Sargadelos pechará de novo o Museo Carlos Maside de Sada. Menos de dous meses despois de que reabrise, o grupo empresarial vén de anunciar o peche en resposta ao acordo do pleno do Concello de Sada para reclamar á Xunta a ampliación da declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) a todo o complexo industrial, como ocorre no centro que a compañía ten en Cervo.
Sadamaioría, BNG e PSOE sumáronse o pasado 31 de agosto a este acordo ao que se opuxo o PP, mentres Unidos por Sada se abstiña. Agora, Segismundo García, administrador único de Sargadelos, responde cunha dura carta ao Concello no que critica aos partidos que aprobaron a moción do Bloque pola súa "teima" e a súa "enciclopédica ignorancia en asuntos mercantís".
Segismundo García, administrador de Sargadelos, acusa os partidos que apoian a proposta de estender o BIC de "enciclopédica ignorancia en asuntos mercantís"
O empresario sitúase en contra da opinión do alcalde, Benito Portela, e do voceiro do BNG, Emilio Graña, que aseguran que a catalogación BIC de toda a fábrica e complexo de Cerámicas do Castro non é problema ningún para a súa actividade nin supón restricións a maiores. Segismundo García, que cualifica de "ex-mareado" ao rexedor, considera que esta declaración "molesta e moito".
"As empresas deben ser áxiles na toma de decisión e na adecuación das súas instalacións aos novos procesos produtivos. E tal declaración é un impedimento formidable porque nos fai depender doutros catro departamentos administrativos e burocráticos, ao que non estamos dispostos", asegura quen non dubida en cualificar de "inxerencias espurias" a decisión do pleno. "As súas teimas parécenme moi ben e moi respectables ata que entran en conflito cos meus intereses, que non son outros que erguer as empresas e protexer o seu patrimonio".
O empresario cre que ampliar o BIC "molesta e moito": "As empresas deben ser áxiles na toma de decisión e na adecuación das súas instalacións aos novos procesos produtivos"
"Agradeceríalles que tomasen vostedes o control das empresas, ben vía compra, ou ben vía expropiación, para poder poñer en práctica esas ideas formidables", engade García, antes de advertir de que "se paralizan as obras xa empezadas, se anulan os investimentos programados, se rescinden os convenios con ese Concello e se pechan ao público o museo Sargadelos-Carlos Maside".
A partir de agora, di, abrirase "só os días e horarios que a Xunta dispoña e se hai persoal para a súa atención" e lanza unha recomendación ao BNG. "Poderían ofrecer a dirección das empresas aos irmáns Suárez Picallo ou Díaz Pardo. Expertos xestores".
O anuncio do peche chega ao mesmo tempo que un comunicado do comité de empresa de Sargadelos, tamén contrario á ampliación do BIC á fábrica porque, segundo di, "pon e risco" os traballos e a actividade. Ademais, chega menos dun mes despois de que a Xunta incoase o expediente desa declaración BIC que implica garantir a súa apertura.
A petición de aplicar o BIC a todo o complexo de Cerámicas do Castro fora aprobado ata tres veces no pleno e desde o Concello piden á Xunta que interveña para impedir o peche dun proxecto que fora impulsado por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane nos anos 60 coa achega clave do arquitecto Andrés Fernández-Albalat.
Os descendentes de Díaz Pardo, que perderon o control sobre o grupo empresarial hai unha década, defenden a aplicación do BIC a todo o conxunto, ao igual que o colectivo cultural Irmáns Suárez Picallo, que acusa a Dirección Xeral de Patrimonio de colocarse "do lado do interse particular e en contra do interese xeral" ao iniciar o expediente de declaración BIC do museo e non do conxunto das Cerámicas do Castro.