Galicia encadea dous días sen mortes coa COVID por primeira vez dende o verán e a incidencia do virus apunta a unha suba

Cribado da COVID-19 en Ribadeo este 12 de abril CC-BY-NC-SA Foto: Concello de Ribadeo | Montaxe: Praza Pública

Cada día dende o 3 de outubro de 2020 ata o 1 de abril de 2021, sen excepción, Galicia rexistrou falecementos de persoas que contraeran a COVID-19. O pasado día 1 foi a primeira xornada completa sen mortes de pacientes infectados polo coronavirus e os pasados venres e sábado, 9 e 10 de abril, o país encadeou dous días seguidos sen vítimas mortais con test positivo desta doenza. Hai que remontarse ata o pasado verán, concretamente aos pasados 24 e 25 de agosto, para atopar dúas xornadas sen mortes oficialmente ligadas á pandemia no país.

O total de falecementos oficialmente ligados á pandemia en Galicia sitúase agora en 2.368

Aínda que Servizo Galego de Saúde consolida os seus datos durante días -o cal implica a posibilidade de que, posteriormente, Sanidade date algún falecemento nestas datas-, o feito de que xa pasasen dous días sen falecementos notificados e que sucedese o mesmo durante o domingo ata as seis da tarde supón afondar na tendencia iniciada a principios de marzo, cunha notable diminución de falecementos. O total sitúase agora en 2.368.

Nas últimas semanas, ademais, vén destacando a ausencia de novas mortes de persoas coa COVID-19 que vivisen en residencias de persoas anciás ou con discapacidade. Nestes centros non se rexistran casos do coronavirus entre residentes dende principios de abril, cando quedou superado o gromo da residencia de Silleda. Persoas residentes nestes centros pasaron de supoñer máis do 40% das novas mortes de persoas coa COVID-19 en Galicia a supoñer apenas o 6% no pasado mes de marzo, xa coa vacinación rematada. Todo apunta a que no presente mes de abril ese efecto será aínda máis perceptible.

Fin da 'chaira' cun lixeiro incremento de casos novos e incidencia

O Sergas rexistrou na última semana algo máis de mil casos novos; na anterior apenas superaran os 900

Os datos de mortalidade descenden ata niveis inéditos dende o verán no inicio da semana na que os datos epidemiolóxicos deberían comezar a reflectir os contaxios que se producisen durante a Semana Santa. Mentres, a evolución das últimas xornadas suxire a fin da chaira pola que os principais indicadores transitan dende hai algo máis dun mes. O Sergas suma este luns 126 casos novos, 113 deles diagnósticos mediante PCR. 

Durante a pasada semana e a falta dos datos dende as seis da tarde e ata as doce da noite do domingo, foron rexistrados en Galicia 1.001 casos novos -contando tamén os positivos en test de antíxenos-. Na semana anterior foran detectados 905. Os datos de todos os test de infección activa bosquexan unha lixeira repunta e o mesmo sucede coa media de novos diagnósticos diarios por PCR a sete días, que pasou de menos de 120 a algo máis de 130 nas últimas xornadas.

En calquera caso e malia aos devanditos incrementos, os datos máis recentes non apuntan a unha explosión de contaxios semellante á do Nadal e, cando menos de momento, tampouco sinalan unha evolución semellante á doutros territorios do Estado ou de Europa, onde a eclosión da cuarta vaga da pandemia está a ser moito máis clara. Estes incrementos si provocan que, nas últimas xornadas, aumenten lixeiramente os casos considerados como positivos activos. O último dato dispoñible, o do domingo ás seis da tarde, sitúase en 2.316. Unha semana antes eran 2.211.

Fin da incidencia plana cun incremento contido

A devandita evolución reflíctese xa nos datos de incidencia acumulada da COVID-19 en Galicia. Coa información do último día completo dispoñible (o sábado, 10), o indicador a 14 días rolda os 74 casos novos por cada cen mil habitantes e a sete días sitúase na contorna dos 41. Que a incidencia a sete días estea un chisco por riba da metade da incidencia a 14 días supón unha tendencia ascendente, aínda que polo momento é leve e, como amosa o gráfico baixo estas liñas, lonxe das situacións do pasado outono ou do inverno.

Malia aos lixeiros ascensos de incidencia, o número de concellos sen casos novos nos últimos 14 días segue superando amplamente o centenar 

Sobre o mapa -e sempre á espera de que, durante esta semana, acaben de reflectirse os contaxios da Seamna Santa-, as maiores incidencias acumuladas a catorce días seguen rexistrándose en concellos e comarcas do suroeste do país, caso da contorna de Vigo, O Salnés ou A Barbanza. Nos últimos días resaltan tamén os incrementos en puntos da Mariña -o Sergas incrementou as restricións en Barreiros con efecto dende este luns- ou zonas máis puntuais do sur de Lugo ou da provincia de Ourense. No que atinxe ás cidades, a situación segue sendo de relativa estabilidade, con Pontevedra como a única que está a trazar unha liña máis claramente ascendente nos últimos días.

En calquera caso, o número de concellos sen casos novos nos últimos 14 días segue superando amplamente o centenar (agora son 137, apenas media decena menos que hai unha semana). Na última semana non houbo casos novos en 171 municipios, uns dez menos que sete días antes. 

185 hospitalizacións con datos marcados pola fin de semana

Mentres todo isto sucede, nos últimos días aumentaron lixeiramente as cifras de hospitalización ligadas á pandemia aínda que, como vén sendo habitual no inicio de cada semana, cómpre lelas con cautela porque, durante as fins de semana, os hospitais adoitan tramitar menos altas. Así, o total de pacientes con test positivo da COVID-19 nos hospitais galegos é de 185, 34 menos que unha semana antes. Deles, 30 están en unidades de coidados intensivos, tres máis ca un día antes pero tres menos que o mesmo día da semana anterior.

Estas cifras rexístranse nun contexto no que as taxas de positividade das probas PCR (porcentaxe das que dan positivo) seguen en niveis contidos. A positividade media a sete días nestes test para o conxunto de Galicia sitúase arredor do 2% e na área sanitaria na que este indicador é máis elevado, a de Pontevedra-O Salnés, apenas supera o 2%. Na última semana, o Sergas procesou cada día unha media dunhas 5.700 PCR.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.