Sargadelos decidiu, menos de dous meses despois de que reabrise as súas portas, pechar o Museo Carlos Maside que o grupo empresarial ten dentro do conxunto de Cerámicas do Castro en Sada. Foi a resposta que o administrador único da compañía, Segismundo García, deu á petición do Concello —previo acordo plenario maioritario— para que a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) aplicada provisionalmente o pasado agosto se estendese a todo o complexo industrial, ao igual que acontece coas instalacións da fábrica na Mariña, en Cervo.
Malia as peticións por parte do Concello para que a Xunta amplíe o BIC e para que interveña e evite que se manteña pechado o museo, desde a Administración autonómica limítanse a pedir "diálogo" e que as dúas partes enfrontadas acheguen posturas. Mentres, a reixa volve baixar un proxecto deseñado e impulsado por Isaac Díaz Pardo, Luís Seoane e Andrés Fernández-Albalat, cun fondo de máis de 1.500 obras centrados nos artistas e arte galega que fora agochada xa á forza pola ditadura e o exilio.
A Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo presenta alegacións á declaración BIC do museo e pide estendelo "ás edificacións do conxunto do complexo de Cerámicas do Castro"
Ante esta situación, a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo (ACISP) vén de presentar diante da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura as alegacións ao expediente que incoa o procedemento para declarar BIC o edificio do Museo Carlos Maside e a súa colección de arte. Nel, a entidade solicita a extensión da declaración "ás edificacións do conxunto do complexo de Cerámicas do Castro, incluídas as do taller cerámico orixinario nas antigas cocheiras do pazo", así como que, subsidiariamente, "mantendo a categoría BIC de monumento ao edificio do Museo, se categorice coa categoría de sitio histórico o conxunto do complexo de Cerámicas do Castro".
A asociación reclama, tamén, que os informes que se soliciten á Real Academia Galega de Belas Artes e ao Consello da Cultura Galega se refiran "ao conxunto do complexo de Cerámicas do Castro e non exclusivamente ao Museo".
A ACISP considera necesaria a extensión da declaración BIC ao todo o conxunto "pola necesidade de preservar a verdade histórica e a obra de Isaac Díaz Pardo" e de "visibilizar a figura de Carmen Arias de Castro, Mimina, sen cuxa participación activa non sería posible a obra de Isaac tal como é coñecida".
A entidade pide "coherencia" a Patrimonio e di "non poder entender" como o complexo de Sada non é declarado BIC pero si o de Cervo, posterior ao do Castro e "xermolo" daquel
Ademais, advirte tamén desta extensión "por coherencia na actuación da propia Dirección Xeral de Patrimonio, que declarou BIC o conxunto da fábrica de Cervo e pretende limitalo en Sada ao museo Carlos Maside". A entidade pretende que así se poida "garantir o desenvolvemento normal da actividade empresarial no Castro" e preservar o "valor patrimonial e cultural do conxunto do complexo".
É nesa petición de "coherencia" onde se basean boa parte das alegacións e dos argumentos de Concello e forzas políticas. "Chama poderosamente a atención que ese complexo, posterior ao do Castro, fora declarado BIC no seu conxunto, e no caso de Sada se restrinxa exclusivamente ao edificio do Museo Carlos Maside", di a ACISP nas súas alegacións, nas que lembra que Cerámicas do Castro é "o xermolo da fábrica de Sargadelos de Cervo, que foi declarada no seu conxunto BIC".
Na resolución referente ao complexo da Mariña por parte de Patrimonio Cultural xustifícase a declaración de BIC para todo o complexo por estar a fábrica ligada ao Laboratorio de Formas" e constituír, pois, "un exemplo singular e único de industria, na cal o proceso industrial era parte dun proxecto cultural moito máis ambicioso de rexeneración cultural e social de Galicia e no cal o Laboratorio de Formas e as actividades culturais e de investigación derivadas del e da fábrica conformaron unha realidade sobranceira de vangarda diferencialista galega”.
"Se a fábrica de Sargadelos é un exemplo singular e único no cal o proceso industrial era parte dun proxecto cultural máis amplo, resulta evidente que a fábrica do Castro non o é en menor medida", di a entidade, que advirte que é no Castro onde se poñen a andar iniciativas como o Museo Carlos Maside, o Laboratorio de Formas ou Edicións do Castro, onde tivo o seu estudo Luís Seoane ou "onde seguen a funcionar as máquinas e os fornos deseñados por Isaac".
"Non se pode entender como en Cervo se contemplou a globalidade e en Sada a declaración como BIC se restrinxe ao museo"
Desde o punto de vista arquitectónico, segundo a asociación, o complexo tamén "é tremendamente singular" varios edificios, "obra de Fernández-Albalat coa indubidable pegada de Isaac, constitúen fitos do deseño arquitectónico contemporáneo galego" que "conviven, ademais, con pezas artísticas de grande valor estético e profundo significado, como é o mural de Luís Seoane ou a dedicada a Castelao por Francisco Pérez Porto", entre outros. "Todo isto forma parte dun conxunto que non debe ser fragmentado, na medida en que uns elementos explican aos outros", defende.
"Non se pode entender como en Cervo se contemplou a globalidade e en Sada a declaración como BIC se restrinxe ao museo. Non poñemos en dúbida que o Carlos Maside é merecente de tal cualificación BIC coa categoría de monumento (que, por certo, levamos anos reivindicando) pero tamén o é o conxunto do complexo, seguindo a mesma argumentación utilizada para declarar Cervo", insiste a entidade.
A ACISP destaca tamén que na valoración cultural do anexo da resolución de incoación por parte da Xunta alúdese, como fundamentación da non inclusión no BIC do conxunto do complexo, a “outros condicionantes, como o da funcionalidade produtiva e a flexibilidade de usos”. Advirte que a declaración BIC do conxunto "non suporía ningún impedimento ou limitación para o desenvolvemento ou mesmo ampliación sustentable e respectuosa do interese patrimonial da actividade empresarial actual" e que na resolución por parte de Patrimonio "non se concretan nin precisan ditos condicionantes nin cal podería ser a afectación funcional-produtiva de tal declaración
BIC".
Así, lembran que "a limitación de usos e condicionantes e limitacións urbanísticas quen a establece, e para o conxunto do ben delimitado patrimonial, é o PXOM de Sada". E que este plan xa recoñece como "solo urbano de uso global industrial, os enclaves empresariais de Espírito Santo – Soñeiro e o complexo de Cerámicas do Castro, incluíndo tanto as áreas consolidadas de conformación histórica como os ámbitos desenvolvidos en base ás previsións do planeamento anterior”.
Respecto das dúbidas, no PXOM aclarouse que “no enclave do complexo Cerámicas do Castro establécense unicamente como usos principais pormenorizados, o industrial en categoría 2ª, na modalidade de fabricación e comercialización de produtos cerámicos, e o de actividades recreativas, sociais e culturais nas categorías 1ª, 3ª, 4ª e 8ª (comedor de empresa)”. E a entidade lembra que as determinacións de usos e urbanísticas deste plan "non consta que fosen obxecto de impugnación por parte da empresa nin moito menos impedimentos ou limitadoras da continuidade funcional-produtiva desta".