As áreas de Pontevedra e Santiago impulsan a suba da incidencia da COVID polo empeoramento na contorna da ría de Arousa

Cribado da COVID-19 en Barreiros, este 13 de abril, e mapa de incidencia a 14 días con datos do día 12 CC-BY-NC-SA Foto: Concello de Barreiros | Montaxe: Praza Pública

A incidencia acumulada do coronavirus para o conxunto de Galicia emprendeu nos últimos días unha lixeirísima tendencia ascendente. Cos datos do último día completo dispoñible, o domingo 11 de abril, o indicador a 7 días sitúase en arredor de 40,7 casos novos por cada cen mil habitantes e a 14 días, rolda os 74. O feito de que a incidencia acumulada a 7 días sexa máis da metade que a incidencia a 14 evidencia esa lixeira tendencia á alza. Unha semana antes, a incidencia a sete días estaba nuns 33 casos e a catorce días, en algo menos de 67.

Para o conxunto de Galicia, a incidencia a 14 días rolda os 74 casos novos por cen mil habitantes e a sete días, os 41, o que apunta a un lixeiro ascenso

Os datos globais de Galicia increméntanse un chisco, pero sen unha repunta moi brusca, porque os empeoramentos nalgunhas áreas do país vénse compensados coa estabilidade ou mesmo as lixeiras melloras noutros. Entre os primeiros destacan as áreas sanitarias de Pontevedra-O Salnés (111 casos novos por cada cen mil habitantes a catorce días) e Santiago-Barbanza (71 casos por cen mil habitantes nese período). Estas dúas áreas si trazan xa unha clara tendencia á alza que, globalmente, se ve compensada polo acougo noutras como Vigo ou A Coruña.

A evolución epidemiolóxica tampouco é homoxénea dentro do territorio destas áreas sanitarias. Así, os datos de incidencia acumulada a nivel municipal amosan que boa parte destes incrementos hai que buscalos na contorna da ría de Arousa. Mostra disto é, por exemplo, que en ambas beiras da ría se sitúan dous dos tres concellos que actualmente están no nivel máximo de restricións da Xunta (A Pobra do Caramiñal, pertencente á área sanitaria de Santiago-Barbanza, e O Grove, encadrada na de Pontevedra-O Salnés). 

Nestes días, os datos epidemiolóxicos comezan a reflectir os contaxios que puidesen producirse na Semana Santa

Nuns días nos que os datos epidemiolóxicos comezan a reflectir os contaxios da COVID-19 que se puidesen producir durante a Semana Santa, tamén destacan as incidencias acumuladas a catorce días en concellos da Mariña. O mesmo sucede co Baixo Miño, a contorna da Ribeira Sacra lucense ou puntos do sur da provincia de Ourense.

Así e todo, as cifras de concellos que non rexistraron casos novos nos últimos 14 días seguen sendo elevadas, con 141 (+4). En 169 (-2) non se rexistraron casos nos últimos sete días. Hai unha semana, os concellos sen casos en catorce días eran practicamente os mesmos, pero os libres do coronavirus en sete días eran case unha vintena máis.

O Sergas rexistra 165 casos novos e cada día da última semana computou unha media duns 137 novos diagnósticos mediante PCR

Todo isto sucede nunha xornada na que o Sergas engade 165 casos novos ao seu cómputo, os rexistrados entre as seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns. Deles, 133 son diagnósticos mediante PCR e nos últimos sete días naturais completos, a media diaria de diagnoses mediante estes test rolda os 137, un lixeiro incremento na liña da evolución dos datos de incidencia acumulada (que teñen en conta tamén os test de antíxeno). 

Os lixeiros incrementos nas cifras de novos casos prodúcense tras máis dun mes de estabilidade nos principais indicadores epidemiolóxicos. Isto provoca que o número de altas epidemiolóxicas continúe estable e, ao aumentar un chisco os novos casos, suceda o mesmo coa cifra de positivos activos. Segundo os datos divulgados por Sanidade este martes, agora son 2382. A principios de mes chegaran a baixar dos 2.200.

Hospitalización e positividade das proba PCR

Estas cifras rexístranse no inicio dunha semana que comezou con 185 pacientes nos hospitais galegos con test positivo da COVID-19, 24 menos que unha semana antes e os mesmos que o día anterior. Cómpre agardar un chisco, non obstante, para que as cifras de hospitalización reflictan o habitual freo nas altas que adoita producirse durante as fins de semana. Destes 185 pacientes, 29 (-1) están na UCI. Unha semana antes eran 27.

As cifras de hospitalización seguen acougando devagar e o mesmo sucede coas de mortalidade. Nos últimos sete días con datos completos, o Sergas rexistrou unha media diaria de 2 mortes de persoas infectadas polo coronavirus e ademais, por primeira vez dende o verán pasado, Galicia rexistrou dous días seguidos sen falecementos de pacientes coa COVID-19. O total sitúase en 2.369 mortes oficialmente ligadas á pandemia.

Fronte á peor evolución noutros puntos do Estado ou do continente, as taxas de positividade das probas PCR (porcentaxe das que dan positivo) tamén seguen falando dunha relativa estabilidade. Para o conxunto de Galicia, a positividade media diaria a sete días rolda o 2,3% e, nas áreas nas que esta taxa é máis alta, Pontevedra e Vigo rolda o 4% e o 3%, respectivamente. A Organización Mundial da Saúde dá por controlada a pandemia nun territorio cando estas taxas están por baixo do 5%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.