Á procura dunha fronte común contra o recorte ao Parlamento

Bancadas da oposición, nun pleno do Parlamento CC-BY-NC-SA PSdeG

Ao longo da pasada lexislatura, a primeira con Alberto Núñez Feijóo no poder, os xestos de unidade na oposición, daquela formada por PSdeG e BNG, foron contados. Malia teren posicións converxentes en temas diversos e mesmo votaren conxuntamente en innumerables ocasións, os xestos unitarios só chegaron en momentos moi concretos, tales como a oposición ás políticas antiabortistas ou os recortes sanitarios. No actual mandato a disposición e os xestos veñen sendo outros malia existir un grupo máis, AGE, e os chamamentos a facer fronte común contra determinadas políticas do PP xa foron varios. O traballo céntrase agora en construír un dique de contención fronte ao recorte ao Parlamento que Feijóo se dispón a aprobar e, ademais, formular as correspondentes alternativas.

O primeiro en lanzar a aposta pola unidade de acción foi o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen tras esvarar nas súas primeiras declaracións públicas ao respecto, pronunciadas tras a reunión con Feijóo na que si se opuxo á reforma, advertiu de que se o PP se dispuña a aprobar a o seu recorte "si ou si", a resposta socialista ía ser "non". Nesta liña, nos últimos días de decembro o PSdeG anunciaba a súa intención de compartir coas demais formacións parlamentarias a aposta por unha reforma electoral máis ampla que parte da base de que "non é certo que máis aforro implique menos democracia", di Besteiro, quen parte da posibilidade de conservar 75 deputados pero co nivel retributivo de 61. A partir de aí, sinala, trátase de ser "máis ambiciosos" e abordar cuestións como "as listas desbloqueadas ou abertas" ou a redución de "obstáculos" para a presentación de iniciativas lexislativas populares.

O PSdeG proporalles ao resto de forzas unha reforma electoral "ampla" que aborde asuntos como as listas abertas

Quen tamén concorda na necesidade de "conformar unha fronte común á contrarreforma involucionista do PP" é o BNG cuxo portavoz nacional, Xavier Vence, lembrou este martes os aspectos esenciais da reforma alternativa que a formación nacionalista xa rexistrou en maio. O Bloque, explica Vence, disponse a entablar contactos cos demais grupos "co obxectivo de parar esta involución antidemocrática" e, ao tempo, procurar "que o voto da cidadanía teña o reflexo máis fidedigno posible na Cámara", a comezar pola "premisa innegociable" de manter os 75 escanos e a seguir por unha modificación legal "para que a diferenza entre o que vota a cidadanía e a composición da Cámara sexa mínima", isto é, "evitar que unha forza que ten o 44% dos votos controle o 55% do Parlamento", di Vence.

Aposta por un sistema proporcional

Sobre esta base, a proposta que o BNG parte da supresión do "limiar mínimo do 5% para a obtención de escanos [aprobado por Fraga en 1993] en aras dun maior pluralismo político" e segue pola supresión dos mínimos de escanos por provincia, fixado actualmente en 10 e que coa reforma de Feijóo ficaría en 8. Para o Bloque a nova lei de eleccións debería substituír a lei d'Hondt por un "sistema proporcional directo, que permitiría reducir o enorme desequilibrio no peso do voto entre provincias" e lograría que "cada deputado ou deputada represente o mesmo número de votos". A proposición compleméntase coa garantía legal de que se celebren debates electorais -tamén defendida polo PP nos últimos meses pero non incluída na súa reforma- e un paquete de "medidas de aforro real" que Vence contrapón coa "propaganda" do PP, tales como a "supresión dos asesores nomeados a dedo por Feijóo" ou a supresión das deputacións provinciais.

Vence apela á conformación da fronte común e Díaz ve "esencial" a "unidade de acción

A iniciativa da fronte común atopará boa acollida en AGE, cuxa vicevoceira, Yolanda Díaz, ve "esencial" o "achegamento de posicións e a "unidade de acción" xunto a socialistas e Bloque, con independencia de que "cada organización sexa ambiciosa" na defensa das súas propias alternativas. "Nós imos pular non só pola unidade de acción, senón tamén para que haxa certa converxencia no social e sexamos quen de axitar a cidadanía do país" contra unha reforma que, di, forma parte do "proceso de recentralización e de perda do autogoberno" que, ao seu xuízo, impulsa un PP que procura "usurpar os valores da democracia" para poñer as institucións ao servizo das "oligarquías".

Neste escenario, Díaz sinala que a AGE lle "gustaría" que o conxunto da oposición "fósemos quen de poñernos de acordo" tamén na formulación dunha nova "fórmula electoral" que debe ser "proporcional" e, polo tanto, fuxir dunha "lei d'Hondt poderosamente distorsionadora", que fai "que o PP perda 140.000 votos pero acade máis escanos", en referencia ás eleccións de 2012. Ademais, di, cómpr ederrubar a devandita "barreira legal" do 5%. Tampouco concorda Alternativa coa división provincial; "deberíamos votar como galegos e non como coruñeses ou lucenses", ilustra Díaz para explicar que "pulamos pola circunscrición única". Esta modificación, evidencia, requeriría dunha reforma do Estatuto de Autonomía pero "ese non é o problema", toda vez que tamén foi posible "modificar a Constitución en cuestións esenciais nunha noite".

Besteiro e Méndez Romeu CC-BY-NC-SA PSdeG
Vence e Jorquera CC-BY-NC-SA BNG
Beiras e Díaz CC-BY-NC-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.