Reclaman que o Museo Carlos Maside sexa declarado BIC e recupere o modelo "ideado por Díaz Pardo e Seoane"

Interior do Museo Carlos Maside © isaacdiazpardo.gal

O vindeiro luns 17 de xullo reabrirá as súas portas ao público o Museo Carlos Maside, pechado dende o ano 2016, segundo anuncia na súa web o Grupo Sargadelos. O agora denominado Museo Sargadelos-Carlos Maside, situado no Complexo do Castro, en Sada, ocupa un fermoso edificio deseñado por Andrés Fernández Albalat e acolle obras de Castelao, Seoane, Mallo, Colmeiro, Laxeiro, Lugrís, Llorens e o propio Maside, entre moitos outros.

O vindeiro luns 17 de xullo reabrirá as súas portas ao público o Museo Carlos Maside, pechado dende o ano 2016

O valor dos seus fondos, unido ao proceso de abandono sufrido na última década, levaron nos últimos anos a entidades coma a Asociación cultural Irmáns Suárez Picallo, o Concello de Sada e os propios fillos de Isaac Díaz Pardo a reclamar da Xunta a súa declaración como Ben de Interese Cutural (BIC), unha demanda aprobada por unanimidade no Parlamento galego no ano 2010. Porén, os accionistas maioritarios do Grupo Sargadelos veñen negándose a aceptar esta figura de protección, a máxima existente en relación co patrimonio cultural galego.

Exterior do museo Carlos Maside © https://www.isaacdiazpardo.gal/

O valor dos seus fondos, unido ao proceso de abandono sufrido na última década, levaron nos últimos anos a entidades coma a Asociación cultural Irmáns Suárez Picallo, o Concello de Sada e os propios fillos de Isaac Díaz Pardo a reclamar da Xunta a súa declaración como Ben de Interese Cutural, que o Grupo Sargadelos rexeita

Agora, ante a nova da reapertura do museo, a AC Irmáns Suárez Picallo volve demandar a declaración BIC do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside. A entidade denuncia que a Xunta leva anos mantendo "paralizado" o procedemento do expediente BIC do Carlos Maside, "o cal resulta inexplicable tendo en conta a importancia transcendental deste museo e o que representa na historia contemporánea de Galicia".

A entidade reclama que a Xunta "exerza as súas funcións" e que se "recupere e actualice" o proxecto museístico "con fidelidade ao ideado por Díaz Pardo e Seoane". Neste senso, denuncia a "deriva mercantilista" impulsada no Grupo Sargadelos polo grupo de accionistas maioritarios -liderados por Segismundo García- que se fixo co control pouco antes do falecemento de Isaac Díaz Pardo e "que levou a desvirtuar o proxecto empresarial de Díaz Pardo como industria cultural", comezando polo desmantelamento de Ediciós do Castro ou do Instituto Galego da Información.  

A asociación denuncia que a Xunta leva anos mantendo "paralizado" o expediente BIC, "o cal resulta inexplicable tendo en conta a importancia transcendental deste museo e o que representa na historia contemporánea de Galicia"

A asociación Irmáns Suárez Picallo critica que a reapertura do museo, que levaban anos demandando, "faise baixo os criterios e a dirección das mesmas persoas que levaron O Castro e Sargadelos á situación actual, lonxe dos principios que alumaron a súa creación" e alertan dun "novo e preocupante rumbo que se lle pretende dar" ao museo. Faise, ademais, "á marxe do propio Padroado do Museo Carlos Maside –propietario de boa parte da colección que o museo atesoura– e do Laboratorio de Formas de Galicia, que representa o legado ideolóxico e estético de Isaac Díaz Pardo e de Luis Seoane". 

Cartel do Museo nos anos 70 e da exposición Picasso-Miró de 1971 © https://www.isaacdiazpardo.gal/

A entidade critica que a reapertura do museo "faise baixo os criterios e a dirección das mesmas persoas que levaron O Castro e Sargadelos á situación actual, lonxe dos principios que alumaron a súa creación"

A entidade lembra que foron Díaz Pardo e Seoane "as que promoveron a posta en marcha do museo en plena ditadura, co obxectivo de tender unha ponte coa Galicia anterior á Guerra Civil, sepultada baixo a represión do franquismo ou afastada do país polo exilio". "Cómpre, pois, valorar o que significou erguer un proxecto cultural desta envergadura e características naquel contexto: un innovador concepto de museo que se viu culminado coa construción do singular edificio vangardista que o acolle", engade.

Un museo con medio século de historia

A asociación denuncia a "deriva mercantilista" impulsada no Grupo Sargadelos polo grupo de accionistas maioritarios "que levou a desvirtuar o proxecto empresarial de Díaz Pardo como industria cultural"

O Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside inaugurouse en 1970, pensaddo para conservar e exhibir, partindo de Castelao como xerme da renovación, as obras da arte galega da xeración de artistas dos anos trinta do pasado século, "a que rompeu coas normas tradicionais da plástica galega e que era descoñecida a causa da morte, do exilio exterior ou interior e do esquecemento que sufriron gran parte dos seus membros logo da Guerra Civil e da instauración da ditadura franquista", como destaca a web Isaac Díaz Pardo. Memoria Viva. 

"Había que crear unha institución que recuperara o movemento renovador da arte galega", sinalou neste senso o propio Isaac Díaz Pardo. Tamén se recollía no proxecto a conservación e a exhibición das obras dos artistas das xeracións posteriores.

Padroado do Museo Carlos Maside: Andrés Fernández-Albalat, Valentín Paz Andrade con su mujer Pilar, Elena Montero, Maruxa Seoane, Domingo García Sabell, Rafael Dieste, Francisco Fernández del Riego, Ramón Piñeiro e Díaz Pardo, entre outros © https://www.isaacdiazpardo.gal/

Nos seus primeiros anos ocupou un edificio provisional cedido por Cerámicas do Castro, aínda que xa en 1971 ampliouse o Museo cunha nova sala dedicada a exposicións temporais, inaugurada cunha mostra de gravados de Picasso e Miró, á que lle seguiron outras dedicadas a Grosz, Alberto, Clavé, Solana, Guinovart e Bertolt Brecht. En 1982, o Museo trasladou a súa sede definitiva ao edificio deseñado por Andrés Fernández-Albalat, unha construción de tres plantas, con doce salas de exposicións e un auditorio deseñado por Díaz Pardo.

O Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside inaugurouse en 1970, pensaddo para conservar e exhibir, partindo de Castelao como xerme da renovación, as obras da arte galega da xeración de artistas dos anos trinta do pasado século

Ademais das funcións estáticas (salas de exposicións permanentes, arquivos e biblioteca), o proxecto pretendía facer funcións dinámicas, como a programación de exposición, conferencias, proxeccións de cine, e mesmo a creación da Barraca Carlos Maside, a imitación da Barraca Resol montada en Santiago durante a Segunda República, para expoñer obras de arte e dar conferencias polas vilas galegas. Nestes primeiros anos, tamén hai que salientar o labor desenvolvido por Xosé Díaz, fillo de Díaz Pardo, na programación das sesións de cine no Museo.

A colección consta de 2.100 obras, 500 delas en exposición permanente. Na planta baixa, móstranse as obras de Castelao e do movemento renovador, as dos artistas e movementos desde a Guerra Civil ata a actualidade na segunda, mentres que a terceira está dedicada ao debuxo humorístico e ao cómic.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.