O Salnés e O Barbanza encabezan o incremento da incidencia da COVID en Galicia dez días despois da Semana Santa

Cribado realizado o pasado 12 de marzo © Concello da Coruña

O lixeiro aumento no número de casos chega dez días despois do remate da Semana Santa, cuxos efectos comezan a percibirse estes días

Galicia iniciou hai uns días un lento incremento da incidencia da Covid-19, que pasou de 66 a 76 casos por cada 100.000 habitantes en dúas semanas e de 33 a 42 nunha semana. O empeoramento da situación está moi lonxe dos aumentos nas cifras de positivos que se están a rexistrar noutras comunidades, pero amosa que a pandemia non está en absoluto controlada e que unha cuarta onda é aínda posible.

O aumento no número de casos -158 este mércores, 133 detectados por proba PCR nas últimas 24 horas- chega dez días despois do remate da Semana Santa, cuxos efectos comezan a percibirse estes días. O período habitual entre un contaxio e a aparición de síntomas é duns cinco días e dende a aparición dos síntomas ata o diagnóstico están a discorrer ao redor de tres días.

O aumento na incidencia en Galicia está a concentrarse na área sanitaria de Pontevedra, que pasou de 77 a 115 casos por cada 100.000 habitantes, especialmente na comarca do Salnés

O aumento na incidencia en Galicia está a concentrarse na área sanitaria de Pontevedra, que pasou de 77 a 115 casos por cada 100.000 habitantes, especialmente na comarca do Salnés, na que O Grove, Meis, A Illa e Ribadumia, pero tamén Vilanova de Arousa ou Sanxenxo rexistran os peores datos. De igual xeito, na outra beira da ría de Arousa, na comarca do Barbanza, tamén están a medrar as cifras de positivos, encabezadas por A Pobra do Caramiñal e Boiro

Afortunadamente, a taxa de positividade (porcentaxe de probas PCR cun resultado positivo) segue moi baixa, ao redor do 2% no conxunto de Galicia, con peores datos nas áreas de Vigo, Ourense e Ferrol. Galicia é unha das comunidades autónomas con cifras máis reducidas de incidencia e positividade. E todo a pesar de que a variante do virus descuberta no Reino Unido é xa absolutamente predominante, cunha prevalencia por riba do 90%.

A incidencia está a medrar de forma paseniña en todas as áreas sanitarias, á excepción da xa comentada situación de Pontevedra, onde o incremento está a ser moi superior. As áreas de Vigo e A Coruña, con incidencias acumuladas ao redor dos 90 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días son as seguintes áreas con peores datos. 

 Este martes non se rexistrou ningunha nova defunción relacionada coa Covid-19. É a terceira vez que isto sucede nos últimos cinco días

A gráfica da razón de taxas (que cando presenta valores superiores a 1 amosa que a incidencia está a medrar) indica claramente o empeoramento xeral iniciado hai 15 días.

Pola contra, as boas novas chegan ao falarmos da cifra de falecementos. Este martes non se rexistrou ningunha nova defunción relacionada coa Covid-19. É a terceira vez que isto sucede nos últimos cinco días e, de feito, tan só se produciron tres mortes nos últimos seis días, unha mostra dos efectos do proceso de vacinación, que conseguiu xa protexer a unha parte moi importante da poboación máis vulnerable.

Por concellos, Carballeda de Valdeorras, O Grove e A Pobra do Caramiñal seguen a rexistrar os peores datos (son as únicas localidades en situación de risco máximo). A incidencia acumulada supera tamén os 150 casos en Carral, A Illa de Arousa, Boiro e Cambre e rolda esa cifra en Sanxenxo.

No outro extremo, hai 170 concellos que non rexistraron ningún diagnóstico novo nos últimos 7 días e unhas 140 localidades sen positivos nas últimas dúas semanas.

En canto ás cidades, Vigo é a única cunha incidencia por riba dos 100 casos por cada 100.000 habitantes (116), seguida da Coruña (99) e Pontevedra (92). Santiago e Ferrol son as urbes con mellores datos.

Finalmente, no que atinxe ás hospitalizacións, este mércores a situación mantense estable, con 26 persoas ingresadas nas UCI con Covid-19 e un total de 184 con conxunto de unidades hospitalarias, cifras moi semellantes ás de hai sete días.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.