O empresario líder da trama, Jorge Dorribo, que ve rebaixada a súa pena de 24 a 5 anos en parte xa cumpridos, é o que recibe a maior condena
“Todas as persoas que estaban acusadas obtiveron a resposta adecuada aos seus respectivos comportamentos”. Esa é a valoración que fai o fiscal xefe de Lugo, Roberto Brezmes, a respecto dos acordos previos para evitar penas de prisión que a Fiscalía acadou coa gran maioría dos 13 acusados que este martes sentaron no banco na primeira sesión do xuízo do caso Campeón, investigación iniciada hai máis de seis anos. O empresario Jorge Dorribo, líder da trama para facerse con subvencións do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), para o que a Fiscalía pedía inicialmente 24 anos de cárcere, é o que terá unha maior pena, de cinco anos e medio de cárcere, parte dos cales xa cumpriu en prisión preventiva.
O xuízo iniciado este martes continuará en outubro pero nel só se decidirá a condena ou non do único dos 13 implicados que non acadou un pacto previo
O xuízo do caso Campeón comezou este martes cunha primeira sesión dedicada a cuestións previas na que a responsable de financiamento do Igape, Cristina Quintela, viu como se retiraba a acusación contra ela, o que lle permitiu abandonar a sala. Xunto con ela, outros once acusados chegaron a acordos previos coa Fiscalía para rebaixar as súas penas, pero un deles negouse. O empresario Javier Rodríguez, socio de Proitec, empresa da que Dorribo supostamente se valeu para cometer parte dos seus delitos, non aceptou o acordo, o que obriga a que en outubro continúe o xuízo, aínda que nel só se determinará a súa culpabilidade ou non e a súa posible condena. O obxectivo da súa defensa é conseguir a nulidade de parte da investigación para resultar finalmente absolto. Entre os once acusados que asumiron a súa culpabilidade para acadar acordos previos están o ex-director do Igape, Joaquín Varela, o ex-subdirector de información do ente público, Carlos Silva, e o ex-deputado autonómico do PP Pablo Cobián.
O Igape non recuperará todos os cartos que perdeu malia "o esforzo de todos os acusados por reparar o dano causado", segundo o fiscal
Segundo declaracións aos medios do fiscal xefe de Lugo, Roberto Brezmes, á saída da sesión deste martes, cos acordos acadados a Fiscalía buscou a “simplificación” do xuízo para poder “individualizar” os comportamentos de cada un dos acusados. Segundo dixo, tentouse “condicionar calquera informe favorable á suspensión ou á substitución das penas de prisión ao esforzo de todos os acusados por reparar o dano causado” a través do pagamento de multas e indemnizacións ao Igape, que non recuperará todos os cartos perdidos. “Entendo que o favorable para a Fiscalía é a intención de que todas as persoas que estaban acusadas obtiveron a resposta entendo eu adecuada aos seus respectivos comportamentos”, valorou o fiscal.
Primeiro caso do Goberno Feijóo e con efectos en PSOE e BNG
O caso Campeón foi o primeiro de corrupción que afectou ao Goberno de Feijóo aos dous anos da súa chegada á Xunta. A trama creada polo empresario Jorge Dorribo para facerse con cartos públicos de xeito ilegal, nalgún caso coa mediación do ex-deputado do PP Pablo Cobián, afectou principalmente ao Igape. Porén, o Goberno galego renunciou a acusar tanto ao político popular como aos tres cargos públicos aos que si acusou a Fiscalía, segundo Feijóo porque a súa actuación limitouse a unha falta de “dilixencia”.
O caso Campeón salpicou o ex-ministro socialista José Blanco e o portavoz popular no Senado, José Manuel Barreiro, e mantén imputado o ex-conselleiro do BNG Fernando Blanco
O caso Campeón, investigado polo xulgado de Instrución número 3 de Lugo, coa xuíza Estela San José á fronte, tamén foi a orixe da imputación que durante un tempo pesou sobre o ex-ministro socialista de Fomento José Blanco ou a que a maxistrada propuxo para o portavoz do PP no Senado, José Manuel Barreiro, rexeitada polo Tribunal Supremo. Unha peza separada do caso segue mantendo imputado o ex-conselleiro de Industria do BNG Fernando Blanco.