Este luns reabriu as súas portas despois de sete anos o Museo Carlos Maside, situado en Sada. Fíxoo baixo a denominación de Museo Sargadelos-Carlos Maside e acompañado dunha promesa por parte da Consellaría de Cultura.
O proceso foi iniciado polo Parlamento galego no ano 2010
O conselleiro Román Rodríguez anunciou que a Xunta incoará "este mes" o expediente para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) o museo, un proceso cuxo inicio foi aprobado por unanimidade no Parlamento galego no ano 2010 e que entidades coma a Asociación cultural Irmáns Suárez Picallo ou o Concello de Sada veñen reclamando dende entón.
"Todo o que é bo para Sargadelos, é bo para Galicia e para a nosa cultura. Por iso hoxe celebramos en Sada a agardada reapertura ao público do Museo Carlos Maside", destacou Rodríguez, que salientou que a declaración BIC "recoñecerá e protexerá este legado". No acto de reapertura o conselleiro destacou que "este é un bo día para a cultura galega ao reabrir un centro como este, unha institución cultural tan singular como foi e é este museo".
"Todo o que é bo para Sargadelos, é bo para Galicia e para a nosa cultura. Por iso hoxe celebramos en Sada a agardada reapertura ao público do Museo Carlos Maside", destacou o conselleiro de Cultura
A declaración afectará ao edificio deseñado por Andrés Fernández-Albalat e tamén ás pezas artísticas do seu valioso fondo, entre as que hai obras de Castelao, Seoane, Mallo, Colmeiro, Laxeiro, Lugrís, Llorens e o propio Maside, entre moitos outros. Unha vez incoado o expediente, a declaración deberá ser publicada no DOG.
O museo contén ao redor de dúas mil obras e no último inventario realizado calculábase que ao redor do 7% presentaba algún tipo de deterioro.
A declaración afectará ao edificio deseñado por Andrés Fernández-Albalat e tamén ás pezas artísticas do seu valioso fondo
Hai uns días a Asociación cultural Irmáns Suárez Picallo, ao ter noticia da reapertura das instalacións, reclamou publicamente unha vez máis a declaración, ademais de esixirlle ao Goberno galego que "exerza as súas funcións" e que se "recupere e actualice" o proxecto museístico "con fidelidade ao ideado por Díaz Pardo e Seoane".
O anuncio foi ben recibido por Sadamaioría, que destacou que "a Xunta faise eco da demanda social e institucional dos últimos anos e outorgará o grao máximo de protección para outra xoia do noso patrimonio cultural".