposta e os propietarios do polémico inmoble pediron amparo ao Constitucional (TC). Tamén o Concello pensou en chegar a el, pero o pasado outono propuxo unha mediación para a que foi encargado Pascual Sala, ex-presidente do Supremo e do TC. As conversas deron froitos e o pacto foi avalado polo TSXG, que advertiu da “singularidade” do caso e de que esta solución non é aplicable directamente a outras demolicións.

O goberno local actual anuncia que "investigará" as responsabilidades desta "desfeita urbanísticImaxe    close   delete_forever swap_vert a": "Non temos por que asumir que non haxa persoas responsables desta situación"

Agora, o Concello terá que facerse cargo de todos os custos derivados pero xa adianta que ten a “intención” de “investigar as responsabilidades que puido haber tanto na concesión da licenza como nas accións posteriores”. “Non temos por que asumir que non haxa persoas, con nomes e apelidos completos, responsables desta situación, desta desfeita urbanística, deste problema que arrastrou o Concello durante máis de 20 anos”, dixo Ferreiro, que recoñece as “complexidades” do proceso pero tamén a determinación por levalo a cabo.

No punto de mira, o ex-alcalde Francisco Vázquez e as súas controvertidas políticas urbanísticas baixo unhas alfombras que outro ex-rexedor, o popular Carlos Negreira, advertira en 2011, ao chegar ao poder, que ía levantar a medias: “Só as necesarias e imprescindibles”. A do Conde de Fenosa acumulou demasiado po.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.