As enfermeiras, clave na vacinación masiva: "É gratificante malia o esforzo; o que máis escoitamos é 'grazas"

Vacinación masiva no centro Expocoruña CC-BY-SA Sergas

Desde a pasada semana, Galicia está a dar un forte impulso á campaña de inmunización contra a COVID coa vacinación masiva de persoas entre 60 e 65 anos e entre 75 e 79 anos en 14 puntos diferentes do país. En hospitais, pero sobre todo en grandes recintos feirais ou de exposicións, milleiros de doses son administradas diariamente, o que permite rachar récords diarios de inoculación do fármaco contra o coronavirus. 

Ata 145.000 persoas destes grupos de idade serán vacinadas nesta campaña masiva en tan só seis días --ás que se unen os maiores de 80 e outros colectivos que seguen a seren inmunizados-- nun proceso que permitiu xa que algo máis do 25% da 'poboación diana' galega recibise unha dose contra a COVID e case o 9%, a pauta completa

Vacinación masiva contra a COVID en Galicia CC-BY-SA Sergas

Os responsables, centos de profesionais de enfermaría, entre os destinados exclusivamente á vacinación nos últimos meses e outros que compatibilizan o seu labor habitual no Sergas coa axuda nestas campañas masivas. Persoal sanitario que acumula longas xornadas no medio dunha pandemia, orgulloso de "poñer un gran na area na solución desta pandemia". 

"É moi gratificante malia o esforzo e o cansazo acumulado", recoñece María, unhas das enfermeiras encargadas da vacinación masiva en grandes recintos

"É moi gratificante malia o esforzo e o cansazo acumulado", conta María, unha das enfermeiras que participa na vacinación masiva nun gran recinto dunha cidade galega. Ela é unha das profesionais que se apuntou para colaborar na campaña á marxe do seu labor diario no Sergas. Traballa nun centro de saúde e, durante varios días, compaxina a súa xornada laboral habitual coa administración de centos de doses contra a COVID. 

Ela, e moitas outras compañeiras, asinaron un compromiso de dispoñibilidade co Sergas no caso de precisarse persoal para acelerar a vacinación, como nesta semana. Tanto no seu caso como no do persoal exclusivo en vacinación, hai ocasións nas que son chamados dun día para outro, sen apenas tempo, e con problemas para organizar as libranzas ou para evitar dobrar quenda. 

"É certo que hai veces nas que nos avisan dun momento para outro, mesmo na noite anterior, para indicarche a onde tes que ir, pero é o que hai; foi o que asinamos e todos sabemos na situación de pandemia na que nos atopamos", asume María malia recoñecer a "fatiga" nos tempos da COVID, non só dela senón de moitas compañeiras que relatan as súas experiencias. "Hai persoal moi queimado, como é lóxico", insiste quen aclara que Sanidade pensa en propoñer máis xornadas de traballo aos profesionais "voluntarios" para "liberar algo" os sanitarios destinados exclusivamente á vacinación. 

No caso destes últimos, realizan toda a xornada, algunhas alongadas máis do tempo establecido por calquera imprevisto. "As vacinas chegan ás 7:30 da mañá, empézase a vacinación ás 8 e houbo días nos que se acabou ás 21:40", explica unha profesional. 

O ritmo de vacinación é alto. Perto de 4.000 vacinas poden chegar a poñerse nunha xornada nun dos grandes recintos habilitados, onde hai varios boxes --20 no caso da Coruña, por exemplo-- con cadansúa enfermeira. "Nun principio eran dúas por cada box, pero agora é unha profesional por habitáculo", aclara María. 

Recollida das doses para a vacinación contra a COVID en Galicia CC-BY-SA Sergas

O proceso, di, é "moi fluído". Cada persoa citada recibe no seu teléfono unha mensaxe cun código QR que facilita o acceso ao rexistro da vacina, o lote ou as posibles contraindicacións. Ademais, a través dun programa o sistema vai indicando a que box hai que acudir para recibir a dose. 

"Chega un momento no que é un pouco fatigado porque coa vacina de Astrazeneca agora hai moitas dúbidas, temores e reticencias"

Cada persoa ten que responder a unha pequena entrevista para logo recibir a dose, que é rexistrada pola enfermeira informaticamente. Pero os profesionais tamén teñen que responder moitas preguntas, sobre todo tras os continuos vaivéns nos criterios para a administración das doses de Astrazeneca. 

"Chega un momento no que é un pouco fatigado porque con esta vacina agora hai moitas dúbidas, temores e reticencias", explica María, que aclara que "hai de todo" porque tamén hai "moita xente moi disposta, que ten claro que vai aceptar calquera dose que lle toque e mesmo quen analiza con detalle os riscos e asume que compensan por moito os beneficios". 

"A palabra que máis escoitamos é 'grazas"

Con todo, as continuas informacións cambiantes dos últimos días influíron, tal e como relata María da súa experiencia ao vacinar con Astrazeneca. "Hai quen pregunta os primeiros síntomas dun tromboembolismo para saber como poderían notalo" ou que insisten en saber "con que tipo de reaccións adversas deberían acudir a un médico". Aínda así, di, "en xeral toda a xente acode moi disposta e contenta a vacinarse". E destaca que os efectos máis habituais das vacinas, maioritariamente en xente máis nova, poden ser febre ou dor de cabeza, que adoitan pasar nun día. 

"Hai quen che confensa que pasou días nerviosa antes ou que non puido durmir esa noite", engade María, que destaca a "ilusión" e sensación de "alivio" coa que moita xente acode a recibir a vacina. Tamén o agradecemento que expresan. "A palabra que máis escoitamos é 'grazas", di sobre unha poboación que amosa ante as enfermeiras a súa emoción. 

Proba de vacinación masiva na Cidade da Cultura © Xunta

"Tamén hai quen che pide facerse unha foto para mandarlla aos fillos que viven fóra", continúa a enfermeira, que aprecia a ledicia coa que as persoas vacinadas reciben a súa dose e a satisfacción dela e dos compañeiros. 

"Sabemos e notamos o esforzo extra, pero paga a pena por sentir que achegas algo na fin de todo isto e por sentir o agradecemento que a xente nos amosa, non só pola vacinación, senón por todo o feito durante a pandemia", expresa quen gaba o "compañeirismo" entre os profesionais e o "bo ambiente" nunha campaña que, saben, é moito máis ca iso.

Aglomeracións e desprazamentos longos

A vacinación masiva provocou, no entanto, problemas derivados lóxicos da importante acumulación de poboación nos espazos habilitados. A chegada con moito tempo antes de cidadáns ao Gaiás supuxo importantes aglomeracións, ademais dalgúns problemas informáticos. 

Veciñanza de Carnota amosa o seu malestar por ser citada a vacinarse na Cidade da Cultura, que supon unha viaxe duns 150 km entre ida e volta

"Había persoas que nin sequera estaban citadas e persoas que pensaban que chegando antes lles ían dispensar antes a vacina, cando todas as persoas van cunha hora exacta", argumentou Feijóo a pasada semana respecto das aglomeracións nos accesos á Cidade da Cultura. 

Ademais, tal e como conta Radio Nordés, veciñanza de localidades como Carnota amosaron xa o seu malestar coas condicións de vacinación impostas. O Sergas cita na Cidade da Cultura ás persoas residentes neste concello, unha viaxe duns 150 quilómetros entre ida e volta que está a provocar protestas debido ao custo e ás dificultades de traslado para a xente maior. 

Carnota pertence á área sanitaria santiaguesa e, aínda que o punto de vacinación máis próximo é o de Cee, este último está integrado na área sanitaria da Coruña, á que non pertence Carnota, incluída na de Santiago e Barbanza. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.