A estabilidade nas áreas sanitarias da Coruña e Vigo contén a incidencia da COVID en Galicia malia ás subas no resto

Evolución da incidencia a 14 días da COVID por áreas sanitarias sobre unha imaxe recente da Pobra do Caramiñal, un dos municipios coa IA máis elevada na actualidade CC-BY-NC-SA Praza Pública

Unha das claves do estoupido da terceira vaga da pandemia da COVID-19 foi, no caso galego, que a incidencia do virus se disparou en todas as áreas sanitarias con escasos días de diferenza, entre reflexos dos encontros das festas do Nadal. Non sucedera así na primeira -sempre tendo en conta que daquela a capacidade diagnóstica era moi inferior- e tampouco na segunda, cando os empeoramentos nalgunhas zonas do país se alternaban con situacións de estabilidade ou mesmo mellora noutros.

Os datos epidemiolóxicos reflicten xa os contaxios da Semana Santa e o incremento máis pronunciado da incidencia é o das áreas sanitarias de Pontevedra e Santiago por efecto, sobre todo, dos concellos da ría de Arousa

Este segundo escenario é o máis semellante ao que acontece na actualidade en Galicia. Cando os datos epidemiolóxicos comezan a reflectir xa os contaxios que se produciron durante a Semana Santa, dáse a circunstancia de que a senda estable pola que transitan as dúas áreas sanitarias máis poboadas do país (A Coruña-Cee e Vigo) no que a incidencia acumulada a 14 días se refire permite que o dato galego se manteña relativamente contido. Faino aínda que no resto de áreas, moi especialmente a de Pontevedra-O Salnés, a liña que traza este indicador sexa xa ascendente.

A incidencia global en Galicia a 14 días traza un lixeiro ascenso que a mantén, polo momento, por baixo dos 80 casos novos por cada cen mil habitantes

No gráfico sobre estas liñas observamos a evolución da pandemia dende principios de marzo, cando finalizou o prolongado descenso de incidencia que veu despois do pico da terceira vaga e os indicadores epidemiolóxicos comezaran a transitar por unha senda de estabilidade. Dende finais de marzo e comezos de abril comezou a ser evidente o cambio de tendencia nas áreas sanitarias de Pontevedra-O Salnés e de Santiago-Barbanza. Un pouco despois sucedeu o mesmo, aínda que ata agora con menos intensidade, nas de Ourense, Ferrol e Lugo.

Mentres isto sucedía, as áreas da Coruña-Cee e Vigo comezaban a adoptar unha certa estabilidade. No caso da área coruñesa, tras ser durante máis dun mes a que rexistraba maior incidencia. No caso da viguesa, despois de experimentar unha significativa suba despois da ponte de San Xosé. Con todas estas tendencias sobre a mesa, a evolución xeral galega xa non é de estabilidade ou de lixeiro descenso, senón dun tímido ascenso que, polo momento, non chega aos 80 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días.

Alén da ría arousá, contornas como A Mariña ou puntos do sur de Lugo e de Ourense destacan tamén no mapa de incidencia da COVID-19

Estas diferenzas obsérvanse mesmo con maior claridade ao baixarmos máis ao territorio e, dentro de cada área sanitaria, detérmonos na situación de cada concello. Como vén sucedendo nos últimos días, as alzas nas áreas sanitarias de Pontevedra e Santiago están claramente condicionadas polas comarcas do Salnés e da Barbanza, respectivamente. Concellos como A Pobra do Caramiñal, Boiro ou Ribeira, na marxe norte da ría de Arousa, e O Grove ou Sanxenxo, na beira sur, veñen destacando polas súas incidencias tanto a 14 como a 7 días. Isto xa se traduciu en maiores restricións por parte da Consellería de Sanidade, coa Pobra e O Grove en nivel máximo de restricións e varios municipios da contorna nos niveis alto ou medio.

Alén do eixo atlántico, nos últimos días o Sergas pon o foco tamén na Mariña, especialmente nos concellos máis orientais. Tamén sinala, polas súas incidencias crecentes, puntos do sur das provincias de Lugo e Ourense. No que atinxe ás sete principais cidades, a liña máis ascendente é a de Pontevedra, pero as incidencias a 14 días máis elevadas son as de Vigo (119) e da Coruña (101), ambas cunha tendencia relativamente estable.

Todo isto sucede nunha xornada na que o Sergas engade 199 novos casos da COVID-19 ao seu cómputo, os rexistrados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores. Deles, 177 son diagnósticos mediante probas PCR. A media diaria a sete días de diagnósticos a través destes test sufriu un lixeiro incremento pero continúa contido na contorna dos 140 diarios.

Freo no descenso de ocupación hospitalaria

O cambio de tendencia -sen implicar, cando menos de momento, unha suba pronunciada da incidencia en todo o país- nas cifras de casos novos prodúcese nunha semana na que os indicadores de hospitalización de pacientes coa COVID-19 ofrecen sinais de certo estancamento. Unha vez superado o efecto da fin de semana (cando adoitan tramitarse menos altas), o total de pacientes coa COVID-19 nos hospitais galegos é agora e 182, unha cifra moi semellante á dos días anteriores e 9 máis que unha semana antes. Deles, 25 están na UCI, un número practicamente idéntico ao do mesmo día da semana anterior.

Mentres, os indicadores de positividade media a sete días das probas PCR (porcentaxe das que dan positivo) seguen superando por pouco o 2% para o conxunto de Galicia. Nos últimos sete días con datos completas, o Sergas procesou unhas 6.000 PCR por xornada.

O indicador que si segue reflectindo un claro de tendencia é o de mortalidade. Nun contexto de avance da vacinación entre a poboación de maior idade (máis de nove de cada dez maiores de 80 anos xa recibiron polo menos unha dose), no que vai de mes de abril (con datos pechados ata o día 13) o Sergas confirmou 27 falecementos de persoas que contraeran o coronavirus. Nos primeiros 13 días de marzo foran 49 e no mesmo período do mes de febreiro, 275. Na última semana, a media diaria de falecementos oficialmente ligados á pandemia xa baixa dos 2 ao día. O total chega, polo momento, aos 2.371.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.