Malia que a Audiencia Nacional vén de condenar o propio Partido Popular como beneficiado da trama de corrupción Gürtel e foron cargos populares boa parte dos 29 condenados, entre eles quen foi secretario de Organización do PP galego, Pablo Crespo, Alberto Núñez Feijóo limitou este xoves o caso a que Luis Bárcenas “non foi un tesoureiro moi exemplar e iso puido contaminar o PP”.
O presidente evita responder se a sentenza debe implicar responsabilidades políticas e obvia a condena a 37 anos a quen foi secretario de Organización do PP galego e o propio Feijóo mantivo en Portos de Galicia
Nunha rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno que estivo centrada na atención ás vítimas que deixou a explosión da pirotecnia de Tui, cuestión que Feijóo considerou máis importante, o presidente foi preguntado polas condenas do caso Gürtel e se considera que deben implicar responsabilidades políticas no seu partido máis alá das penais. O presidente dixo non coñecer a “agardada” sentenza “dez anos despois” máis que por informacións xornalísticas e centrou a súa valoración na figura de Luis Bárcenas, do que dixo que “se o tesoureiro acaba de ser condenado” é que “non foi un tesoureiro moi exemplar e iso puido contaminar o PP”. Canto ao partido, dixo que debe “acatar, cumprir e garantir que isto non volva suceder”.
Feijóo di que o PP debe “mandar unha mensaxe de seguridade de que as cousas que se fixeron mal nin se fagan actualmente nin se volvan repetir nunca máis”
Feijóo obviou a pregunta sobre as posibles responsabilidades políticas máis alá das penais dunha sentenza que condena a máis de 37 anos de cárcere a Pablo Crespo, que foi secretario de Organización do PP galego antes de que Feijóo comezase a presidir a formación pero a quen el mesmo, cando era conselleiro de Política Territorial, mantivo como vocal de Portos de Galicia desde 2003 ata que os dous foron relevados polo bipartito en 2005.
O presidente da Xunta e do PP galego limitouse a “mandar unha mensaxe de seguridade de que as cousas que se fixeron mal nin se fagan actualmente nin se volvan repetir nunca máis”.