Houbo un tempo no que non había acto social de relevancia en Lugo no que non aparecese Jorge Dorribo. O que nos anos 90 do século pasado acadara certa sona polo acerto que tivera ao producir un produto para nutrir prendas de coiro medrara na primeira década do século XXI presentándose como empresario farmacéutico á fronte de Nupel, o laboratorio que fundara co nome do seu exitoso produto téxtil. Esta semana transcendeu a súa morte aos 54 anos en Barcelona, onde disque mantiña xuntanzas para algúns dos seus novos negocios.
Dorribo faleceu aos 54 anos en Barcelona, onde disque mantiña xuntanzas para algúns dos novos negocios que emprendera tras a fin da operación Campeón, o primeiro caso de corrupción que salpicou a Xunta de Feijóo
Eses novos proxectos emprendéraos tras a caída da trama de fraude de subvencións e outros delitos que quedou reflectida na investigación da operación Campeón, o primeiro caso de corrupción que salpicou o Goberno de Alberto Núñez Feijóo e que finalizou a finais de 2017 coa condena dun ex-deputado do PP e dous ex-directivos da Xunta, aos que o Goberno galego evitou acusar no proceso. Tamén foi condenado o propio Dorribo a catro anos e medio de cárcere por delitos contra a facenda pública, fraude, falsidade, insolvencia contable e branqueo, pero tras os acordos coa Fiscalía que pecharon o caso non tivo que volver á cadea, xa que acumulara catro anos en prisión preventiva e non tiña antecedentes.
Así rematou para o gran público o percorrido xudicial que comezara para Dorribo en maio de 2011, poucos días despois das eleccións municipais daquel ano. Naqueles días a xuíza Estela San José ordenara dende o seu xulgado de Lugo deter a Dorribo. Tamén ao daquela director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a un dos seus subdirectores, ademais de rexistrar a sede da institución dependente da Xunta. A detención de Dorribo causara impacto en toda Galicia, especialmente en Lugo. Pero impactar non é o mesmo que sorprender.
O altísimo nivel de vida do empresario causaba receos que ficaban en segundo plano cando puña sobre a mesa as súas xenerosas achegas; os despachos oficiais abríanse para el e xa non pechaban
O altísimo nivel de vida do empresario entre coches de alta gama, iates, hábitos de luxo e descricións grandilocuentes de enormes proxectos internacionais que non acababan de concretarse xa espertara receos. Pero, as máis das veces, eses receos ficaban en segundo plano cando Dorribo puña sobre a mesa xenerosas achegas para practicamente todos os equipos deportivos de Lugo ou para as festas da cidade. As portas dos despachos oficiais fóranlle abertas en tempos do todopoderoso barón do PP lucense Francisco Cacharro Pardo, xa falecido, e non llas volveran pechar. Todo o mundo saía con agrado nas fotos ao carón de Dorribo. Ata aquel infausto maio de 2011.
Menos dun ano despois das detencións comezaron as revelacións do sumario... e as acusacións de Dorribo. A investigación do caso afirmaba que o xefe de Nupel acadara axudas públicas da Xunta apoiándose en facturas falsas e impulsándose cos seus contactos políticos. Presentaba a súa empresa como unha potencial aliada da Xunta nos seus plans de austeridade sanitaria, paliando os efectos dos recortes cos seus produtos. Pero ao mesmo tempo daba en arruinar a súa propia compañía a base de préstamos para sufragar todo tipo de luxos. Cando a quebra era un feito, tentouna ocultar mediante enxeñaría contable.
A investigación do caso aifrmaba que acadara axudas públicas con facturas falsas e arruinara a súa empresa para sufragar os seus luxos; nas declaracións ante a xuíza defendeuse atacando a cargos políticos que acabaron imputados
Xa ninguén quería saír nas fotos con Dorribo, que tiña preparada a súa propia estratexia de defensa, baseada no ataque. Nas súas declaracións ante a xuíza San José afirmou que repartira cartos e todo tipo de prebendas a líderes políticos da época como o daquela alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, o ex-ministro de Fomento José Blanco, ambos do PSdeG, e o ex-conselleiro de Industria Fernando Blanco, do BNG.
As acusacións afectaron de xeito crucial a cadansúas traxectorias políticas, aínda que en xullo de 2012 as acusacións contra Orozco quedaron arquivadas e en 2013 o Supremo fixo o propio coas que pesaban contra o ex-ministro. Fernando Blanco tivo que agardar moito máis e non se liberou da imputación ata novembro de 2018, sete anos despois do estourido do caso.