Non é a primeira vez que Galicia procura saír do abafamento económico ollando cara á outra beira do Atlántico. Durante séculos de inmigración, boa parte da poboación galega atopou en América as oportunidades que non era quen de lograr no país. No ano 2012 e en plena depresión económica Galicia volve pór os ollos no continente americano, aínda que a través da Xunta, por canles institucionais e semella que para lograr dúas finalidades diferentes. O luns 16 de abril o Goberno galego anunciaba por sorpresa que o presidente, Alberto Núñez Feijóo, ía viaxar a México. Esa mesma noite incorporábase á comitiva do titular do Executivo central, Mariano Rajoy para un desprazamento do que apenas se ofrecían detalles, nin da axenda nin dos obxectivos. Apenas se explicaba que ía traballar a prol da "internacionalización" das empresas galegas. Dous días despois, un discurso de Rajoy dende o país mexicano desvelaba que era o que tiña que ver a viaxe con Galicia. A petroleira Pemex, propiedade íntegra do Goberno mexicano, podería estar interesada en construír barcos nalgún estaleiro galego.
Se ben no ámbito comunicativo a viaxe non foi precisamente un éxito para o Executivo, Feijóo si se anotaría un tanto se, finalmente, frutifican unhas negociacións que, asegura, se prolongan dende hai varios meses e que encabeza el mesmo en compaña do conselleiro de Industria, Javier Guerra. Dende o entorno do presidente asegúrase que a decisión de viaxar a México só se tomou no momento en que a Xunta logrou "incluír na axenda" da reunión de Rajoy co presidente do país, Felipe Calderón, a cuestión do naval galego, e unha vez alí o propio Feijóo reuniuse tamén con directivos da petroleira estatal mexicana. Á volta da viaxe e tras a reunión semanal do Consello, desprazada ao venres, o titula rda Xunta amosábase satisfeito polo resultado das conversas. "Profundouse nas negociacións" ata o punto de que nas xuntanzas cos responsables de Pemex "establecemos unha folla de ruta", consistente en que "en oito ou dez semanas" a petroleira decidirá se constrúe en Galicia barcos "da súa frota menor".
No entorno do presidente asegúrase que a viaxe a México foi decidida ao lograr "incluír na axenda" o "posible acordo" con Pemex
Polo momento asegura Feijóo que os criterios de "seriedade e responsabilidade" lle impiden revelar "o contido e alcance" do "principio de acordo" no que atinxea "número de barcos, empregos directos e indirectos" ou os estaleiros nos que se construirían os buques -ao ser cuestionado por se serían instalacións públicas ou privadas limitouse a zanxar: "sector naval galego"-."Hai moitísimos estaleiros no mundo e Pemex nunca fixo ningunha embarcación en Galicia, polo que lle "vai facer unha proposta concreta ao sector naval galego" e "a partir de aí é necesario concretar prezos e número de pedidas". Segundo o presidente Galicia "está na final" e é "a primeira que lle vai facer a proposta" á empresa, a maior compañía de América Latina, subliña.
Posible investimento en Novagalicia Banco
Pero non é esta a única procura que o Goberno galego fai en México. A raíz dunha información publicada polo diario El Mundo Feijóo apostou por revelar outro encontro, este mantido en Galicia, con dous importantes financeiros do País. Despois de que o rotativo madrileño asegurase que o presidente da Xunta estivera presente nunha xuntanza "secreta" en La Moncloa entre Mariano Rajoy e os empresarios Carlos Slim e Olegario Vázquez Raña, Feijóo aclarou que non estivo nese encontro, aínda que si "solicitou" que o presidente español os recibise. Un día despois -a mediados da pasada semana-, aclara, "tiven un xantar no restaurante do Grove" cos financeiros, na que se falou "da situación económica de Galicia" e da posibilidade de "traer investimentos". Por tras destes contactos non estaría o naval, senón a posibilidade de que Vázquez Raña investise en Novagalicia Banco.
Feijóo reuniuse con Carlos Slim e Vázquez Raña no Grove e asegura que PSdeG e BNG o "critican" por "buscar investimentos" para Galicia
Todas estas xestións válenlle ao presidente para tentar darlle a volta política ás críticas recibidas durante os pasados días dende PSdeG e BNG, molestos coa escasa información que a Xunta ofreceu sobre a viaxe a México. "Gustaríame traer investimentos para Galicia, páganme para iso e a miña obriga é intentalo". "Agrádame que me critiquen por iso os responsables da oposición, que entendan que non se deben buscar investimentos na comunidade ou pedidos para o naval". di.