Normas de hai tres décadas tiveron sucesivas emendas polos gobernos do propio Fraga, PSdeG-BNG ou o actual, pero das 73 expresamente derrogadas na súa totalidade, concepto de moda polo debate sobre o alcance da reforma laboral estatal, 42 fórono na última década
Este 15 de xaneiro hai dez anos da morte de Manuel Fraga, o presidente que máis tempo estivo á fronte da Xunta de Galicia, 15 anos e medio, cifra para a que aínda quedan máis de dous anos que poida ser acadada por Feijóo. Dos seus mandatos quedan hoxe en vigor unha trintena de leis con efecto en todo tipo de sectores, entre elas talvez a que máis condicionou a posibilidade de lexislar en Galicia, a que en 1992 elevou do 3% ao 5% o mínimo de votos para obter escano no Parlamento.
A metade das leis aprobadas durante os mandatos de Fraga, 73, xa foron expresamente derrogadas na súa totalidade por leis posteriores, concepto agora de moda polo debate sobre o alcance da reforma laboral estatal e se supón ou non unha derrogación da lei previa impulsada por Mariano Rajoy. E desas derrogacións totais e expresas de leis de Fraga, máis da metade, 42, foron aprobadas con Feijóo na presidencia.
Nas catro lexislaturas que Fraga estivo á fronte da Xunta o Parlamento de Galicia aprobou un total de 155 leis. A propia Xunta, o Parlamento e a USC manteñen unha web, lex.gal, sobre o dereito consolidado de Galicia que permite ver os sucesivos cambios experimentados polas normas autonómicas, que disposicións ou partes delas están en vigor e cales foron derrogadas expresamente na súa totalidade por leis posteriores.
De entrada, das 155 leis aprobadas naquelas catro lexislaturas unhas 40 estiveron relacionadas cos orzamentos da Xunta, as súas leis de acompañamento ou plans estatísticos plurianuais. Formalmente nunca foron derrogadas na súa totalidade, pero na práctica as súas disposicións quedaron superadas no exercicio posterior pola seguinte lei orzamentaria anual. Pola contra, si se consideran completamente derrogadas na súa totalidade por disposicións específicas de leis posteriores un total de 73. E a análise das datas desas disposicións derrogatorias totais recompiladas en lex.gal permite comprobar que en 42 casos foron aprobadas durante os mandatos de Feijóo, 18 derrogacións totais foron impulsadas polo goberno de PSdeG e BNG e 13 foron derrogadas durante gobernos do propio Fraga posteriores á súa aprobación orixinal.
Algunhas leis como a do Solo de 2002 foi mudada sucesivas veces, polo propio Fraga, o PSdeG e o BNG ou Feijóo, antes da súa derrogación definitiva en 2016
A derrogación final total e expresa desas leis non significa que previamente non fosen mudados algúns dos seus artigos, nalgúns casos pode que mesmo ata cambiar por completo o sentido da norma orixinal. Un exemplo paradigmático é o ocorrido coa Lei 9/2002 de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, a coñecida como Lei do Solo de 2002. Só dous anos despois o propio goberno de Fraga mudaba medio cento dos seus artigos. A norma sería corrixida outras catro veces por PSdeG e BNG e cinco máis con Feijóo xa na presidencia da Xunta. Foron un total de dez reformas de calado que a mudaron por completo antes de que finalmente fose a nova Lei 2/2016 do Solo de Galicia a que na súa disposición derrogatoria única estableceu expresamente a caducidade total da lei de 2002.
Á marxe das leis de tipo orzamentario e das derrogadas expresamente, lex.gal considera que seguen en vigor unha trintena de leis aprobadas durante os catro mandatos de Fraga. Boa parte delas, ao igual que ocorreu coa Lei do Solo, sufriron todo tipo de modificacións durante estes anos e derrogacións parciais dalgúns dos seus artigos que fan que na práctica xa non teñan efecto. Pero outras seguen intactas varias décadas despois. Entre elas destaca a lei 15/1992 que á súa vez reformou a lei de 1985 de eleccións ao Parlamento de Galicia e que desde aquela non volveu ser tocada.
Unha das leis máis significativas que non mudou en tres décadas é a que elevou do 3% ao 5% o mínimo de votos para obter escano no Parlamento
Aquela lei elevou do 3% ao 5% o mínimo de votos nunha circunscrición para que unha candidatura obtivese escano no Parlamento de Galicia, o que restrinxiu a posibilidade de acceso á Cámara ás formacións máis pequenas nun momento no que a dereita estaba aglutinada arredor de Fraga e a esquerda, ao igual que ocorreu en anos posteriores, se dispersaba en diversas siglas. Ese límite do 5% non mudou nin pese ao intento despois abandonado de Feijóo de reducir os escanos totais do Parlamento, o que faría aínda máis difícil conseguir un, nin malia ás protestas de formacións da esquerda para lograr un sistema máis proporcional, coa agora ministra de Traballo, Yolanda Díaz, nun papel destacado como líder de EU en Galicia.
Por outra banda, entre a trintena de leis que aínda non foron derrogadas expresamente, boa parte delas teñen un contido moi limitado a sectores moi específicos da sociedade. É o caso da media ducia de normas creadoras de colexios profesionais. Ou a aínda nunca corrixida directamente Lei 10/2003 sobre o acceso á contorna das persoas con discapacidade acompañadas de cans de asistencia. Tampouco foi mudada, por exemplo, a Lei 4/2002 do estatuto da capitalidade de Santiago.
Tamén seguen vixentes, aínda que tivesen cambios neste tempo, as leis que no seu momento crearon organismos como o Consello Económico e Social, Gardacostas de Galicia, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) ou o Instituto Enerxético de Galicia (Inega).
E noutros casos, como a lei de artesanía ou a de calidade alimentaria, o actual Goberno de Feijóo xa avanzou a súa intención de aprobar novas normas, pero incumpriu a súa promesa de facelo o ano pasado e seguen pendentes.