Segunda oportunidade para salvar a cheminea das Pontes como patrimonio cultural

A central térmica das Pontes, aínda en funcionamento, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Manolo Feal

A Xunta decidiu volver incoar o procedemento para declarar BIC o elemento máis recoñecible da antiga central térmica, de 356 metros de altura e que chegou a ser a máis alta de Europa. O primeiro proceso caducou o pasado ano ao non completarse no prazo fixado pola lei

A Xunta decidiu volver incoar o procedemennto para declarar BIC a cheminea da antiga central térmica das Pontes, despois de que o anterior proceso, iniciado en 2022, caducara o pasado ano ao non se completar no prazo estipulado ao faltar un dos dous informes obrigados para resolver favorablementre estes procesos. Isto, en principio, abocaba este importante elemento do patrimonio industrial de Galicia á súa demolición. Porén, vai ter unha segunda oportunidade.

O texto da resolución é moi semellante ao publicado hai tres anos, pero incorpora referencias ao importante apoio social que a declaración BIC atopou nos últimos anos, tanto entre entidades como a Sociedad Española para la Defensa del Patrimonio Geológico y Minero ou a Asociación Galega do Patrimonio Industrial (Buxa) como entre a cidadanía das Pontes, onde se creou a Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial, un colectivo que naceu para reclamar a protección deste espazo e destas instalacións, patrimonio industrial da localidade e "expresión da loita obreira galega".

Mural no interior da central térmica das Pontes © Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes,

A Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial amosa a súa "satisfacción" por "lograr cun traballo intelixente revertir unha situación coa que nos atopamos ao crear esta plataforma"

A Plataforma amosou nos últimos días a súa "satisfacción" por "lograr cun traballo intelixente revertir unha situación coa que nos atopamos ao crear esta plataforma". A entidade anuncia que seguirá "traballando ata que o expediente se peche favorable e definitivamente".

A propia resolución da Consellaría de Cultura destaca que "para os ponteses e pontesas a cheminea deixou de ser simplemente un elemento industrial para converterse nun símbolo da identidade local, ao representar unha era de crecemento, desenvolvemento e transformación, tanto a nivel económico como social".

Coa incoación do expediente, a cheminea fica inscrita de xeito preventivo no rexistro de Bens de Interese Cultural e, polo tanto, estará protexida durante os dous anos previstos para completar o expediente, un tempo no que deberá recibir dous informes favorables sobre o seu valor cultural sobranceiro, os esixidos pola lei para poder declarar un ben de interese cultural.

Unha cheminea de 356 metros de altura que chegou a ser a máis alta de Europa

Coa incoación do expediente, a cheminea fica inscrita de xeito preventivo no rexistro de Bens de Interese Cultural e, polo tanto, estará protexida durante os dous anos previstos para completar o expediente, un tempo no que deberá recibir dous informes favorables sobre o seu valor cultural sobranceiro

Cos seus 356 metros de altura a cheminea da central térmica das Pontes, construída entre 1972 e 1976, chegou a ser no seu momento a máis alta de Europa (debido á intensidade das emisións contaminantes que expulsaba) e segue a ser un dos elementos das súas características máis altos de todo o mundo. Foi deseñada polas prestixiosas empresas M.W. Kellogg Limited e construída por Ekauxea, ambas as dúas mercantís líderes tecnolóxicas no seu tempo.

A resolución salienta o seu "valor cultural, tecnolóxico e científico" e o seu "valor cultural histórico" e destaca que "a gran cheminea posúe características que permiten xustificar a súa singularidade e monumentalidade" e constitúe "o elemento máis recoñecible e salientable do conxunto industrial". Conclúe neste senso que "a conservación deste elemento favorece, por tanto, a memoria da funcionalidade que xustificou a súa construción e o mantemento da caracterización dunha paisaxe moldeada ao longo do último medio século segundo os requirimentos da produción eléctrica estratéxica na economía de todo o país".

Mural no interior da central térmica das Pontes © Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes,

"Para os ponteses e pontesas a cheminea deixou de ser simplemente un elemento industrial para converterse nun símbolo da identidade local, ao representar unha era de crecemento, desenvolvemento e transformación, tanto a nivel económico como social", destaca a resolución

"O noso futuro non pode construírse derrubando o noso pasado e non debemos conformarnos cunha simple exposición fotográfica", di a Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial no seu manifesto fundacional. O seu impulsor, Miño Guerreiro alertaba entón de que "a destrución da cheminea sen un proceso consensuado, como símbolo dun pobo, testemuña da súa transformación, representante da súa psicoloxía e identidade, podería deixar unha ferida colectiva difícil de cuantificar".

Posibles usos

"As posibilidades de utilización da cheminea son amplas e non ten que quedar necesariamente como un referente da paisaxe carente de calquera funcionalidade concreta e excluída da calquera actividade que poida xerar un beneficio ou retorno económico", indica o texto da Consellaría de Cultura

O documento sinala que a cheminea "mantén un bo estado de conservación, sen observarse danos apreciables que ameacen a súa integridade" e fai unha valoración dos posibles usos futuros. Sinala, neste senso, que "as posibilidades de utilización da cheminea son amplas e non ten que quedar necesariamente como un referente da paisaxe carente de calquera funcionalidade concreta e excluída da calquera actividade que poida xerar un beneficio ou retorno económico". 

Independentemente do uso que se lle dea á cheminea, esta posúe unha clara potencialidade como ferramenta didáctica, de interpretación do contexto histórico da era do carbón, así como do impacto social da actividade industrial na veciñanza das Pontes de García Rodríguez e en como chegou a converterse a cheminea en parte da súa identidade local. No expediente proponse unha contorna de protección de 45 metros ao redor da cheminea. 

Construción dun dos edificios da central térmica das Pontes en 1957 CC-BY-NC IPCE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.