0 Gardados para despois

A defensa de Fernando Blanco pide o arquivo da súa causa, que a xuíza separa da 'Campeón'

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Novo movemento procesual no cada vez máis amplo caso Campeón. A xuíza Estela San José vén de ampliar con dezaseis nomes máis a nómina de persoas imputadas na trama corrupta presuntamente liderada polo empresario lugués Jorge Dorribo e, ao tempo, optou por abrir unha peza separada para as dilixencias abertas sobre o ex conselleiro de Industria, Fernando Blanco, por non existir "conexión" entre esta investigación e a da suposta fraude de subvencións de Laboratorios Nupel. Tal e como lembra o auto da maxistrada, con data do 23 de abril, as investigacións sobre o político nacionalista apóianse na "declaración ofrecida por Jorge Dorribo" de maneira voluntaria o 8 de agosto de 2011. Das súas palabras a instrutora tira que podería existir un presunto delito -o empresario asegura que lle pagou a Blanco para lograr trato de favor na Xunta- e é precisamente a circunstancia de que non existan máis probas que a declaración de Dorribo a que leva á defensa de Blanco a reclamar o "sobreseimento e arquivo" da causa, agora separada da investigación principal.

Un informe de Facenda reflectiu a ausencia de probas das entregas de cartos que Dorribo asegurou que lle fixera a Blanco

Catro días despois de saír á luz un informe da Unidade de Blanqueo de Capitais da Coruña no que se acredita que, segundo Facenda, non hai proba ningunha de que Blanco recibise cartos de Dorribo os avogados Xoán Antón Pérez-Lema e Evaristo Nogueira argumentan, nun escrito de vinte páxinas, a solicitude de "arquivo e sobreseimento" baseándose "en que non hai indicios incriminatorios sustentables contra Fernando Blanco", senón "meras manifestacións" do propietario de Nupel quen, por ser "imputado na causa penal, non ten a obriga de dicir a verdade" e ademais "manifesta ter unha personalidade contraditoria e voluble, realizando declaracións carentes de todo sustento real e verificable".

Como xa fixeran nunha comparecencia pública ante os medios de comunicación Pérez-Lema e Nogueira detallan no documento remitido ao xulgado que ficou demostrado que o antigo membro do Goberno galego non beneficiou a Nupel na concesión de axudas públicas, que non recibiu cartos ou agasallos de Dorribo e que tampouco forma nin formou parte de ningunha das dúas empresas. Cómpre, polo tanto, din, o "respecto ao principio de presunción de inocencia" e, ademais, "dar cumprimento ao criterio establecido en numerosas sentenzas do Tribunal Supremo e do Tribunal Constitucional, que rexeitan alongar a denominada "pena de banco" por non resultar admisible que unha persoa con trascendencia pública sexa sometida a un procedemento no que non existen indicios sustentables da comisión dun delicto".

Farjas aparece mencionada no sumario por, supostamente, ter manifestado interese polo proxecto de unidose de Nupel

Do mesmo xeito, a equipa xurídica que defende a Blanco ve "positivo" que a causa do ex conselleiro se instrúa de maneira separada á da trama Campeón, "dado que vai permitir a xestión máis eficaz e eficiente da causa e un maior e máis rápido coñecemento do fondo por parte do xuíz competente". Ao tempo, os avogados engaden que "a actual conxuntura procesual constitúe unha fase de investigación previa, na que non existe a necesaria concreción sobre os delictos que lle son atribuídos a Fernando Blanco, senón unha mera impresión xenérica sobre a posible comisión de diversos tipos penais".

Á marxe da causa de Blanco, os novos movementos da xuíza implican tamén a chamada de ata oito novos testemuños, requirindo entre eles a "presenza persoal" da ex conselleira e actual directora xeral de Sanidade do Goberno central, Pilar Farjas. Como ten informado Praza, Farjas aparece mencionada no sumario por ter manifestado, supostamente, interese no proxecto de medicamentos unidose que planificaba Nupel no concello lugués de Rábade.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.