Unha ducia de espazos do mundo do traballo en Galicia que son tamén patrimonio cultural
O pasado mes de setembro a UNESCO ampliou a declaración de Patrimonio da Humanidade co que xa contaba Guimaraes dende o 2001, incluíndo a zona de Couros, barrio onde se atopan as curtidorías históricas da cidade lusa, con orixe na Idade Media nalgúns casos. En Galicia ningún espazo do mundo do traballo -aínda que temos moi bos exemplos- conta cunha consideración ou protección tan elevada, aínda que nos últimos anos algúns elementos patrimoniais foron incluídos nas relación de Bens de Interese Cultural. Repasamos algúns deles.
-
01
Fábricas do Sarela
Poderíamos establecer unha comparación entre Compostela e Guimarães, cidades de orixe medieval nas que dende hai décadas os seus cascos históricos foron recoñecidos como Patrimonio da Humanidade. En Santiago, aínda que o espazo protexido abrangue os barrios que rodean a améndoa central, non inclúe as Fábricas do Sarela (na imaxe a Fábrica de Pontepedriña de Arriba) e outros espazos fabrís históricos que dan conta dun pasado no que a cidade era moito máis que un centro relixioso ou de peregrinación. Uns espazos que agora si acadan a máxima consideración da Unesco no caso de Guimarães.
-
02
Fábrica de Sargadelos
O Complexo Industrial de Sargadelos en Cervo (na imaxe os antigos fornos de fundición) está protexido dende o ano (unha declaración BIC ampliada en 2014 á fábrica de cerámica ligada ao Laboratorio de Formas) e supón un dos mellores exemplos de patrimonio industrial histórico en Galicia.
Sargadelos abriu en 1791 en Cervo a súa fundición e en 1804 a súa fábrica de cerámica, unha instalación ilustrada e propia da revolución industrial con poucos exemplos na Galicia da época, aínda afundida en tempos máis escuros. A instalación foi abandonada en 1875, pero aínda se pode visitar nun fermoso percorrido.
-
03
Fábricas do Castro
En cambio, a fábricas de Sargadelos no Castro (Sada) non contan coa mesma protección, malia as demandas da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo e outras entidades "pola necesidade de preservar a verdade histórica e a obra de Isaac Díaz Pardo". Nos últimos meses, a Xunta accedeu finalmente a declarar Ben de Interese Cultural o Museo Maside, pero non estendeu esta consideración ao conxunto do complexo industrial ante a negativa da empresa, que considera que a ampliación do BIC "molesta e moito".
-
04
Fábrica da Luz de Río Mao
Na relación de Bens de Interese Cultural non hai moitos exemplos de patrimonio industrial ou espazos de traballo, pero si hai algún. É o caso da Fábrica da Luz de Río Mao, en Parada de Sil, que foi incluída no ano 2018 na protección da paisaxe cultural da Ribeira Sacra.
-
05
Muíños do Folón e do Picón
Nesa declaración de 2018 tamén se incluíron os Muíños do Xábrega, en Sober. Muíños hai moitos, por toda Galicia, movidos pola auga de ríos e regatos, polo vento e mesmo por mareas. E, dende logo, foron dende sempre un espazo de traballo fundamental para a produción de alimentos. Poucos complexos son tan impresionantes coma os Muíños do Folón e do Picón, no Rosal, que contan dende 1998 con declaración BIC.
-
06
Olaría de Niñodaguia e Gundivós
Tamén contan dende 2018 con declaración BIC algunhas técnicas, neste caso de alfaría e olaría, coma as de Niñodaguia (Baltar) e Gundivós (Sober). Como se destaca na declaración, "a olaría da Ribeira Sacra é un exemplo paradigmático da conservación e salvagarda dos saberes técnicos ligados ás formas de vida tradicionais e a aposta pola súa conservación e difusión como un xeito de vida".
-
07
Técnicas construtivas da carpintaría de Ribeira
Tamén son Ben de Interese Cultural as técnicas construtivas da carpintaría de Ribeira, un conxunto de saberes para a realización de embarcacións nunha terra, a galega, que sempre foi mariñeira. A declaración de 2019 destacaba o o papel da Asociación Galega de Carpintaría de Ribeira (Agalcari), que reúne uns 20 estaleiros e carpintarías de ribeira, e da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar). Na imaxe, o estaleiro de Ciprián, en Outes.
-
08
Os arsenais ferroláns
A carpintaría de ribeira deu paso á construción de embarcacións de maior tamaño, dando lugar en Ferrol á creación do Arsenal militar no século XVIIII, delcarado BIC en 1994, e tamén ao máis cativo Dique de mareas da Cabana en 1810, alcumado tamén Arsenal civil en contraposición, que aínda non conta con esta protección.
-
09
Adro Vello e a tradición de salga e conserva de produtos do mar
Esa Galicia que dende hai séculos traballou no mar reflítese tamén no importante patrimonio relacionado coa pesca e a conservación dos produtos pesqueiros, dende os antigos traballos de salga. Un importante exemplo é o xacemento do Adro Vello, no Grove, que iniciou o pasado ano o proceso para a súa declaración BIC. Os restos, que inclúen unha vila romana, inclúen unha fábrica de salga con dous mil anos de historia.
Máis recente é o patrimonio indistrial vencellando á industria conserveira moderna, que van dende a salgadeira de Moreiras, moi próxima, tamén no Grove, ata a fábrica de Massó en Cangas, entre outros moitos exemplos
-
10
Poboado dos Covallos en Montefurado
Tamén conta con declaración BIC o Poboado dos Covallos de Montefurado. Todo o espazo de Montefurado é en si mesmo historia do mundo do traballo, neste caso da actividade mineira, pero en concreto o poboado fálanos da industria máis recente e do proceso de transformación da paisaxe coa construción dos grandes encoros.
O poboado foi promovido a mediados do século XX por Iberdrola para acoller o persoal que ía traballar na central de Montefurado, que se atopa a moi pouca distancia, e as outras centrais do Sil que estaban nas proximidades.
Un exemplo semellante témolo no poboado mineiro de Fontao, en Vila de Cruces, que non conta con protección.
-
11
A minaría
Tamén a minaría deixou un patrimonio histórico moi importante dende a antigüidade ata os tempos máis recentes. Por exemplo, en Vilaoudriz (A Pontenova) funcionaron entre 1900 e 1930 minas de ferro, das que hoxe podemos ver importante restos, coma os fornos de calcinación de mineral das minas e a estación do ferrocarril da Pontenova, xunto co cargadoiro de Ribadeo.
Máis descoñecida e menos protexida é a minaría de wolframio, que se estendeu por moitas comarcas de Galicia nos anos 30 e 40, especialmente durante a Segunda Guerra Mundial. Temos, por exemplo, as minas de volframio de Casaio, coñecidas como "as minas dos alemáns" pois aínda que foron fundadas en 1914 por unha compañía belga, en 1938 os terreos foron adquiridos polo consorcio SOFINDUS, un conglomerado de empresas de propiedade nazi.
-
12
Outras industrias
O patrimonio industrial galego é moi rico. A Asociación Buxa (Asociación Galega de Patrimonio Industrial) recolle na súa web case 700 elementos de todo tipo, con imaxes e información sobre a súa historia e estado de conservación. Destacamos a antiga azucreira de Portas, fundada en 1899 e que aínda que só estivo cinco anos en funcionamento, deixou un fermoso edificio, que se pode visitar externamente.
A fábrica de Alfageme en Vigo ou a Panificadora da cidade olívica son outros dous exemplos dun patrimonio que en moitas ocasións está en perigo de desaparición, como sucedeu coa antiga fábrica de lapis de Ferrol