O PP abstense na votación da Eurocámara para sancionar o goberno ultradereitista de Orbán

Un intre do pleno que abordou a situación de Hungría CC-BY-SA Parlamento Europeo

O Goberno de Viktor Orbán abandona as mulleres vítimas de violencia machista. Quere un país sen inmigrantes. O Executivo húngaro viola a independencia universitaria, ataca a liberdade de prensa e reparte entre os familiares do primeiro ministro as axudas económicas que chegan de Bruxelas. Estas son algunhas das conclusións do informe redactado por Judith Sargentini (Verde/ALE), que foi aprobado este mércores pola maioría do Parlamento Europeo e conta co apoio da Comisión Europea. Dos 693 votos emitidos, houbo 48 abstencións; 197 votos en contra e 448 votos a favor.

O Consello, que reúne os Gobernos dos Estados, deberá decidir que fai

A partir de aquí, o Consello, que reúne os Gobernos dos Estados, deberá decidir que fai. A sanción, a aplicación do artigo 7, suporía que Hungría deixase de participar nas votacións do Consello durante un período de tempo determinado, pero non é fácil que a votación, que require a unanimidade do Consello, acabe en sanción.

Mentres que socialdemócratas, liberais, verdes e o grupo da esquerda votaron en bloque -agás escasas excepcións- a favor das sancións á Hungría de Orbán, o Partido Popular Europeo, en cuxas filas se atopa Fidesz, o partido de Orbán, fracturouse. O seu portavoz, Manfred Weber, que aspira a presidir a Comisión co apoio de Angela Merkel, encabezou o voto favorable ao informe sancionador, pero os partidos populares do centro e o leste de Europa non o secundaron.

Os de Pablo Casado, pola súa banda, decidiron absterse. Segundo fontes da delegación do PP encabezada por Esteban González Pons, "non queriamos votar en contra do informe porque sería unha forma de apoiar as políticas de Orbán, pero tampouco queriamos votar a favor do texto porque converte o Parlamento -un órgano político- nun órgano xurídico".

Mentres que socialdemócratas, liberais, verdes e o grupo da esquerda votaron en bloque -agás escasas excepcións- a favor das sancións á Hungría de Orbán, o Partido Popular Europeo, en cuxas filas se atopa Fidesz, o partido de Orbán, fracturouse

No entanto, aínda que a posición xeral fo a abstención, os 16 deputados e deputadas da formación popular partiron en tres: oito abstivéronse, entre eles o galego Francisco Millán Mon; Carlos Iturgaiz, Gabriel Mato e Pilar Ayuso votaron contra o informe que pide sancionar a Hungría por vulnerar os "valores da UE"; e outros cinco ausentáronse da votación, entre eles o propio González Pons. Os outros catro eurodeputados galegos (José Blanco, José Couso, Lidia Senra e Ana Miranda) votaron a favor do informe.

Quen si pecharon filas con Orbán foron os grupos con partidos xenófobos e de extrema dereita; o Grupo da Europa das Nacións, onde está a liga de Salvini; ou o dos Conservadores e Reformistas, onde está o gobernante polaco Lei e Xustiza, encantados co discurso de Orbán e a quen sinalan como referente nun claro intento de conformar unha fronte que aglutine a extrema dereita espallada tralas eleccións de maio.

Orbán denunciou o martes en Estrasburgo "a chantaxe" do Parlamento Europeo e defendeuse acusando a Cámara de "atacar o pobo húngaro, que valentemente conseguiu a liberdade levantándose contra a Unión Soviética. Hungría é parte da familia cristiá europea e decidiu vivir sen inmigrantes votando masivamente ao meu partido".

"Hungría é parte da familia cristiá europea e decidiu vivir sen inmigrantes votando masivamente ao meu partido", dixo Orbán

"Estou a defender a miña patria porque é unha cuestión de honra", afirmou Orbán: "O informe fere o pobo húngaro e a súa honra. En Hungría as decisións tómanas os votantes, pero vostedes din que o pobo non sabe tomar as decisións que máis lle conveñen. Este informe aplica unha dobre vara de medir e extralimítase. A migración non é un asunto de partido, colaboro con quen queira defender as fronteiras, por iso axudo os italianos. Formo parte do PPE, e quizais esteamos a bailar ao son de liberais e socialistas".

 

Viktor Orbán, primeiro ministro de Hungría, durante o pleno CC-BY-SA Parlamento Europeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.