0 Gardados para despois

Dorribo, o rei da ostentación que puido ser aliado da 'austeridade'

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Documentos relacionados

"Redución do gasto", "racionalización", "recortes", "aforro", "medidas extraordinarias" para o "déficit público". Termos coma estes son dende hai tempo vocabulario habitual da actualidade económica e política e, polo tanto, tamén dos dirixentes políticos. O presunto líder da trama Campeón, Jorge Dorribo, non era alleo a estas circunstancias cando ano 2010 procuraba a concesión dun crédito do Banco Europeo de Investimento (BEI) a través da Xunta, préstamo que, como ten relatado Praza Pública, tería logrado supostamente apoiándose en facturas falsas. Da documentación incluída no sumario da operación, ao que tivo acceso Praza, é posible concluír que Dorribo, ademais de por vías máis ou menos opacas, tamén tentou seducir os dirixentes do Goberno galego pola vía dunha das consignas que é unha constante na actual Xunta, a da "austeridade" e tamén o das alusións ás políticas do Goberno central, daquela presidido por José Luis Rodríguez Zapatero.

Un dos documentos nos que esta estratexia se observa con maior claridade é a presentación elaborada por Laboratorios Nupel sobre a planta de produción de medicamentos unidose que pensaban poñer en marcha no municipio de Rábade, próximo a Lugo, financiándoa esencialmente co préstamo do BEI e axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Ademais de explicar os aspectos técnicos da produción destes medicamentos e a maquinaria que precisaba adquirir -moita da cal, presuntamente, xa tiña mercada a filiais da súa propia empresa-, o informe de Nupel detense no contexto sociopolítico do momento, a mediados de 2010. Así, a compañía de Dorribo explica, literalmente que "o pasado 13 de maio o Goberno español fixo público un comunicado no que se pretende reducir entre outros recortes sociais o gasto farmacéutico na sanidade pública". "Propóñense dúas formas de recortes farmacéutico", detalla, a "redución do gasto (...) suxeito a patente", isto é, a extensión dos xenéricos, e a "racionalización, modificando o formato de presentacións daqueles fármacos que tratan procesos estandarizados para adecualos á duración do tratamento". É aquí onde entraría a conveniencia da produción das unidoses.

Na presentación de Nupel á Xunta, Dorribo fai mención aos "recortes" de Zapatero e á necesidade de "racionalizar" o gasto farmacéutico, o que tería espertado o interese de Farjas

"Reforzando esta nova tendencia no recorta farmacéutica", subliña, o propio Goberno, na que Nupel denomina "medida extraordinaria para o aforro do déficit público", isto é, o Real Decreto Lei de maio de 2010, "menciona a importancia para a futura dispensación de medicamentos en unidose". Nesta liña, explica "un dos principais obxectivos" do "deparamento de I+D+i de Nupel" é, precisamente, a "contención do gasto farmacéutico".

Xestións de Cobián, interese de Farjas e reunión con Feijóo

Son estes argumentos de aforro farmacéutico os que, sempre atendendo ao sumario, tería exposto o ex deputado Pablo Cobián ante a Xunta para tentar facilitar que Dorribo conseguise as axudas ás que optaba con, facendo, entre outras operacións, as oportunas xestións para que o empresario puidese chegar a reunirse co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para presentarlle personalmente o proxecto de planta de unidose en Rábade. Tendo en conta as probas atopadas por Vixilancia Aduaneira durante o rexistro do Igape, na mediación tamén tería intervido o ex director da institución, Joaquín Varela, imputado no caso. Un informe policial incluído no sumario explica que, nunha das libretas atopadas no despacho de Varela o ex alto cargo escribiu "vou o luns ver a conselleira de Sanidade, que está moi interesada [no proxecto de Nupel] por unha cuestión de aforro farmacéutico". "O xoves 14 vai co presidente", engade a nota.

O 14 de outubro de 2010 Dorribo acudiu a San Caetano para presentarlle a Feijóo o seu proxecto de medicamentos unidose

A información que achega esa anotación complétaa outar nota manuscrita, autoría segundo os investigadores de Pablo Cibán e atopada no despacho de Jorge Dorribo ao ser rexistrado. Nesa nota, di o informe, o ex parlamentario sinalaba: "Día 11 - 2 de la tarde consellería Sanidade Sergas D. Pilar Farjas; Día 14 - 5,30 San Cayetano Presidente Sr. Núñez Feijóo". Segundo ten confirmado o propio Goberno galego, esa reunión produciuse na sede da Xunta e a ela acudiu Dorribo acompañado por José Antonio Orozco, vicepresidente da loxística Azkar e socio do propietario de Nupel. O propio 14 de outubro de 2010 os axentes interveñen unha conversa telefónica entre Cobián e Dorribo. O parlamentario pregúntalle "como lle foi" e "Jorge dille que ben, que falaron de mover e controlar ao do Igape, Pablo dille que entre Carlos e el que o moven, que non se preocupe, que detrás de Joaquín [Varela] está el. Jorge dille que do que falaron coa conselleira e do tema da unidose e analizaron o tema de hospitais", detalla o informe. No mesmo documento, os investigadores sinalan que "Pablo di que estivo con Pilar (presuntamente Farjas) falando no Parlamento e que xa lle comentou o tema".

Pero, malia ter conseguido a axuda, o estourido do caso Campeón frustrou definitivamente a posta en marcha da planta de Rábade, acondicionada, segundo consta no sumario, por outras empresas presuntamente integradas na trama como Proitec e Novelar. Supostamente, a "intención" de Dorribo era "vender" a nave "a Caixa Galicia, a fin de que posteriormente esta entidade lla alugase a Nupel mediante leasing" e para iso "fixo valorar a nave", que "foi taxada nuns 900.000 euros". Todo o negocio tería como base a empresa Innovent Salud, participada tamén "a través dos seus familiares" polos socios de Dorribo Carlos Monjero e Javier Rodríguez, coprietarios á súa vez de Proitec.

O propietario de Nupel acumulaba antigüidades e pezas de arte por case medio millón de euros

Pero as louvanzas á austeridade e á "racionalización" lanzadas por Dorribo nos seus documentos para lograr cartos públicos non se corresponden coa súa práctica habitual, tanto empresarial como persoal. Así, ademais de asfixiar economicamente aos propios Laboratorios Nupel a base de préstamos para mercar coches de luxo ou potentes embarcacións, converteu a súa propia casa nun verdadeiro museo de antigüidades, polas que amosaba unha especial querencia. Así, segundo a taxación encargada polo xulgado, na súa vivenda no Corgo acumulaba pezas por un valor estimado duns 427.300 euros, conformando unha barroca decoración que abranguía dende cadros de recoñecidos pintores galegos ata artigos eclesiásticos ou armas.

Mesa neoclásica, 1500€

Moble con incrustacións de marfil, 30.000 €

Cabeiros de elefante, 35.000 €

Adornos de parede de marfil, 4.000 €

Cabeza de guerreiro, 5.000 €

Cadro de Laxeiro, 5.000 €

Debuxo de Rafael Alberti, 5.000 €

Colección de debuxos de Laxeiro, 12.000 €

Escopeta de comezos do século XX, 1.000 €

Figura de marfil con soporte, 18.000 €

Gumia con funda de prata, 1.000 €

Lámpada de 8.000 € na casa de Dorribo

Mesa pintada ao óleo e cadeiras, 10.000 €

Pistola do século XIX e machada, 4.500 €

Revólver Colt, 200 €

Talla do Apóstolo Santiago, 8.000 €

Vitrina con navallas e puñais antigos, 15.000 €

Xogo de café, 1.000 €

Antigüidades e pezas de arte na casa de Jorge Dorribo

O propietario de Laboratorios Nupel, presunto líder da trama Campeón, acumulou na súa casa mobles, armas, esculturas e cadros taxados polos investigadores en case medio millón de euros.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.