Os establecementos poderán ampliar xa este venres a súa hora de peche e queda nas súas mans “garantir a ventilación correcta do local”
A decisión anunciada este mércores polo presidente Feijóo de permitir que algúns restaurantes que cumpran determinadas condicións poidan ampliar das 21 ás 23 horas o seu horario de apertura a partir deste venres 16 de abril xa foi publicada nun Diario Oficial de Galicia (DOG) extraordinario no que se deixa sen efecto un deses condicionantes ata dentro dunha semana. Non será ata o venres 23 de abril que se esixirá dispoñer de aparellos de medición de CO2 que garantan a renovación do aire no interior dos comedores. Ata daquela, a Xunta só esixe aos establecementos “garantir a ventilación correcta do local”.
O DOG extraordinario concreta os tres requisitos que deben cumprir os locais de hostalería para poder abrir ata as 23 horas a partir deste venres, aproveitando así a ampliación tamén ata esa hora do toque de recollida. “A xestión da ocupación das mesas para o servizo de ceas deberá levarse a cabo mediante a reserva ou citación previa”; “levarase un rexistro dos clientes do servizo de ceas que inclúa nome e apelidos, DNI e número de teléfono” que os establecementos deberán custodiar un mes “cumprindo coas normas de protección de datos”; e “garantirase a correcta ventilación do local que se obxectivará a través da utilización de dispositivos medidores de CO2, que deberán dispor dunha pantalla que mostre os niveis de CO2 en tempo real nunha zona visible para os usuarios”.
No caso dese último requisito, o DOG sinala que “a localización do medidor deberá axustarse ás indicacións técnicas aplicables e ter en conta o tamaño e a forma do espazo, as súas entradas de aire e o fluxo da ventilación”. Así, “non se situarán preto das xanelas, portas ou outros puntos de ventilación”. Tamén se engade que “no caso de sistemas mecánicos de ventilación, débese asegurar en todo caso o nivel de CO2 interior e persoal cualificado documentará o mantemento adecuado e as actuacións realizadas”. Nos dous casos, “non se deberán superar no interior as 800 p.p.m. de concentración de CO2” e “será responsabilidade do local adoptar as medidas precisas de renovación do aire para que non se supere a cifra indicada”.
O DOG sinala nunha seguinte disposición que o resto de medidas entrarán en vigor ás cero horas deste venres 16 de abril. “Porén, e sen prexuízo do deber de garantir a ventilación correcta do local, a obriga de utilización de dispositivos medidores de CO2 terá efectos a partir das 00.00 do día 23 de abril de 2021”, remata a Orde da Consellería de Sanidade.
Os establecementos comerciais deixan de ter o seu peche obrigado ás 21.30 horas e pasan ao que estableza a normativa vixente previa á pandemia pero respectando en todo caso o toque de recollida das 23 horas
Canto aos establecementos comerciais, que cuxo horario de apertura quedara limitado desde o 17 de marzo ata as 21.30 horas, a nova Orde establece que "o horario de peche dos ditos establecementos e locais será o que teñan fixado de acordo coa normativa vixente, debendo respectar en todo caso as limitacións establecidas para a mobilidade nocturna".
Por outra banda, o DOG extraordinario tamén publica o decreto polo que amplía das 22 ás 23 horas o toque de recollida tamén desde este venres. Así se establece na parte dispositiva do decreto, pero cun erro na exposición de motivos na que se di que o período de limitacións á mobilidade nocturna “pasa a ser o comprendido entre as 22.00 ás [sic] 6.00”.