Para non perderse: quen é quen no caso 'Campeón'?

Jorge Dorribo CC-BY-SA Praza Pública

En maio de 2011 a policía irrompía na sede do Instituto Galego de Promoción Económicas (Igape) e na sede de Laboratorios Nupel, en Lugo. A intervención policial no ente dependente da Consellería de Economía e na empresa luguesa foi o inicio da denominada operación Campeón, un caso que non rematou de medrar dende ese momento e cuxa repercusión vén de medrar tras o levantamento parcial do segredo do sumario. As case corenta persoas imputadas e o entramado de empresas que, supostamente, forman parte da trama fan doado perderse entre nomes, siglas e escándalos. Velaquí algúns dos protagonistas:

Jorge Dorribo

Situado como o centro da presunta trama, Jorge Dorribo comezou a súa actividade empresarial nos anos 90, na cidade de Lugo, cun negocio de nutrición de tecidos de pel que foi evolucionando paulatinamente cara á produción de produtos cosméticos, primeiro, e de medicamentos, despois. Como propietario de Laboratorios Asociados Nupel e asociado con Arsenio Méndez protagonizou un meteórico ascenso na sociedade luguesa, con amplos contactos públicos e privados con outros empresarios, políticos e demais representantes sociais. Os abondosos patrocinios deportivos a equipos da cidade da Muralla contribuíron á súa notoriedade. Presuntamente, encabeza a rede que podería ter incorrido, segundo o sumario do caso, en fraude de subvencións, tráfico de influencias e branqueo de capitais.

Carlos Monjero

Copropietario da consultoría técnica industrial Proitec. Segundo consta no sumario, Proitec é contratada frecuentemente por Nupel e teríalle dado soporte contable ás súas operacións. Ademais, Proitec tería accedido, sempre segundo as investigacións, a obras públicas da Xunta grazas á intervención de membros da trama. No sumario figura tamén o seu socio, Javier Rodríguez.

José Antonio Orozco

Vicepresidente da empresa de transportes Azkar e socio de Dorribo na empresa Salut d'Innovació, que Nupel impulsaba en Andorra. O propietario de Nupel acúsao de ter colaborado en pagamentos ao ex ministro José Blanco, cuestión que negou na súa declaración ante o tribunal supremo.

Joaquín Varela

Ex director do Instituto Galego de Promoción Económica. As investigacións implícano no asesoramento a Dorribo para lograr axudas públicas supostamente de maneira fraudulenta, con facturas falsas e outros xeitos "ilícitos". Unhas acusacións semellantes pesan sobre Carlos Silva, tamén apartado dos seus cargos no Igape.

Pablo Cobián

Ex deputado do PP e ex candidato popular á alcaldía de Oleiros. O sumario sitúao como intermediario entre membros da presunta trama corrupta e altos cargos da Xunta.

José Blanco

Ex ministro de Fomento e ex vicesecretario xeral do PSOE. Dorribo asegura que lle entregou cartos a través do seu curmán, Manuel Bran, a cambio de interceder por el para lograr subvencións e autorizacións administrativas, o que o socialista asegura que é "falso".

Fernando Blanco

Ex conselleiro de Innovación e Industria e ex deputado do BNG. O propietario de Nupel acúsao de ter recibido diñeiro a cambio de outorgarlle trato de favor dende a Xunta e dende o Concello de Lugo, cuestión que o nacionalista ten negado en varias ocasións.

 

Jorge Dorribo CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.