"Hai moitas empresas con dificultades que se están preguntando por que hai algunhas poucas que teñen unha inxección directa e hai outra que non. Por que hai medios como a prensa escrita ou as radios que non teñen esas axudas?". O pasado 22 de maio, o presidente da Xunta e candidato á reelección polo PP, Alberto Núñez Feijóo, respondía nestes termos ao ser cuestionado polos fondos destinados polo Goberno de España para as empresas emisoras da televisión dixital terrestre (TDT) que teñen que cumprir determinados mínimos de cobertura.
Poucos días antes, entre o 16 e o 19 do mesmo mes, a Xunta rubricaba ata vinte e dous convenios -acordos bilaterais que, pola súa natureza xurídica, son de seu discrecionais e non requiren concurso público ou outra figura aberta semellante- con outras tantas empresas editoras de medios de comunicación que suman un total 1,1 millóns de euros. Todos eles teñen o mesmo concepto, a Difusión informativa das medidas e protocolos de actuación a adoptar pola poboación nas fases de desescalada consecuencia da COVID-19 e están canalizados a través dun departamento alleo tanto ás medidas sanitarias como ao departamento que dirixe a comunicación institucional do Goberno: a Axencia Turismo de Galicia, que adoita impulsar campañas en materia de promoción turística mediante contratos tanto en territorio galego como fóra del.
Os vinte e dous convenios, asinados pola Axencia Turismo de Galicia o pasado maio con outras tantas empresas editoras de medios de comunicación, suman 1,1 millóns de euros procedentes da partida "promoción e difusión do turismo"
Malia financialos con fondos de Turismo, esta inxección económica vai para campañas que transcenden esta materia, atendendo ao texto dos convenios. Consiste, esencialmente, en insercións publicitarias sobre diversas políticas do Goberno galego ligadas á crise do coronavirus que, colateralmente, tamén atinxen a este sector. Aínda que formalmente os convenios estarán vixentes ata finais de setembro, estipulan que esa "difusión informativa" se realice ata o 30 de xullo e as súas modalidades varían en función do medio.
Así, por exemplo, o grupo de comunicación que máis fondos recibe (case 300.000 euros) compromete a "elaboración, produción e difusión de contidos audiovisuais", banners nos seus sitios web e a "inserción dun mínimo de 12 páxinas" no xornal impreso que edita "sobre os aspectos relacionados no obxecto deste convenio". Estas especificacións adáptanse a cada soporte en cada un dos convenios asinados, que comprenden empresas editoras de sete xornais impresos de ámbito galego e as súas versións dixitais, outras tres de cabeceiras impresas de ámbito estatal e as súas webs, un dixital editado en Madrid, oito emisoras de radio privadas e mais a CRTVG.
O texto dos convenios indica que a intención das achegas económicas é "concienciar, educar e difundir entre a poboación a idea de Galicia como territorio seguro"
Os fondos cos que se financian estas achegas económicas saen da partida "promoción e difusión do turismo", que nos Orzamentos Xerais da Xunta para 2020 contaba con 23,1 millóns de euros. O texto dos convenios xustifica que a difusión das medidas do Goberno galego nos medios sobre o coronavirus vaia por esta vía alegando que, dentro das súas competencias, a Axencia Turismo de Galicia, "considera de interese xeral para Galicia e especialmente para o sector turístico" unha "adecuada divulgación entre a poboación" das "medidas e protocolos de seguridade postos en marcha polas Administracións" para "concienciar, educar e difundir entre a poboación a idea de Galicia como territorio seguro".
"Unha das claves da fase de recuperación -agrega- e o establecemento dunha nova normalidade é a conexión da aplicación das medidas de seguridade sanitaria coa recuperación dos mercados dos turistas e dos consumidores". Estas campañas a través dos medios beneficiarios dos convenios, agrega, teñen "por finalidade a consecución dun fin de interese xeral", que é "dar a coñecer aos galegos" e a "todos os foráneos que se acheguen á nosa comunidade" as "medidas hixiénico-sanitarias e pautas de actuación que debemos seguir nas diferentes situacións da vida cotiá e en cada fase de desescalada cara á normalidade e reforcen a idea de Galicia como destino turístico". Estes foron os convenios incluídos ata agora no Rexistro público obrigatorio en virtude da lei de transparencia, o cal non implica que non existan outros aínda non publicados.
Estes convenios foron rubricados e están en vigor á marxe doutras accións de comunicación e publicidade institucional sobre o coronavirus, caso dun contrato de 394.000 euros da Secretaría Xeral de Medios
Estes convenios foron rubricados e están en vigor á marxe doutras accións de comunicación e publicidade institucional sobre o coronavirus que a Xunta vén desenvolvendo dende o inicio da pandemia a través doutros departamentos. Así, por exemplo, a Secretaría Xeral de Medios adxudicou o pasado marzo un contrato de 394.117,64 euros a unha axencia de publicidade para a realización nos medios de "comunicacións sobre as actividades de emerxencia que poña en marcha a Xunta de Galicia en relación co Coronavirus". Dende o comezo de 2020, Praza.gal recibiu dúas insercións publicitarias da Xunta de Galicia, ambas relativas á covid-19. Suman 463,52 euros máis IVE.
Ademais, Medios asinou bilateralmente con varias cabeceiras contratos para a "difusión de medidas preventivas da saúde pública sobre o coronavirus" por importes que oscilan entre os 700 e os 52.000 euros. Outras consellerías tamén fixeron o mesmo con insercións en diversas cabeceiras que continúan a realizarse.